Blogues

Recordatorio dos Criterios para a xustificación das faltas de asistencia ou puntualidade do alumnado

 

Considérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou dunha alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.

Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:

a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.

b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.

d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.

e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.

No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.

En todo caso, ante calquera falta de asistencia do alumno/a, os pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais, deberán xustificala por escrito nos tres días seguintes, entregando o documento xustificativo ao titor/a por correo electrónico ou a través da axenda.

 

A xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado, acompañando, segundo proceda:

  1.  Xustificante médico, no caso de enfermidade propia ou grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

No caso de faltas por indisposicións ou enfermidade:

 Se a ausencia comprende de 1 a 2 días ao mes, consecutivos ou non, presentarase xustificante por escrito dos pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais.

 Cando a falta de asistencia ao centro educativo por visita médica ou por enfermidade sexa de máis de 2 días ao mes, a xustificación deberá estar apoiada polo informe médico correspondente.

Considerarase falta xustificada por enfermidade prolongada a situación dos menores que se atopan convalecentes en domicilio ou hospitalizados por períodos superiores a un mes, e conste no centro educativo o informe médico correspondente.

 

2. Documento acreditativo, no caso de deberes inescusables, presentación a exames ou morte de familiares de primeiro ou segundo graos.

3. Calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.

Seguimento das faltas de asistencia a clase do alumnado e a súa comunicación

 O profesorado titor deberá comunicar ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado todas as faltas de asistencia a clase de cada mes, dentro dos primeiros cinco días naturais do mes seguinte e diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas.

Cando as faltas de asistencia a clase do alumnado presenten dificultades para a súa xustificación ou cando se incremente de forma significativa o número de faltas sen xustificar, o profesorado titor convocará a nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha reunión, coa finalidade de analizar a situación que se está a producir e tratar de corrixila, evitando que se produza a apertura do expediente de absentismo. Desa reunión levantará acta o profesorado titor.

Cada centro educativo establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia o procedemento para realizar esas comunicacións ou citacións, así como a obrigatoriedade de deixar constancia de tales accións.

Definición de Absentismo

Tal como establece o artigo 22 do decreto 229/2011, do 7 de decembro, absentismo é a ausencia ao centro escolar sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Para ser considerado absentismo, esta ausencia debe supor un mínimo do dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.

 

EXCEPCIÓNS

Para os efectos do protocolo para a prevención e control do absentismo escolar e do número máximo de faltas de asistencia permitidas, as ausencias derivadas da aplicación das medidas COVID consideraranse sempre xustificadas, non sendo preciso o xustificante do facultativo para a súa acreditación.

 

IMPRESOS OBRIGATORIOS

 

Impreso para a xustificación de faltas

Impreso para a comunicación de ausencias prolongadas e/ou definitivas.

 

IMPORTANTE: A NON ENTREGA DOS IMPRESOS SERÁ MOTIVO DE NON XUSTIFICACIÓN DAS FALTAS

 

PROCESO DE ADMISIÓN PARA O CURSO 2024/25

O prazo de presentación de solicitudes é do 1 de marzo ao 20 de marzo.

Para presentar unha solicitude deberá seguir algunha das opcións descritas a continuación:

  • Cubrir a solicitude informáticamente e presentala asinada de xeito manual no centro: Entrar en AdmisionAlumnadoPara presentar a solicitude presencialmente no centro deberá seleccionar a opción de menú Solicitudes --> Admisión --> Crear”. Deseguido aparecerá unha pantalla na que deberá cubrir os datos necesarios, tales como datos persoais e de contacto, os datos académicos e os criterios alegados e autorizacións. Despois de cubrir a información descrita, deberá premer no botón “Crear e Confirmar”. Feito isto poderá descargala para asinar e presentar no centro.

 

  • Cubrir a solicitude informáticamente e asinala en Sede Electrónica: Para presentar a solicitude a través da Sede Electrónica deberá acceder a admisionalumnado con usuario de Chave 365 ou con certificado dixital, para iso deberá premer na icona verde que se atopa arriba á dereita. Posteriormente deberá seleccionar a opción de menú Solicitudes --> Admisión --> Crear. Deseguido aparecerá unha pantalla na que deberá cubrir os datos necesarios, tales como datos persoais e de contacto, os datos académicos e os criterios alegados e autorizacións. Despois de cubrir a información descrita, deberá premer no botón “Confirmar solicitude” e posteriormente premendo no botón "Firmar e presentar en Sede Electrónica", poderá asinar a solicitude dixitalmente, quedando como presentada no centro, sempre que o proceso de sinatura remate correctamente. Debe achegar escaneada toda a documentación pertinente á hora de presentar solicitude.IMPORTANTEDebe achegar, na Sede Electrónica da Xunta de Galicia, o anexo bis dixitalizado.

