A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021.
O lema elixido este ano, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora.
Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:
- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa).
- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.
- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).
- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector.
XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade.