Recoñecemento ao CEIP do Hío por parte da Delegación do Goberno de España en Galicia

A Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno de España en Galicia, con sede na Coruña, convida ao CEIP do Hío para homenaxealo como finalista do concurso nacional de “Buenas Prácticas Educativas-2021”.
Nesta edición dous centros galegos obtiveron a máximo galardón: o CEIP San Marcos de Abegondo (A Coruña) co proxecto “Dámoslle una volta á terra?” e o IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova (Ourense) co proxecto “Un mundo feliz?”.
O CEIP do Hío optaba na modalidade de Desenvolvemento Sostible co proxecto “A CONTAMINACIÓN DE NOSA LAGOA E A NOSA RÍA, A RÍA DE ALDÁN”. Chegamos á fase final do concurso, quedando ás portas do primeiro premio. Aínda así a Delegación do Goberno desexa manifestar o recoñecemento público ao CEIP do Hío pola calidade e impacto real do seu proxecto, nun acto que se celebrará na sede da Delegación do Goberno na Coruña o luns día 21 de febreiro de 2022.
Con este proxecto divulgamos a problemática da contaminación da Ría de Aldán, fundamentalmente por unha xestión incorrecta das augas pluviais, e deixamos constancia de todo o aprendido no patio de recreo. Agora a auga é un elemento de xogo diario, e o equipamento do alumnado inclúe botas de goma.
A auga que nacía nun manancial dentro do propio recinto escolar, e que durante decenios marchou polas cañarías de fecais, agora cae por unha fervenza de máis de 5 metros de altura, discorre polo patio entre comportas e arredor dunha illa e, finalmente, irriga a sedenta Lagoa de Vilariño.
Unha praia fluvial, que é ao mesmo tempo unha balsa de depuración das augas pluviais de medio colexio, almacena e tamén dirixe a auga cara a Lagoa de Vilariño, converténdonos nos pioneiros en integrar no patio de xogos un sistema de depuración mediante plantas macrófitas.
As sorpresas que gardan os patios renovados do CEIP do Hío non rematan aí. Contan cun bombeo mediante un gran Parafuso de Arquímedes, un lavadoiro, unha lagoa cunha ponte sobreelevada para sorprenderse cos tritóns, ras e insectos acuáticos e un aula da natureza exterior. Tamén fixemos intervencións noutras zonas con paneis musicais, encerados exteriores, presas de escalada horizontal e, proximamente, con espazos de xogo simbólico.
Unha aposta educativa para abrir cara ao exterior as aulas, facendo da natureza un elemento cotiá de xogo e interacción, que obtivo o recoñecemento do concurso nacional de “Buenas Prácticas Educativas-2021” e dos "IV Premios Fundación Endesa a la Ecoinnovación-2020" onde quedamos nun meritorio segundo posto entre 240, representando con orgullo aos centros escolares galegos.