 

  • Cubrir a solicitude manualmente e presentala asinada presencialmente no centro: Se non desexa cubrir a solicitude dixitalmente pode facelo de xeito manual descargando dende os seguintes enlaces os documentos, cubrilos e presentalos firmados no centro.

SOLICITUDE: Galego

SOLICITUD: Castelán

  • Poden consultar as vacantes ofertadas para o curso 2024-2025 aquí:VACANTES

 

AVISO IMPORTANTEO ALUMNADO QUE XA ESTÁ MATRICULADO NO CENTRO NON TEN QUE PRESENTAR SOLICITUDE. ISTO SÓ É PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO.

 

 Normativa relacionada

 

  • Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).
  • Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa e derroga o artigo 44 da Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

Manual para as familias que o fagan a través da aplicación

 

 

 

Aviso importante para os usuarios do autobús nº 2

Segundo nos traslada a empresa de transporte escolar, por mor da organización para a 2ª etapa da volta ciclista o próximo venres 25 verase afectada a seguinte parada:

A parada de PASEO FLUVIAL (Diante da Farmacia Donado) farase na entrada do parking da Travesía de Lodeiro (detrás do Mercadona) ás 8:40h.

 

Información importante: paso da 2º etapa da volta ciclista por diante do centro

Estimadas nais, pais, familias

Con motivo da realización da 2ª etapa da volta ciclista a Galicia aquí na nosa localidade e, posto que segundo nos informan desde o Concello de Ames, está previsto que pase por diante do noso centro entre as 11:00h. e as 11:06h., gustaríanos aproveitar este importante evento deportivo para que o noso alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria  poida presencialo de primeira man.

Baixo a supervisión do profesorado do centro – pediremos tamén supervisión da policía local-  gustaríanos que o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria puidese animar aos corredores e presenciar o paso do pelotón desde a beirarrúa.

O alumnado de educación infantil e o de 1º, 2º e 3º non sairán do recinto, xa que ademais coincide con outras actividades programadas para eles.

Si como nai, pai, titor/a legal dunha alumna ou dun alumno dos cursos mencionados (4º,5º e 6º)  prefire que o seu fillo/a non saía a presenciar o evento deportivo, debe comunicarllo expresamente ao seu titor/a.

Aviso importante: Volta ciclista a Galicia

Por favor, consulten a información proporcionada polo Concello de Ames sobre cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento en Bertamiráns debido á segunda etapa de “O Gran Camiño” o venres 25 de febreiro.

 

Toda a información neste enlace

 

 

ENTROIDO 2022

 

Prezadas nais, pais, familias:

Tendo en conta que a incidencia da COVID 19 está baixando, para a semana do 21 ao 25 de febreiro gustaríanos celebrar o Entroido. Como xa viña sendo habitual en cursos anteriores, invitamos ao alumnado a seguir os “ Mandados do Meco”, que este ano vén Tanxugueiro.

Os mandados para a semana son:

1.   Luns 21: Hoxe é luns e virás con moita alegría. Filigranas nos ollos has de traer, como as Tanxugueiras no Benidorm Fest.

 

2.   Martes 22: Aínda que polo Entroido non esteamos de loito, vestir de negro favorece moito.

 

 

3.   Mércores 23: Para acadar un estilo tanxugueiro, engalánate de ouro como se foras un rapeiro.

 

4.   Xoves 24: Rapaces, búscade unha saia! Rapazas, un pantalón! Gústavos aturuxar? Pois o Entroido vén para quedar!!!

 

 

Estes mandadiños poderán ser acumulativos ou non, deixámolo a vosa elección.

O venres 25 poderán vir con disfrace.Os disfraces son de temática libre, creativos, respectuosos, que lles fagan sentirse ben e cómodos e consoantes co consumo responsable.  Non se poden traer  complementos que fagan alusión á guerra o inciten á violencia tales como: réplicas de armas, pistolas, escopetas, espadas, lanzas, etc., xa que temos comprobado que xeran disputas entre o alumnado e son totalmente contrarios aos valores que transmitimos dende o centro; e  sempre procurando que non fomenten estereotipos nen trazos violentos e discriminatorios.

Por último, informarvos que ao longo desta semana tamén poderán traer larpeiradas típicas de Entroido para consumir durante o tempo de  recreo. Debido ao protocolo COVID, cada un traerá a súa merenda individual e non poderá compartir.

Grazas pola vosa colaboración.

 

23 DE FEBREIRO: ROSALÍZATE

 

Estimadas nais, pais, familias.

