Saídas

TEATRO: ANTÍA, WAMBA E O REGATO PEQUENO

O martes 29 de outubro os alumnos de 3º e 4º curso de primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para ver o escpectáculo: Antía, Wamba eo regato pequeno, organizado por //Afundación.

Brais e Marta (compoñentes do grupo Tropa de Trapo) contaron catro relatos que nos axudan a reflexionar sobre a solidariedade como camiño para chegar a vivir nun mundo mellor, sen desigualdades. Como di a avoa de Wamba, o río énchese de regatos pequenos.

Wamba –un neno do Congo- e Antía –unha nena galega-  coñécense no parque. Antía comparte o seu bocadillo con Wamba e este, a cambio, cóntalle a historia do león e a elefanta, a do parque, a de Toñito Nganga e a da chaira das dúas pedras.

Brais e Marta contan as historias de xeito divertido e animan a participar os nenos. Brais tamén anima as historias con música. Toca unha batería feita con materiais de refugallo, unha kalimba, unha cunca tibetana e unha frauta doce.

Se queredes saber máis sobre:

Tropa de Trapo:  tropadetrapo.blogaliza.org

Música do espéctaculo: http://www.youtube.com/watch?v=MvmbT1HsUmI

                                             http://soundcloud.com/tropadetrapo/awrp-bateria

 

 

BRAVE LITTLE MARY

O luns, 27 de outubro, os alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria foron presenciar a representación teatral "The Brave, Little Mary" no Auditorio Municipal de Ourense.

A obra, representada en inglés polo grupo teatral "Bicharracos Teatro", era unha adaptación do conto clásico "Juan sen medo". A protagonista fai unha fantástica viaxe na busca de aventuras que lle fagan sentir o que é o medo, pois non  coñece este sentimento: non lle ten medo a nada e a ninguén.  

 (Facendo clic na imaxe acededes ao blog de inglés para ver as fotos) 

TEATRO EN INGLÉS: THE THREE LITTLE PIGS AND ROBIN HOOD

O 23 de maio, nenos e nenas de 5º e 6º de Ed. Infantil e o 24 de maio, alumnos e alumnas de 3º e 4º de Ed. Primaria, acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar dúas obras de teatro en inglés: a primeira, para os máis cativos, titulada THE THREE LITTLE PIGS (Os tres porquiños) e a segunda, para o alumnado de 3º e 4º, titulada ROBIN HOOD. Con elas preténdese un novo acercamento á lingua inglesa dun xeito lúdico. 

Premede nas imaxes para acceder ao blog do departamento de inglés para obter máis información sobre as dúas representacións.

 

PRIMEIRA SAÍDA DO CURSO

Os alumnos/as de 6º de educación primaria realizaron a primeira das actividades do seu programa de actividades complementarias e extraescolares para o presente curso. Participaron no programa  "Visita o teu Súper", campaña promovida pola cadea de distribución alimentaria Eroski no marco do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, para concienciar aos máis novos sobre a importancia de levar unha vida saudable sabendo escoller, nos supermercados, os alimentos máis axeitados.

(Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

O obxectivo, convertelos en consumidores informados e que poidan facer unha boa elección á hora de comprar produtos de alimentación, así como fortalecer comportamentos responsables en materia de consumo.

Tras asistir a unha charla informativa no colexio, os alumnos/as fixeron un percorrido polo supermercado Eroski-Center da rúa San Rosendo. Posteriormente degustaron un refrixerio saudable de media mañá a base de froitas frescas e zumes naturais mentres realizaban diversos xogos relacionados cos alimentos.

MARCELLE NATUREZA: PARQUE NATURAL ZOOLÓXICO

O pasado mes de maio as nenas e os nenos  de 5ª e 6ª fomos de excursión ao parque Marcelle Natureza.

É un parque zoolóxico, que está situado en San Martín de Guillar-Outeiro  de rei (Lugo).

Ensínante a protexer a fauna e a flora  silvestre, coñecer cousas dos animais, divertirnos e disfrutar da natureza e conservala. Nel  pódense encontrar varias especies de animais.

Hai mamíferos diversos: antílopes, axis, bisontes americanos,  xabaríns, cebras, cervos do padre de David, lobos ibéricos, osos pardos, porco espiño africano, suricatas, wapitis,etc.

Hai aves coma: o moucho real, avestruces (ave actual máis grande e pesada, que ao poñer un ovo equivale a 24 ovos de galiña e pesa ata 2 kg), etc.

