try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa

Bibliotecas escolares - Blog de Bibliotecas escolares

Día Mundial do Libro 2019

Lun, 22/04/2019 - 08:58

 

 

Achégase o Día mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2019.

Acudiuse, como en anos anteriores, a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á poeta, narradora, profesora e académica Marilar Aleixandre, quen xenerosamente cedeu un poema para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, sobre a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas. Un texto que convida  a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse.

 

 

 

 

VI Concurso de Traballos por Proxectos

Mar, 16/04/2019 - 12:33

 

O Portal Educativo publica  a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 15 de abril de 2019, pola que se convoca o VI CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, para traballos realizados durante o curso 2018/2019.

As modalidades nas que se pode participar son as seguintes: 

1.    Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).  
2.    Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria. 
Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.
A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero se contemplará un apartado especial de traballos do ámbito científico.
3.    Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.

O prazo de presentación das memorias correspondentes segundo o guión contemplado na convocatoria remata o 10 de xullo de 2019.

Na imaxe, alumnado do CPI Cruz do Sar (Bergondo-A Coruña)

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2019/2020 - Centros públicos

Mar, 16/04/2019 - 08:52

O DOG publica hoxe a Orde de 2 de abril de 2019 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2019/2020.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2011, 2012 e 2013 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2018/2019.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio.

 

 

 

Materiais para o Espazo Creativo da Biblioteca

Xov, 04/04/2019 - 08:57

 

Dentro do contexto actual de alfabetizacións múltiples e de modelo evolucionado de biblioteca, no ano 2016 deséñase o proxecto piloto "Escornabots na biblioteca escolar". No ano 2018, o proxecto muda de nome para responder á nova realidade das bibliotecas implicadas, pasando a chamarse "Biblioteca Creativa". Falamos de espazos cooperativos que contemplan todo tipo de linguaxes e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación.

Achégase un documento de apoio cunha selección de materiais e recursos para conformar este espazo. Cada biblioteca debe escoller os máis axeitados ao espazo dispoñible, á idade do alumnado e ás prácticas que interesa incentivar. Os materiais deben ir acompañados da bibliografía que apoie e optimice o seu uso.

O vídeo  presenta unha selección de imaxes de materias e espazos de bibliotecas escolares de Galicia.

 

I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

Mar, 02/04/2019 - 13:04

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data 2 de abril de 2019, o I Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, destinado a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), no contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2019

Xov, 28/03/2019 - 12:13

 

 

Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2019 correspondeulle a Lituania.A autoría do texto e a ilustración son de Kestius Kasparavicius, quen titula a súa mensaxe: Os libros fannos acougar.

Galix, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego.

Día das Artes Galegas: Luís Seoane

Mér, 27/03/2019 - 14:43

 

O día 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas que, neste 2019, homenaxea a Luís Seoane. Queremos aproveitar a ocasión para difundir os libros  que a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes de A Coruña nos fixo chegar para agasallar ás bibliotecas escolares.

Todas aquelas bibliotecas que,  promovendo  actividades creativas e artísticas, celebren esta data e que teñan traballos sobre Seoane, poden envialos antes do 15 de abril ao correo da Asesoría e recibirán un lote destes libros.

Agradecemos á Asociación de Amigos e ao Museo de Belas Artes a súa achega para dotar de fondos de Arte en galego as bibliotecas escolares de Galicia.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebra esta data cunha xornada de portas abertas á que nos convida.

A Rede do Patrimono Cultural achega dous documentos de traballo, para todas as idades, conscientes de que o mellor camiño para a conservación do Patrimonio é o coñecemento.

Actividades nas bibliotecas escolares:

21 de marzo: Poéticas Diversas na Biblioteca Escolar

Dom, 24/03/2019 - 10:15

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nos Encontros PLAMBE con dúas intervencións poéticas. Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares de Galicia deixaban claro que a poesía é alimento para todos e todas:

 

 

Jornada técnica. BIBLIOTECA ESCOLAR: CUESTIÓN DE ENFOQUE. Compostela, 23 de marzo

Ven, 15/03/2019 - 16:01
O sábado 23 de marzo Santiago de Compostela será a sede da xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reúne a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal. Participarán representantes de Andalucia, Aragón, Asturias, Canarias, Castilla y León, Cataluña, Comunidad de Madrid, Comunidad Valenciana, Extremadura, Islas Baleares, Navarra, País Vasco e Región de Murcia. O Ministerio de Educación y Deporte estará representado por persoal adscrito ao CNIIE. Asistirán a esta xornada técnica, así mesmo, responsables da Subdirección de Bibliotecas, da Consellería de Cultura, así como asesores e asesoras da Rede de Formación do Profesorado e os integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería. Previamente, todos os participantes están convidados a participar, en calidade de observadores, á segunda xornada dos Encontros PLAMBE, que se celebrarán os días 21 e 22 de marzo, no Palacio de Congresos, e onde poderán coñecer de preto un bo feixe de experiencias que se están a vivir nas bibliotecas escolares galegas. A actualidade sobre a lectura, as competencias informacionais e mediáticas, a transformación dos espazos e a función das bibliotecas escolares nos centros centrarán os debates dunha xornada que se deseñou como espazo de encontro, reflexión, debate e xeración de coñecemento compartido, co fin de formular propostas de avances neste ámbito da educación. A biblioteca escolar é, en efecto, unha cuestión de enfoque; é o resultado de coñecer as prioridades das comunidades educativas e de poñer en xogo recursos materiais e humanos ao servizo dunha educación máis acorde coas necesidades do alumnado nunha sociedade complexa e cambiante. Unha sociedad que se move a un ritmo de vertixe, por veces, polo que cómpre crear foros como este para pensar e construír xuntos novas paisaxes de actuación e mellora. 

