Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Graduación e festa de despedida de sexto de primaria

O martes 21 de xuño foi un día cargado de emocións, nervios e ilusión, porque os nosos rapaces e rapazas de sexto de primaria fanse maiores, rematan a súa bonita andadura na escola e prepáranse para un novo comezo no instituto, e iso hai que celebralo como se merece.

Ese mesmo día pola mañá recibiron as notas e un agasallo: unhas camisetas para ir todos e todas conxuntados pola tarde ao acto e á festa que con tanto mimo prepararon eles e elas mesmos, as súas familias e as mestras.

 

Xa pola tarde, con algo de retraso debido a algúns problemiñas técnicos dos que sempre aparecen no último momento, daba comezo a graduación.

Comezaron cantando unha versión de Bohemian Rhapsody de Queen cunha letra personalizada para a ocasión e fixérono de marabilla. Na canción xa nos avisaban de que nos foramos preparando e collendo panos de papel, porque o que ía vir ía ser intenso.

 

Despois, os rapaces e rapazas, dedicaron unhas palabras de agradecemento ás súas familias, ás mestras e ao cole. Dixeron unhas cousas tan fermosas e con tanta sinceridade e agarimo, que a maioría xa estabamos coas bágoas nos ollos.

 

 

A continuación, chegaba a primeira sorpresa da tarde, un precioso vídeo feito polas súas familias con palabras de cariño e con fotos dos nenos e nenas de pequerrechos e outras máis actuais. Por se non fora suficiente con esta fermosa sorpresa, Fina, mestra á que elas e eles teñen moito cariño por ser a súa titora desde os tres aos cinco anos e por ser sempre tan agarimosa e tratalos con moita tenrura, tamén tiña outro vídeo preparado no que puidemos desfrutar vendo fotos e recordos da súa chegada á escola e do seu paso pola educación infantil.

 

Tras tantas emocións había que recompoñerse, porque tocaba cantar de novo. Esta vez cantaron algo máis animado, unha versión de Agapimú cunha letra tamén especialmente feita para este momento e saiulles moi ben.

Para rematar o acto, houbo entrega de orlas e dun detalle preparado por Fina.

Co acto finalizado, comezaba a festa e a merenda, que tanto cantar, falar e chorar da bastante fame.

 

 

 

Foi un día moi fermoso, cheo de ilusión, emoción e cariño no que tamén houbo reencontros con persoas moi importantes no seu paso pola escola, como Raquel, a súa titora en 1º de primaria.

Moitas sorte, rapaces e rapazas, confiade en vós mesmos e mesmas e seguide sendo auténticos e auténticas. En Centieiras nunca vos esqueceremos! FELIZ NOVO COMEZO!!!