Novas

DOCUMENTACIÓN COVID

ESCOLA DE FAMILIAS

O CEIP A Rúa, en colaboración co Centro Municipal de Benestar Social e a ANPA, convídante a unha charla informativa sobre a ESCOLA DE FAMILIAS.

 

Data: Mércores, 21 de outubro.

            Hora: 18.00 horas.

Lugar: Salón de Plenos do Concello.

 

Podo criar sen berrar todo o día? E educar dende o afecto?

Como podo comunicarme dun xeito eficaz?

De que maneira podemos mellorar a estabilidade emocional e as relacións familiares?

Que fago para ter autocontrol nunha situación de crise?

 

A estas preguntas e a outras referidas ao benestar familiar pretendemos darlle respostas nas escolas de familias, un espazo onde podes preguntar, falar si te apetece, no que te escoitan e onde podes escoitar a outras persoas con intereses similares aos teus.

Si estás interesada/o en acudir á charla, ou non podes vir pero si que te interesaría asistir á ESCOLA DE FAMILIAS, enche e reenvía o seguinte cuestionario:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdoRTh3Yro2mebFAOTUQ0B4EbId9hiYMAz2-iaLftWJz-aSEg/viewform?usp=pp_url

O primeiro día


Por fín chegou o día da volta á clase! 

É certo que todo e moi distinto: cambiaron as normas, os espazos, a organización, os horarios, incluso as caras nas que agora só vemos os ollos. Pero o que non cambiou foi a ilusión de volver a compartir sorrisos, momentos, experiencias e emocións.

Quixemos facer un recibimento distinto, aproveitando o patio e o bo día que tivemos. Cada titora agardou ao seu grupo nun espazo determinado.


Sen esquecer as medidas de seguridade: máscara, distancia e lavado frecuente de mans.

 

Despois fomos ás clases e puxémonos ao día coas novas normas que temos que seguir:

 

 

 

 Un gran día!!!

COMEDOR ESCOLAR 2020-2021

Achégannos dende o Concello a seguinte información:

Inicio : Mércores 16 de setembro 2020

Funcionamento :

A hora límite para recollida dos/as nenos/as é as 15:30 horas.

Prégase as familias puntualidade na recollida dos/as nenos/as.

As nais e pais non poderán acceder ao comedor escolar e seguirán as instruccións que dende o centro se den para a recollida dos menores.

A disposición das mesas e dos postos de comedor cumpren a normativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Prezo: 3,80 € menú/día

Empresa responsable do servizo: Alimentación saludable Gallega S.L.

DECLARACIÓN RESPONSABLE E ENQUISA DE AUTOAVALIACIÓN COVID-19

Como xa explicamos nas xuntanzas iniciais, cada familia deberá asinar, no inicio do curso, unha Declaración Responsable na que se compromete a realizar cada día ao/á neno/a a Enquisa de Autoavaliación Clínica do COVID-19.

Preinscrición Comedor Escolar 2020-2021

Información que nos traslada o Concello de Cangas sobre o comedor escolar para o próximo curso:

"Debido a situación actual por mor da pandemia da COVID-19, e tendo en conta o  protocolo da Xunta de Galicia, a capacidade dos comedores escolares pode reducirse, polo que nalgún caso podería contar con dobre quenda de comida (priorizando na 1ª quenda os escolares de infantil e primeiros cursos de primaria) .

Tendo en conta as posibles solicitudes de comedor e as restricións que poden derivarse da situación sanitaria, é posible que se restrinxa o número de usuarios/as do comedor polo que de ser necesario estableceranse uns criterios de admisión. En todo caso terán a praza garantida o alumnado con beca (axuda de comedor) e preferencia as familias nas que traballen as persoas responsables legais do menor no horario de comedor. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, poderanse acordar o establecemento doutros criterios de admisión.

