Enderezo: Rúa do Peirao nº3 Chapela - Redondela (Galicia) Telf: 886 11 06 82 - Email: equipodirectivo@ceipdelaredo.com Horario: L-V 09:00h-14:00

Chega o Verán...e agora que fago? Ler, ler e ler....

 Recomendamos ler en familia durante o verán.

Hai quen pensa que os cativos teñen demasiado tempo libro no verán? 

Se a conciliación dentro da súa familia o permite, dispoñen de tempo para facer outras actividades que non están determinadas pola esixencias do calendario escolar. Participar nun campamento con actividades ao aire libre, deportivas ou artísticas, e se non posible, nos campamentos urbanos, sempre é unha experiencia valiosa para desenvolver as habilidades sociais e poñer a proba a autonomía. Como tamén é o tempo para gozar da vida en familia, compartindo uns días de viaxe, indo á praia, camiñando polo monte ou participando nalgunha experiencia solidaria. En todo caso, o tempo, tamén o do verán, hai que organizalo e nunca está de máis que cada crianza prepare un horario acordado en familia onde se establezan momentos diarios para o xogo ao aire libre e o deporte, para o xogo no cuarto, para a lectura e para utilizar as pantallas (videoxogos, películas e contidos de internet). Como non está de máis lembrar que o tempo de verán non debe empregarse para realizar actividades académicas, que se retomarán a comezos de setembro.

Como poden as familias fomentar a lectura e a escritura aproveitando o día a día das vacacións de verán?

Non hai mellor medida de fomento da lectura que a adquisición deste hábito estea enraizado na propia familia, onde todos e todas, maiores e crianzas son lectores e lectoras. Como durante o tempo de verán é posible que a lectura e a escritura sexan diarias. Ningún día sen ler e sen escribir (ou debuxar) unhas poucas liñas sobre o lido.

Que actividades son recomendables para promover a lectura das crianzas durante o verán?

Velaquí un decálogo onde cada familia pode escoller algunhas recomendacións:

  • 1-. Elaborar un horario de verán para as crianzas, que contemple que hai un momento do día para dedicarllo á lectura e a escritura sobre o lido, outro para o xogo no cuarto, outro para utilizar as pantallas e outro para practicar deporte ou xogar fóra da casa con outras crianzas.
  • 2-. Visitar a biblioteca pública, polo menos unha vez á semana, para formalizar préstamos e entregas.
  • 3-. Solicitar na biblioteca pública ou mercar na libraría un libro de extensión superior á habitual coa intención de rematalo durante o tempo de verán.
  • 4-. Reler algún dos títulos preferidos do curso ou de veráns anteriores.
  • 5-. Actualizar todas as semanas o diario de lecturas do verán, onde se recollen as nosas opinións sobre o que lemos, onde facemos as nosas recomendacións lectoras que compartimos, primeiro coa familia, e se nos é posible coas amizades.
  • 6-. Aconsellarnos co persoal da biblioteca ou da libraría para experimentar na escolla das nosas lecturas con títulos non narrativos, dende libros informativos, de poesía ou de teatro.
  • 7-. Ler libros tanto en galego como en castelán, se non fose posible tamén noutra lingua.
  • 8-. Ler algún título de novela gráfica, banda deseñada, cómic ou álbum ilustrado.
  • 9-. Elaborar a lista de cales foron as nosas lecturas preferidas durante o verán.
  • 10-. Experimentar a lectura dixital dalgún título nun e-reader ou nunha tablet.

Manuel Bragado Orientador do CEIP de Laredo