Responder ó comentario

Esta semana remaotu o cume do clima organizada pola ONU e celebrada en Madrid. Para decepción de moitos, non se chegou ao gran acordo polo clima que se esperaba. Por iso é importante que todas e todos colaboremos na protección do noso planeta, xa que todo xesto conta. Desde o CEIP Francisco López Estrada levamos a cabo unha serie de accións neste sentido que esperemos se prolonguen non só durante este curso, senón que perdure como un bo hábito do noso alumnado.

Un dos primeiros pasos que demos foi a incorporación de distintos recolectores repartidos por todo o colexio para separar e clasificar axeitadamente os residuos. Até os máis pequenos lévano a cabo con gran eficiencia. 

Algúns residuos como os bolígrafos necesitan un colector especial. É moi importante separar axeitadamente cada refugallo para que o seu procesamento sexa moito máis rápido e eficaz. 

Aínda que o alumnado é moi responsable e está a realizar a reciclaxe con moita eficiencia, necesitamos mellorar a redución de residuos. O recolector de envases énchese cada día con moitos envoltorios da merenda. Para evitar, ou polo menos para reducir ese problema, inscribímonos no seguinte programa "Recreos Residuos Cero".

Este programa, organizado por "Teachers for Future Spain", ten como obxectivo motivar ao alumnado para que nos seus xantares e merendas non haxa ningún residuo, ou que sexa o mínimo posible. 

Para tal fin contamos coa axuda de Chip, que nunha serie de sinxelos pasos indícanos como organizar as nosas merendas para que sexan respectuosas co medio ambiente. Medidas tales como traer froita, usar unha cantimplora para a bebida ou meter a merenda nun recipiente reutilizable evitan toda esta acumulación de residuos.

Un dos refugallos máis contaminantes e agresivos co medio ambiente son as pilas e baterías que temos na casa. Por iso animámonos a participar no concurso "Pilabot" organizado pola Xunta. Nel prémiase aos colexios que recollan maior cantidade de pilas para o seu posterior tratamento e reciclaxe. Tamén queremos aproveitar, especialmente agora que se achegan estas datas do Nadal, para recomendar o uso de pilas recargables, que son moito máis respectuosas coa nosa contorna e economía. Grazas a todas e todos por colaborar e por coidar o noso planeta. 

Notificación sobre a reciclaxe

Notificación sobre recreos resíduos cero

Notificación sobre proxecto Pilabot

Notificación sobre a reciclaxe de tapóns

Responder