NA SEMANA DA PRENSA VISITOUNOS O DEBUXANTE KIKO DA SILVA

A semana pasada, que dedicamos á prensa, recibimos no colexio a visita do debuxante Kiko Da Silva o día 7. Participou en dúas charlas co alumnado de Primaria. Nelas amosou aos nenos/as o seu traballo como ilustrador, tanto de historietas como as súas colaboracións no xornal "La Voz de Galicia". Tamén comentou aos rapaces/as o seu traballo na revista cómica Retranca e avanzou o próximo nacemento de Fiz, unha revista para iniciar aos nenos no cómic, que sairá en galego en Galicia e en castelán no resto do estado.
Explicou como elaborou algún dos seus proxectos e tamén cal é o proceso de realización dunha imaxe de cómic. Deixounos como lembranza dous debuxos que conservaremos na biblioteca como o facemos co Martiño que o propio Kiko debuxara no ano 2000 na anterior visita que realizou ao noso centro.

 

ACTIVIDADE DE TAEKWONDO NA ESCOLA

O venres 1 de abril visitounos un monitor na Federación Galega de Taekwondo para realizar unha xornada de promoción dese deporte. A actividade, na que participou o alumnado do segundo ciclo de Primaria enmárcase dentro do programa Xogade, organizado pola Xunta de Galicia.

 

DEPORTE ESCOLAR: VISITA AO CPI DE PAZOS DE BORBÉN

O mércores día 30 de marzo fomos ao CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén a unha nova xornada do Deporte Escolar. Practicamos bádminton, voleibol, baloncesto, balonmán e fútbol sala. O vindeiro 12 de abril desprazarémonos ao concello veciño de Soutomaior, na que será a derradeira xornada na que se disputen os mencionados deportes. No mes de maio haberá un encontro dos catro colexios participantes no pavillón de deportes de Soutomaior.

 

A FUNDACIÓN ÓSCAR PEREIRO REALIZOU UNHA ACTIVIDADE DE PROMOCIÓN DO CICLISMO

Durante dous días a Fundación Óscar Pereiro realizou unha actividade de difusión do ciclismo e de educación vial co alumnado de Educación Primaria. Luis Oliveira foi o encargado de transmitir aos rapaces/as a importancia da seguridade cada vez que monten en bicicleta mediante o emprego do casco. Ademais concienciounos sobre a importancia do respecto aos sinais de tráfico. Aos nenos e nenas gustoulles moito esta actividade que agardamos poder repetir en vindeiros cursos.

Fai clic aquí para ver unha ampla mostra fotográfica destas xornadas

O ENTROIDO EN CEDEIRA

Este ano 2011 adicamos o Entroido á Idade Media. Así os pequenos e pequenas de Educación Infantil disfrazáronse de cabaleiros e damas, os alumnos e alumnas de 1º Ciclo, de habitantes dos bosques, Robines e Robinas dos bosques; os nenos e nenas de 2º Ciclo eran o campesiñado e os chicos e chicas de 3º Ciclo de bufóns e  e malabaristas. Paseamos ao Meco por toda Cedeira e despois queimámolo, xa que este ano, representaba aos mercados e bancos que nos asoballan e cobran uns xuros abusivos. Pero, sobre todo, pasámolo moi ben!

 

Os nenos tamén dan bos consellos para coidar o entorno

Este ano celébrase o Ano Internacional dos Bosques e os nosos nenos e nenas saben moi ben que é preciso coidalos, e tamén o aire, o mar, os ríos, e os entornos en xeral. Por iso propóñennos uns consellos que nos fan reflexionar a todos e todas.

1º A

 

 

  

 

1º B

 

 

 

 
 

 

  

 

 

FILLOAS DE ENTROIDO

Este Entroido os nenos e nenas de 1º  fixemos filloas cunha receita tradicional. Trouxemos o preparado da casa e liámonos a facelas na filloeira. Hai que ver que ben nos saíron!! E o ricas que estaban!! Non quedou nin a proba!!

 

Powered by Drupal - Design by artinet