Encontros PLAMBE 2018/2019

Mér, 13/03/2019 - 14:26

 

 

Os vindeiros 21 e 22 de marzo celebraranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondente ao curso 2018/2019, con intevención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas biblioteca, a literatura, a comunicación, o patrimonio, a mediación lectora, as competencias informacionais e mediáticas, a tecnoloxía educativa e a produción audiovisual. Ademais, presentaranse un total de 26 experiencias de centro de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, "hora de ler", voluntariado, biblioteca inclusiva, espazo creativo, proxecto lector, Radio na biblio, clubs de lectura, traballo por proxectos e outros). Neste ano de "poéticas diversas", a poesía estará presente da man de Mar Benegas, Montse Pena e Carlos Negro. 

PROGRAMA

 

 

 

 

 

#8M Todo o Ano

Lun, 11/03/2019 - 15:16

As bibliotecas escolares de Galicia traballan durante todo o curso en prol dunha igualdade efectiva na nosa  sociedade, formando cidadás e cidadáns criticos. Arredor  do Día Internacional da Muller tecen actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a busca e tratamento da información ...

24 de febreiro, Día de Rosalía

Mér, 20/02/2019 - 13:30

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo,  como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA , entre elas as nosas bibliotecas escolares promovendo actividades que acheguen ao alumnado ao significado da súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros,  actividades plásticas e creativas, proxectos multimedia ... son algunhas das actividades que nestes días salietan a modernidade do seu pensamento.

 A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2019, baixo o lema  #LibreOMeuPensamento_rdc_19 ,a celebrar este día co agasallo dun libro  galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de Ana Romaní e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos.

Recomendacións para traballar esta data en Rede Lectura.

 

Actividades das bibliotecas escolares:

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Ven, 08/02/2019 - 10:29

 

 

 

O 11 de febreiro foi declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas."

Unha data que se traballa en moitas das nosas bibliotecas escolares cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación, materiais manipulativos ... son algunhas das actividades que ocupan os espazos creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.

Máis información:

ONU Mulleres

11 de febreiro.org

Maletas viaxeiras Ciencias Primaria e Ciencias Secundaria

Pinterest Ciencia en galego nas Bibliotecas Escolares

Biblioteca Creativa

 

 

13 de Febreiro: Día Mundial da Radio 2019

Mar, 05/02/2019 - 12:43

                                             

No ano 2013 a ONU aprobou a proclamación da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación de Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a coperación internacional entre os organismos de radiodifusión."

Este ano celébrase co lema: "Diálogo, tolerancia e paz" e o poder da radio para promover o entendemento e as cominidades poderosas. Convocan un concurso  para participar cunha producción sonora de dous minutos arredor do tema deste ano.

Animamos a que participen os 50 centros que forman parte do programa de Radio na biblio e  todos aqueles que contan cunha emisora de radio. É un bo momento para difundir as experiencias que promoven o traballo colaborativo en ambientes de tolerancia, respecto e integración.

 

 

Na imaxe, os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) entrevistando ao alcalde.

1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta

Xov, 31/01/2019 - 13:40

A Asociación Lit World promove desde o ano 2010 a conmemoración anual do Día da Lectura en Voz Alta, o 1 de febreiro, como unha chamada de atención sobre a importancia desta práctica de lectura no desenvolvemento da linguaxe, o amor pola lectura e o fortalecemento de hábitos persoais, para o que realizan varias propostas que poden valorarse.

Pola súa parte, a Asociación Entrelibros, xunto con outras institucións,  publicaron en 2016 un manifesto a prol da lectura en voz alta baixo o lema: "DA VOZ ÁS LETRAS " que se pode ler tamén en galego. 

O Plano Nacional de Leitura, de Portugal, realiza varias propostas por mor deste 1 de febreiro co título DESAFÍOS DE LEITURA EM VOZ ALTA, que tamén se poden ter en conta.

As bibliotecas escolares galegas teñen incorporada esta actividade en moitas das súas dinámicas pero non está de máis sumarse, se se pode, a esta celebración cunha lectura dun poema, por exemplo, neste ano de "Poéticas diversas na biblioteca escolar". 

Na imaxe, tempo para a lectura no CPI Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña). 

Bibliotecas Escolares Solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado (primaria e secundaria)

Mar, 29/01/2019 - 20:15

 

 

Publicáronse no Portal Educativo as relacións dos centros que se adhiren a dúas das iniciativas incluídas no programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, segundo a convocatoria deste programa do pasado 30 de novembro de 2018. Segue aumentando o número de centros inscritos en cada un dos grupos:

Estas iniciativas son froito da colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (D.X. de Centros e Recursos Humanos) e a Consellería de Política Social (D.X. de Xuventude, Participación e Voluntariado). 

 

PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura. Curso 2017/2018.

Ven, 25/01/2019 - 09:06
  Publícanse os 50 títulos máis lidos no conxunto dos clubs de lectura adscritos o programa CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante o curso 2017/2018, en centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas).   Durante o curso 2017/2018 participaron desta iniciativa un mínimo de 231 clubs de lectura (que foron os que recibiron asignación específica para o seu funcionamento). Unha lectura detallada desta relación fala da diversidade de lecturas presentes nestes grupos de lectura.  Póximamente publicarase a relación de autores/as máis lidos neste período. 

Resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019

Ven, 04/01/2019 - 13:09

O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019, segundo Resolución do Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 31 de decembro de 2018. Distribúense contías, por un importe global de 215.000€ para o funcionamento de grupos de lectura en 243 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Ensinanzas de Réxime Especial. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquiran pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librarías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistencia ao teatro, sempre en actividades relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.  

Na imaxe, Club de lectura no IES Agra de Raíces (Cee, A Coruña)