E hai réptiles coma: a iguana verde, pintón verde, a tartaruga da terra africana, etc.

No parque había xogos, como un que se chama “Apache”. E práctica de tiro con arco. Ensínante técnicas básicas de tiro con arco. Ademais fálanche da caza, a cultura e o respecto cara a natureza dos nativos americanos. Outro xogo era “Toco Marcelle”que consistía en adiviñar a que animal pertence algunas partes do seu corpo.

O parque natural zoolóxico é moi educativo e divertido.              Jéssica Geanina 6º Ed. Primaria          

             (preme nas imaxes para ver todas as fotos)

O POBO ESCOLA DE LODOSELO

O martes, 27 de maio, os máis cativos do colexio (os nenos/as de 3 e 4 anos) foron visitar o pobo-escola de Lodoselo.Aquí realizaron actividades formativas ao tempo que coñeceron e experimentaron a realidade rural, natural, modo de vida da aldea... Á volta isto foi o que nos contaron...

Foi un día divertido e emocionante dende que subimos ao autobús para emprender viaxe a Lodoselo. Primeiramente fomos ao forno para facer pan. Mesturamos os ingredientes e amasamos na artesa, axudados pola señora Angelita, e atendendo as explicacións de Alberto. Deixamos levedar a masa e continuamos coas actividades.

Repartidos en grupos, e dirixidos por Marta, Bruno e McGiver disfrutamos un montón:

No carro de "Fariñeiro"

"Pescamos" peixes...

Clasificamos froitas e verduras

Demos de comer ás ovellas

Acariñamos coellos, pitiños...

Unha parada para xantar

Puxémoslle o rabo ao burro...

Fixemos  bolos de pan 

Xa de volta no autobús...

(Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

TEATRO DE TÍTERES

LUME  - TÍTERES BABALUVA

O luns, 26 de maio, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de educación infantil acudiron ao Auditorio Municipal a presenciar a obra de teatro de títeres LUME que representou o grupo TÍTERES BABALUVA.

Nun bosque algo fixo ladrar ao can... Unha lapa de lume ía provocar un incendio. O can chamou a vaca, a vaca ao cervo, o cervo á xabarila, a xabarila á landra, a landra ao moucho e el avisou a araña. A araña viu ao ourizo e o sapo alertou a garza... E todos xuntos crearon un plan para apagar o lume.

Nesta proposta innovadora de teatro de obxectos dúas titiriteiras recrean un bosque para contar esta historia de sensibilización medioambiental, utilizando unha técnica mixta de contacontos e títeres de mesa.

O TREN DAS TERMAS

PASEO NO TREN CHU-CHÚ 

 

(preme no tren para acceder á galería de fotos)

O pasado luns, 19 de maio  os alumnos e alumnas de 2º A e 2º B saímos da escola para dar un paseo no Tren das Termas. Nun autobús nos desprazamos ata a Praza Maior e alí collemos o trenciño. Ocupamos todo un vagón e fixemos moito barullo. O día estivo algo fresco, incluso caeu alguna pinga, pero nós pasámolo moi ben. A próxima vez teremos que levar os bañadores e poñernos a remollo! . Podedes ver alguna das fotos que fixemos facendo clic no tren.

EXCURSIÓN A MARCELLE

O vindeiro xoves, 29 de maio, os alumnos/as de 5º e 6º de primaria realizarán unha saída didáctica ao parque "Marcelle Natureza" (Outeiro de Rei- Lugo), actividade programada polo colexio en colaboración coa ANPA - Casardomato. Ademais esta visita completarase cunha parada na cidade de Lugo para visitar a muralla romana (monumento declarado patrimonio da humanidade).

 

   No enlace poden consultar toda a información e descargar a autorización.

TREN DAS TERMAS

Os nenos/as de 1º de primaria realizaron o día 16 de maio un paseo no Tren das Termas, dende a Praza Maior ata as pozas de Outariz. O obxectivo desta actividade, promovida polo Concello de Ourense, é que os nenos/as cheguen a coñecer a riqueza natural da ribeira do Miño e das termas, así como algúns dos puntos de interese especial da cidade, as súas pontes, a flora, a importancia das illas do río, o muíño da Veiga e a maxia da auga termal. Así mesmo trátase de conciencialos no respecto pola natureza e o seu coidado e no goce das actividades ao aire libre.

(preme nas imaxes para visualizalas a maior tamaño)

Powered by Drupal - Design by artinet