As solicitudes entregadas en prazo e forma e que non obtiveran praza quedarán en lista de agarda ata que se produza unha vacante. Admitiranse as solicitudes fora deste prazo e durante o resto do curso, pero neste caso, a admisión no comedor escolar estará condicionada a existencia de prazas vacantes. En todo caso terán preferencia as solicitudes presentadas no prazo establecido.

Todas estas medidas estarán vinculadas a evolución da pandemia, e as directrices  que marquen as autoridades sanitarias e educativas, que poderán chegar incluso a suspensión do servizo.

 

1.- Centros escolares:

Ceip A Rúa, Ceip Espineira-Aldán, Ceip Hio, Ceip Nazaret

 

2.- Prazo :

O prazo de presentación de solicitudes de preinscrición será entre o 26 de agosto e o 3 de setembro.

Presentarase a correspondente solicitude (Anexo I). Neste momento non será necesario achegar ningunha documentación complementaria. O concello de Cangas poderá requirir as familias a presentación daqueles documentos que sexan necesarios para verificar o cumprimento dos criterios de admisión.

Toda a información así como o formulario de solicitude estará dispoñible na páxina web do concello de Cangas. Ademais poderán enviarse as solicitudes de información ao correo ensino@cangas.gal.

As solicitudes poderán presentarse a través do rexistro municipal do Concello de Cangas ou  a través do correo electrónico da concellería de educación do concello de Cangas ensino@cangas.gal.

 

3.- Funcionamento do servizo:

O servizo de comedor escolar prestarase os días lectivos do curso escolar 2020-2021, dende o primeiro ata o último día que se establece no calendario escolar para o curso. Tendo en conta que este servizo se  rexe pola normativa da comunidade autónoma de Galicia , e o Convenio de colaboración asinado polo Concello de Cangas e a Consellería de Educación para a xestión dos comedores escolares nos cursos 2019-20, e 2020-21, se houbese algún cámbeo  a este respecto que puidera afectar ou ser de aplicación a este servizo, esa norma sería de aplicación e de cumprimento obrigado tanto para os/as usuarios/as como para a empresa adxudicataria da xestión.

O funcionamento dos comedores escolares estará condicionado pola situación sanitaria, instrucións, e directrices das autoridades competentes que se diten en relación coa COVID-19. Polo tanto é posible, que, se as directrices das autoridades correspondentes, cambian, tamén se teña que adaptar o servizo de comedores, o que pode obrigar a establecer novas restricións no número de usuarios/as,  modificacións na modalidade de asistencia nas que se establezan novos criterios de admisión, adaptación de novos espazos, novas condicións de obrigado cumprimento, entre outras, e que serán comunicadas oportunamente a todos/as usuarios/as, e a comunidade educativa en xeral."

 

Becas Comedor Escolar 2020-2021

 

O Concello de Cangas vén de convocar as Becas de Comedor para familias con dificultades económicas para o curso 2020-2021.

 

Destinatarios: Alumnado matriculado en Educación Infantil e Educación Primaria no curso 2020-2021.

Formalización da solicitude: No Rexistro Xeral Municipal do Concello de Cangas.

Prazo: do 18 ao 31 de agosto.

Documentación a presentar:

 

  •  Solicitude Anexo I
  • Fotocopia do DNI, NIE do/a solicitante en vigor.
  • Fotocopia do Libro de Familia completo ou documentación oficial acreditativa dos membros da unidade familiar coas súas datas de nacemento.
  • Volante de empadroamento acreditativo da convivencia familiar, expedido polo Concello.
  • Xustificación da situación económica e laboral do ano 2019, de tódolos membros da unidade familiar maiores de 16 anos, mediante fotocopia da declaración do IRPF do exercicio 2019, no suposto de facela, correspondentes a cada un dos membros computables da unidade familiar; ou certificado negativo, no suposto de non estar obrigado a realizala, expedido pola Administración Tributaria de Facenda, acompañada de (se é o caso):

a)      Certificacións do INEM sobre prestacións e subsidios de desemprego.

b)      Certificacións do INSS / ISM sobre pensións e prestacións percibidas.