O día 23 de febreiro conmemoraremos o Día de Rosalía.

A nivel de centro dispoñemos de materiais variados para traballar nas aulas e montaremos unhas instalacións “O xardín vertical de Rosalía”, con producións do noso alumnado. Ademais das actividades de carácter educativo que temos previstas no centro, como cada ano e en colaboración co Departamento de Dinamización do Concello de Ames, colaboraremos nas actividades propostas por el.

A proposta para este 2022 é unha actividade que está aberta a participación de toda a veciñanza.

Vanse instalar dúas estruturas a modo de photocall, unha na Travesía do Porto do Milladoiro e outra na Praza da Maía de Bertamiráns, entre o 15 e o 28 de febreiro. Nesas estruturas, ademais do pousadoiro, estarán dispoñibles máscaras rosalianas para que quen queira poida fotografase con elas (#rosalízate). A idea é que esas fotografías se suban ás redes acompañadas de versos rosalianos e do cancelo #rosalízate.

Nos documentos adxuntos podedes descargar as máscaras para empregar no photocall.

Ademais realizaranse as seguintes actividades:

TEATRO INFANTIL (a partir de 6 anos): Rosalía , o lugar onde medran as poetas (convites xa na Billeteira do concello de Ames). 17/02/22 ás 18.30 h. Casa da Cultura de Bertamiráns

-TEATRO ADULTO: Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico (entradas xa na Billeteira do concello de Ames). 17/02/22 ás 20.30 h. Casa da Cultira de Bertamiráns

-Mural As Rosalías de Yoseba Muruzabal (inauguración o 23/02/22 ás 18.30 na Casa da Cultura do Milladoiro)

 

 

Información para as persoas que forman parte da rede de contactos dun caso esporádico da COVID-19 nun centro educativo

Ante a aparición de casos esporádicos nunha contorna específica dun centro educativo de educación infantil e primaria, non se identificarán contactos estreitos no centro. Non obstante, as persoas que formen parte da rede de contactos máis próxima a un caso positivo (persoal do centro e alumnado) deberán seguir unha serie de medidas preventivas durante os 10 días seguintes ao último contacto coa persoa positiva.

Estas medidas son as seguintes:

● Realice unicamente actividades que sexan esenciais para a súa vida diaria (Ex.: acudir ao seu posto de traballo/centro educativo ou realizar compras básicas).

● Manteña a distancia de seguridade con outras persoas de polo menos 1,5 metros e usar sempre a máscara. Evite as actividades que impliquen quitar a máscara se non se pode asegurar a distancia de seguridade. No caso de menores de 6 anos que non poidan facer un uso adecuado da máscara, recomendase valorar o uso de FFP2 para as persoas que vaian a estar a menos de 2 metros (Ex.: persoal do centro, compañeiros que poidan facer uso da máscara, familiares etc.)

● Lave as mans con frecuencia.

● Non acuda a eventos ou lugares con moitas persoas nin reunións social con familiares ou amigos.

● Evite contacto con persoas vulnerables como as persoas maiores ou enfermas.

● Vixie que non aparece ningún dos síntomas sospeitosos da COVID-19 e se aparece algún, quede na casa e pida unha cita telefónica no seu centro de saúde ou no 881 540 045 (consultar instrucións de illamento para o caso sospeitoso).

PROTOCOLO DE VIXILANCIA E CONTROL EPIDEMIOLÓXICO FRONTE AO VIRUS SARS-CoV-2 (COVID-19) NO ÁMBITO EDUCATIVO NON UNIVERSITARIO

Achégase unha nova edición do PROTOCOLO DE VIXILANCIA E CONTROL EPIDEMIOLÓXICO FRONTE AO VIRUS SARS-CoV-2 (COVID-19) NO ÁMBITO EDUCATIVO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA.

Ten como obxectivo incorporar as modificacións no seguimento de casos e contactos aprobadas na “ADAPTACIÓN DE LA GUÍA DE ACTUACIÓN ANTE LA APARICIÓN DE CASOS DE COVID-19 EN CENTROS EDUCATIVOS A UN CONTEXTO DE ALTA CIRCULACIÓN DE VIRUS SARS-CoV-2”, documento aprobado pola Ponencia de Alertas y Planes de Preparación y Respuesta e pola Comisión de Salud Pública del Consejo Interterritorial o 08.01.2022

PROTOCOLO DE VIXILANCIA E CONTROL EPIDEMIOLÓXICO FRONTE AO VIRUS SARS-CoV-2 (COVID-19) NO ÁMBITO EDUCATIVO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA da Direccción Xeral de Saúde Pública

 

Distribuir contido