Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

6º Educación primaria

Coñecendo ao alumnado de infantil: actividade de cohesión

O mércores realizamos unha actividade especial de cohesión entre o alumnado de distintos ciclos. Este primeiro encontro é un xeito de que o alumnado estableza vínculos de cara á realización de posteriores actividades interciclos. A primeira actividade deste tipo terá lugar o Día do peón, no que os maiores bailarán o peón cos pequenos.

Foi unha actividade xenial, non hai máis que ver as súas caras, o alumnado de sexto estaba emocionadísimo e desexando que chegara o momento de ir buscar ao neno ou nena de infantil que lle correspondía para pasar un anaco xuntos coñecéndose e falando.

Día especial na biblioteca

O martes estivemos na biblioteca facendo as devolucións e empréstitos de libros e aproveitamos a ocasión para probar as gafas de relidade virtual que temos no cole. Os que quixeron probar, quedaron encantados coa experiencia. Mentres esperaban que chegara a súa quenda, tamén aproveitaron para botar unhas partidas a algún dos xogos que hai na biblioteca.

 

Deixando "Pegadas Verdes" na nosa aula

Este curso, como sabedes, estamos a levar a cabo un Proxecto Documental Integrado chamado "Pegadas Verdes", que trata sobre sostibilidade e medio ambiente.

Queremos encher a clase e a escola de plantas, porque, ademais de adornar e facer o espazo máis agradable, conéctannos coa natureza e os coidados que precisa. Polo tanto, o alumnado de 6º podía traer durante as últimas semanas unha maceta pequena á clase para plantar unha bomba de sementes. 

Esta semana, as rapazas e rapaces que trouxeron a maceta, puideron plantar a bomba de sementes. Agora agardamos  impacientes que agromen as plantas.

 

Samaín en sexto!

O alumnado de sexto viviu a tope o seu último Samaín no cole. Estaban espectaculares cos seus disfraces, que coma sempre, máis orixinais non podían ser. Todos eran incribles, pero a vella dos gatos, o home televisión e a Barbie maldita merecen mención especial, que orixinalidade! Deixádesme abraiada!

Como xa é tradición, pedíronme xogar ese día a Lobishomes de Fene, a nosa versión de Homes Lobo de Castronegro. Foi moi divertido, coma sempre, e por máis que xoguemos non deixa de sorprenderme escoitar os seus argumentos tanto para as acusacións como para defenderse das sospeitas alleas.

Despois tivemos unha merenda especial, aínda que á marxe da lei de Centieiras, xa que levaron todo tipo de manxares deliciosos e perturbadores a partes iguais. Había que facer unha excepción, non si? É a súa última festa de Samaín no cole, como non van poder comer unhas momias de salchicha, unhas galletas de araña ou un cerebro ensanguentado?! Iso si, extremamos as precaucións lavando as mans ben a fondo despois do banquete.

E despois, a bailar para baixar a enchenta de doces. Pasámolo de medo!

Darío ensínanos a facer morcegos de origami

Hoxe Darío trouxo papeis de cores para todas e todos e ensinounos como facer morcegos de origami. Moitas grazas, Darío, encantounos!

Xogamos na biblioteca cos compis de 2º ciclo

Durante toda a semana do 23 ao 27 de outubro conmemoramos na escola a semana das Bibliotecas Escolares e para iso organizamos unhas xornadas de xogos de mesa na biblio. O alumnado de 5º e 6º preparouse durante as semanas previas aprendendo a xogar a unha chea de xogos para despois poderlles ensinar ás compañeiras e compañeiros  de outros cursos.

O xoves día 26 de outubro tocoulles aos compis de 3º e 4º. O resultado foi un tempo de diversión e xogos compartidos e quedaron con ganas de repetir.

 

Xogamos na biblioteca cos nenos e nenas de 1º ciclo

O alumnado de sexto de primaria estivo, ao longo das últimas semanas, aprendendo a xogar na súa clase a diferentes xogos de mesa axeitados ao alumnado de 1º ciclo. O obxectivo era ensinarlles a xogar aos nenos e nenas de 1º e 2º e compartir unha xornada divertida con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas Escolares, que foi onte, 24 de outubro.

Aos maiores gustoulles facer de mestres e mestras dos pequenos e xa están desexando repetir. Esperamos que o alumnado de 1º ciclo tamén desfrutara deste tempo de xogo compartido.

 

O xornal da primeira viaxe á Lúa!

Xantal sorprendeunos con este xornal do día 2 de agosto de 1969 no que podemos ler en portada a noticia da chegada dos astronautas Armstrong e Aldrin á Lúa.

A todas e todos nos pareceu moi curioso poder ver este xornal. Mirade:

A Odisea de Homero

En Lingua Castelá estivemos lendo e traballando sobre unha das obras miáis importantes da literatura universal: a Odisea, do poeta grego Homero.

En vista do interese suscitado entre o alumnado, aproveitamos a ocasión para afondar máis no tema. Como resulta que teño algo de bibliografía sobre mitoloxía e sobre a antiga Grecia, leveina á clase para que estea á disposición do alumnado durante estes días.

Xogamos ao Código Secreto

Os alumnos e alumnas de sexto estanse a converter en expertos e expertas nunha chea de xogos de mesa, que son fantásticos para traballar contidos do curso dun xeito máis lúdico e divertido. Un destes xogos, que estreamos este curso, é Código Secreto, co que traballamos o vocabulario. Mirade que concentrados e concentradas estaban:

Distribuir contido