c)       Calquera outro documento xustificativo de ingresos (pensións de alimentos dos menores, rendas dos alugamentos …)

  • Copia do imposto de actividade económicas (Autónomos)
  • No caso de non poder acreditar a situación económica cos documentos anteriores, ou cando da situación declarada se desprenda unha falta de medios económicos para subsistir, terán que facer unha declaración responsable dos medios de vida (informe de signos externos).
  • No caso de separación ou divorcio, deberase aportar convenio regulador así como documento xustificativo das achegas económicas actualizadas, ou no seu defecto, denuncia por incumprimento.
  • Calquera outra documentación que se considere conveniente na instrución do procedemento de resolución.

Para máis información e descarga de documentación premer aquí

Convocatoria bolsas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo 2016-2017

Son unha bolsas que concede o goberno central: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD).

- Prazo presentación: 8 de agosto ao 29 de setembro de 2016.

- É obrigatorio cubrir o formulario vía on-line. Hai que acceder á páxina web do MECD, darse de alta como usuario da aplicación, cubrir o formulario, imprimilo e presentalo no centro escolar. NON HAI OPCIÓN DE ENCHER OS DATOS NUN FORMULARIO EN PAPEL.

Na páxina www.educacion.es ademais de ter toda a información relativa á convocatoria pódense encher os datos das solicitudes e imprimilas para despois entregalas no centro educativo onde estean matriculados os alumnos.

Para calquera dúbida, ou en caso de necesitar axuda, chamar ao teléfono 986 80 59 55

Axudas para adquirir libros de texto para o curso 2016/17

Publicouse a Orde do 27 de abril de 2016 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria en centros sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2016/17.

TIPOS DE AXUDAS

Hai tres tipos de axudas:

1. Participar no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, cursos nos que se manterán os libros de texto do curso 2015/16.

As condicións son:

. As familias deberán entregar os libros que utilizaron no curso anterior.

. O centro garantirá libros para todo o alumnado con renda per cápita familiar inferior aos 9.000 euros.

 

2. Convocatoria para adquirir libros de texto destinados ao alumnado de 1º e 2º cursos de primaria.

As condicións son:

. Para alumnado con renda familiar per cápita igual ou inferior a 5.400 euros, un vale de 170 euros.

. Para alumnado con renda familiar per cápita maior que 5.400 euros e menor ou igual a 9.000 euros, vale por 90 euros.

 

3. Axudas para adquirir material escolar destinadas a todo o alumnado de primaria.

Condicións:

. Alumnado con renda familiar per cápita igual ou inferior a 5.400 euros, un vale de 50 euros.

 

* O alumnado matriculado en 5º e 6º de primaria nos centros incluídos no proxecto EDIXGAL no curso 2016/17 (como é o caso do CEIP A RÚA) están excluídos da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Porén, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar, cando reúnan os requisitos esixidos.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 23 de xuño de 2016.
 

* Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2017.

A solicitude será única para todos os fillos admitidos no mesmo centro docente.

Deberán presentarse en soporte papel no centro docente.

 

 DOCUMENTACIÓN

. Autorización de consulta telemática. No caso contrario deberán entregarse copias do DNI e da declaración da renda das persoas físicas.

. Fotocopia do libro de familia.

. Grao de discapacidade, cando exista.

 

O impreso para a solicitude poderá recollerse no centro docente e tamén está dispoñible no portal educativo, na dirección web :http://www.edu.xunta.gal/portal/node/18988

 

 

Normativa avaliación individualizada 3º curso de Primaria e avaliación final en 6º curso de primaria no curso escolar 2015/16

Os vindeiros días 11, 12 e 13 de maio (mércores, xoves e venres) terán lugar nos centros educativos as probas de avaliación final de 6º curso de primaria. Avaliaranse as competencias en comunicación lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Os días 24 e 25 de maio (martes e mércores) terán lugar as probas de avaliación individualizada de 3º curso de primaria. Avaliarase a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática.

Ver a información na seguinte normativa:

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2015/16.

Distribuir contido