Quen é o apalpador?
O vello Apalpador é unha figura lendaria galega que achega os agasallos ás nenas e aos nenos polas datas de Nadal. Até os nosos días amósase coma un xigante que baixaba das devesas e apalpaba as súas barriguiñas. Se estaban cheas dicía: «Así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.
Para tranquilizar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantáballes.
Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña.
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Hai moitos personaxes polo mundo adiante que traen agasallos aos nenos polo Nadal. Uns están representados como boa xente e outros como “os malos” mais case que todos teñen un tronco común, ben seguro que precristián.
Para saber máis sobre estes personaxes navega por este sitio no que atoparás cousas moi curiosas.
Fonte: https://www.apalpador.gal/quen-e-o-apalpador/orixes/