Skip to Content

ESCOLA DE NAIS E PAIS: Educación dixital - Antonio Rial

Un ano máis realizamos no centro a Escola de Nais e Pais.

Esta iniciativa nace debido á participación do profesorado en Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP), por segundo curso consecutivo, e á existencia de tres Grupos de Traballo do profesorado no centro. Estes grupos de traballo están vinculados a tres proxectos levados a cabo durante este presente curso escolar 2018-2019: “Edulingüe: centro Plurinfantil e Plurilingüe”, “EDIXGAL: educación dixital” e “Introdución á robótica educativa na educación primaria”.

No centro somos conscientes da importancia da actualización e continua formación do profesorado para poder acadar os obxectivos que nos propoñemos en cada proxecto levado a cabo no centro. Do mesmo xeito, consideramos que é importante a formación das familias paralelamente en asuntos de grande interese, tanto no ámbito da escola como fóra dela, para a educación e desenvolvemento persoal e social dos/as vosos/as fillos/as.

A primeira xornada virá dada polo poñente Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social e profesor titular da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e usuario e experto en metodoloxía de investigación en Ciencias Sociais e da Saúde. En 2011 foi coordinador do estudio “Adolescentes e internet en Galicia”, realizado polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación; en 2014 o estudo “Mocidade On Line”, que é ata o de agora un dos estudos con maior importancia realizado en España sobre o tema, e autor tamén do libro “Adolescentes e novas tecnoloxías: unha responsabilidade compartida”.

Debido a abundante cantidade de proxectos relacionados coas TIC desenvoltos no centro, creemos que é de interese para nós e as familias coñecer un pouco máis sobre as vantaxes e tamén perigos que estes dispositivos poden achegar as novas xeracións.

Durante esta xornada abordaronse moitos temas de impacto nas nenas/os e adolescentes hoxe en día como os videoxogos, o ciberbullyng ou acoso na rede, as apostas e o xogo, o sexting ou o grooming, entre outros. As familias puideron compartir as súas inquedanzas con Antonio, que en todo momento tentou aportar ferramentas para tratar da mellor maneira posible estes temas que poden chegar a ser dificiles de manexar no seno familiar. 

Ante todo, educadoras/es e familias puidemos compartir ideas e inquedanzas, aportando as diferentes visións que dende o noso rol posuímos, facendo desta unha xornada entretida e enriquecedora, tanto para as familias como para a labor docente. 

A xornada foi totalmente voluntaria e gratuíta para todas as familias que puideron acercarse a compartir esta xornada entre todas/os.

Tanto ás familias que se achegaron, como aquelas que nós transmitiron o seu interese pero a súa imposibilidade por motivos laborais e persoais, moitas gracias por acudir e formar parte activa desta escola. 



blog | by Dr. Radut