Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

(2014-2015) Primeiras respostas sobre Keith Haring... nunha liña do tempo

Lembra que podes ver os pasos previos deste proxecto de traballo e investigación, nas seguintes entradas publicadas anteriormente:

16/05/15: (2014-2015) Comezamos a investigar sobre Keith Haring para pintar o colexio: primeira aproximación 

30/05/15: (2014-2015) Primeiros pasos na nosa investigación sobre Keith Haring 

 

Chegou o momento de comezar a dar respostas ás nosas preguntas sobre Keith Haring, xa que nunhas semanas teríamos que pintar a nosa parte do mural coas súas obras. Acordamos investigar todos xuntos a primeira pregunta: 

 

ESTABA VIVO OU MORTO?

 

Antes de comezar a investigar a pregunta, cada quen foi dando a súa impresión ó respecto, ó final eran máis os que crían que aínda estaba vivo.

 

Para atopar a solución a esta dúbida estivemos falando de que fonte de información empregar, e decidimos facelo cunhas fotocopias que tiñamos no recanto da investigación, onde críamos falaba da súa vida.

Efectivamente o profe foi lendo a información e de seguido soubemos o ano no que nacera e o ano no que morrera. Cando escoitamos a resposta á pregunta avisamos o profe que parase de ler, porque xa tiñamos a solución.

Anotamos esta resposta no noso mural, indicando o ano e a causa da súa morte

 

Tamén anotamos o ano no que nacera.

 

Ademais, como sabíamos que fora en Estados Unidos, buscamos a bandeira no ordenador, imprimímola e pegámola xunto a esta información no mural.

 

Agora xa tiñamos dous datos sobre Haring e xa sabíamos que efectivamente estaba morto.

 

Así ía polo momento o noso mural da investigación.

 

Entre os datos que fora lendo o profe, naquelas fotocopias, xurdiu un que non era o que estabamos a buscar pero, que nos pareceu interesante.

Sabías que Keith Haring comezou a debuxar inspirado nos debuxos animados que vía na súa infancia? 

Estivemos vendo que tipo debuxos animados miraba, sorprendeunos ver que algúns deles tamén os miramos aínda agora... e iso que xa pasara moito tempo. Se queres velos pode facelo no apartado de vídeos do recanto de infantil, ou directamente desde aquí

 

 

VISUALIZANDO O PASO DOS ANOS CREANDO UNHA LIÑA DO TEMPO:

Con estos datos sobre Haring que coñecíamos agora xurdiron varias preguntas como "cantos anos tiña cando morreu?", "foi fai moito tempo?", "xa nacera o profe cando vivía Haring?".... canto facía ?

O profe propúxonos facer unha liña do tempo para poder ver se "era moito ou outro".

O primeiro foi que cada un de nos contase "cantos anos levaba vivo desde que nacera"... cada ano era un cadrado de papel.

 

Posteriormente fomos comparando as nosas idades no chan, facendo unha fila, coas dos demáis, coa do profe, que era super longa e tiña 37 cadrados-anos...

 

E coa de Haring que era máis curta, na cal escribimos o ano de nacemento e no que morreu, datos que xa coñecíamos.

 

Pero aínda quedaba a dúbida... se Haring tivo menos anos que o profe, pero máis que nós, como éra posible que morrese antes.

Comezamos a pegar, en equipos cooperativos, "os anos de Haring" nunha liña... do tempo.

 

Desde o ano en que naceu... 

 

... ata o ano en que morreu.

 

Así que eran como xa sabíamos 32 anos (cadrados)

 

E continuamos logo engadindo cadrados, e anos, ata chegar ó ano 2015, no que sabíamos que estabamos agora, porque así o poñía no noso calendario da aula

Onde teríamos que situarnos a cada un de nos, na nosa liña do tempo, tan só tivemos que buscar o "ano" en que naceu cada quen nunha listaxe que escribiu o profe. Menos mal que o fixemos en equipos cooperativos, deste xeito puidemos axudar ós máis pequenos.

 

Cando nos fomos situando nos diferentes anos, descubrimos que os de 5, 4 e 3 anos, naceran todos "en anos seguidos" e que os que ían marchar a primeiro "naceran todos no mesmo ano"

 

Ademais se contabamos os anos que había ata o 2015 (o último ano da liña), era xusto a cantidade de anos que tiñamos... que curioso.

 

Por certo descubrimos que cando nacimos xa pasaran "moitísimos anos desde que morrera Haring"... "por iso os debuxos animados que miraba eran tan diferentes".

Anotamos tamén o ano en que naceu o profe, que era "antes de que morrera Haring" pero "despois de que nacera"...

 

Tamén anotamos o ano en que nacera a profe Ángela, e pensamos anotar os anos en que naceron outros mestres que veñen á aula.

 

Agora con cada novo dato que vaiamos descubrindo sobre Haring, admais de anotalo no mural da investigación e no dossier, tamén o iremos situando no tempo na nosa liña.

 

Pero para velo terás, como sempre, que agardar a unha próxima entrada onde vos iremos contando todo o que estamos a descubrir sobre Keith Haring e, por suposto, como imos a participar no pintado do mural da sala de usos múltiples...

 

 

 

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 1 invitado conectados.