Skip to Content

Que vai pasar en caso de confinamento?

Para comezar temos que distinguir varias posibilidades: o confinamento dun grupo de nenos/as dentro dun aula (na que o resto dos compañeiros/as seguirían asistindo), o confinamento do grupo aula enteiro (o cole segue aberto e o resto dos grupos segue a traballar) e un confinamento que implique o cerre de todo o colexio.

A continuación explicámosvos que fariamos en cada caso:

  • Se confinan un grupo pero o aula segue funcionando:

Este caso se produciría se hai un pequeno/a que da positivo en COVID 19 e debemos poñer en corentena só aos rapaces/as do seu arredor.

Houbo novidades na lexislación neste sentido e debemos informarvos de que  as clases presenciais seguirían coma sempre para o resto do alumnado.

Os traballos, deberes, etc  dos rapaces/as confinados levaranse a cabo con eles/as a través do aula virtual ou e-dixgal, segundo o curso no que estén.

 

 

  • Se confinan un aula enteira:

 

Este caso se produciría se resulta necesario confinar a toda a clase porque xurdiran varios casos de COVID 19 nela.

Os mestres/as especialistas darían as súas clases á hora na que o facían habitualmente seguindo os horarios de cada grupo a través de Falemos.

De terceiro de primaria en adiante, como os nenos/as xa son algo máis autónomos no uso das novas tecnoloxías, os titores darían clase por esa mesma plataforma seguindo os horarios que podedes ver nesta ligazón na que se amosan os horarios espello.

Combinarase a teledocencia conectando cos pequenos/as en directo e o traballo persoal na plataforma Edixgal ou o aula virtual.

Nos momentos da mañá en que non haxa docencia en directo a través de Falemos, os docentes seguirán en contacto cos rapaces/as através dos foros dos que dispoñen o aula virtual e e-dixgal de xeito que podan responder tódalas súas dúbidas.

No caso de Educación Infantil e os primeiros cursos de primaria, somos perfectamente conscientes da súa necesidade da compañía e respaldo dun adulto para levar a cabo as tarefas que propoñamos.

Por ese motivo parécenos preferible plantexarvos actividades a realizar nos momentos en que vos resulte posible. Como no caso dos maiores colgariámolas no aula virtual e se fose o caso grabariamos as explicacións, propostas, etc para que podades acceder a elas con comodidade e levalas a cabo cando o permita o horario familiar. Así mesmo os profesores/as estarán dispoñibles nos foros do aula virtual para responder ás vosas dúbidas e haberá un horario para falar con eles/as a través de Falemos, así como conexións cos rapaces/as.

As posibles entregas de tarefas, exames... con caracter xeral, faríanse tamén a través destas plataformas.

 

 

  • Se pechan o colexio completo:

 Se pechan o colexio enteiro seguiriamos un plan parecido ao do punto anterior. En breve colgaremos un documento para que podades ver todo o desenvolvemento polo miudo.

 

 

Máis aló de todas estas opcións:

Con caracter xeral lembrade que, se algo ocorre, comunicarémonos con vós a través do Abalar e a web do cole principalmente pero por suposto tamén empregaremos o email ou mesmo o teléfono para chegar a vós e aos nosos pequenos e pequenas.

Esperamos sinceramente que non sexa necesario empregar ningunha destas opcións pero de ter que facelo, sabede que estamos traballando moi duro para ter todo listo e seguir adiante co proceso educativo.

 

 



blog | by Dr. Radut