Saídas

VISITA EDAR

O xoves, 23 de abril, os alumnos/as de 6º A foron visitar a EDAR (Estación de Tratamento de Augas Residuais), situada na zona de Reza, para coñecer o seu funcionamento. Mediante unha proxección, tiveron primeiramente unha explicación de todo o proceso de depuración e logo foron guíados por toda a planta para coñecer in situ o funcionamento. Con esta actividade, promovida polo Concello de Ourense, preténdese que os nenos/as coñezan a necesidade e a importancia de depurar as augas e o caro e custoso que ten este proceso para conciencialos da necesidade de non malgastar a auga potable. 

                                             (Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos desta saída)

VISITA Á POLICÍA NACIONAL

Enmarcada dentro das actividades promovidas polo Concello de Ourense, atópase a actividade VISITA Á POLICÍA NACIONAL, actividade que realizaron, o pasado 22 de abril, os alumnos/as de 6º de Educación Primaria nas depedencias da Comisaría da Policia Nacional de Ourense.

Dita actividade consistiu nunha visita guiada polas instalacións da comisaría (sala de transmisións, calabozos, sala de identificación de detidos, heliporto...) para coñecer de preto o traballo que realizan os axentes. Alí explicáronlles o procedemento que seguen dende o momento en que un detido entra na comisaría ata que o xuíz decide o que facer con el, así como as distintas áreas de traballo que se realizan en cada dependencia.

(Premendo na imaxe podedes ver algunha foto máis na nosa galería de fotos)

ANTÓN PULIDO

O xoves, 9 de abril, os rapaces/zas de 5º e 6º de Educación Primaria foron á sala de exposicións "Afundación" sita na Praza Maior de Ourense para visitar a exposición "ANTÓN PULIDO. ANTOLÓXICA". Antón Pulido é un pintor ourensán que a día de hoxe é un dos artistas galegos máis destacados, levando a súa obra dende Tokio ata Nueva York. A exposición consta de 34 obras datadas entre os anos 1970 e 2013 e constitúen un excelente testimono da evolución do artista.

Unha vez alí, os alumnos/as foron divididos en dous grupos: mentres un grupo facía unha visita guiada polas obras expostas, o outro grupo participaba nun taller de pintura creativa. Logo en pequenos grupos, os alumnos/as realizaron unha pequena investigación sobre o cadro que lles foi asignado. Despois, unha guía-especialista, fixo unha análise sobre a cor, os sentimentos e o estilo pictórico do autor, ensinándolle aos nenos/as unha maneira diferente de ver e apreciar a arte.

 

Para sorpresa de todos o propio autor apareceu na sala de exposicións. Fixo un percorrido cos nenos/as pola súa obra, contoulles as súas vivenzas e animounos a que manifesten a súa creatividade con total liberdade. Que entusiasmados quedaron ao contar coa presenza  e o testimonio do propio autor... e coñecer de primeira man o significado da súa obra!!!

 

 (Preme na imaxe para acceder á galería de fotos)

Tamén se premedes no seguinte enlace accededes ao blog da aula de 6º A onde nos explican como viviron a experiencia: andaina de 6ª A 

TEATRO DE MONICREQUES: OS NARIGUDOS

Este luns, 2 de marzo, os alumnos/as de 2º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar o espectáculo de títeres de luva e variñas "OS NARIGUDOS", ambientado ademais con música en directo. Este espectáculo, patrocinado por Afundación,  è posto en escea pola compañía TANXARINA TÍTERES que nos fai unha pequena sinopse da obra: "Na illa dos Narigudos, todo son problemas por mor dos enormes narices dos seus habitantes. Bartolo é escollido para ir procurar a solución á casa do Chan Tanda, o home máis sabio do mundo. Mais a vida está chea de tentacións. E se puidese trocar o seu nariz por un máis pequeno?"

E o que pretenden é que os nenos/as fagan unha pequena reflexión sobre a solidariedade e a importancia de valorarnos como somos.

 

 

 

 

 

 

 

Alumnos/as de 2º de Educación Primaria esperando na entrada do Auditorio Municipal de Ourense para poder presenciar a obra de monicreques. 

 

 

 

 

ENCONTRO COA AUTORA

Os alumnos/as de 6º de Educación Primaria participaron

na actividade promovida polo Concello de Ourense denominada "Encontros coa autora". O obxectivo principal da mesma  é o de poñer en contacto aos nenos/as con autores de libros infantís e xuvenís para que coñezan de forma directa a súa obra e o seu traballo. 

A actividade comeza primeiramente coa lectura na aula dun libro axeitado á idade dos nenos/as e logo o encontro co autor/a do citado libro. Este curso o encontro realizouse na Escola Municipal de Artes Escénicas de Ourense o pasado venres, 30 de xaneiro.

O libro lido foi "Escarlatina, a cociñeira defunta" da escritora Ledicia Costas. Un dato importante: o libro recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. 

(Se facedes clic na foto da autora accededes á páxina da Editorial Xerais (editora do libro) para coñecer detalles da vida e obra de Ledicia Costas, e se facedes clic na imaxe da portada do libro, podedes ver o argumento do mesmo e acceder a unha ficha de lectura)

 

 

 

Presentación da autora

Ledicia Costas asinando os libros 
Póster- agasallo dos nenos/as de 6º curso á autora  

Todos os alumnos/as de 6º recoméndanvos a lectura deste libro que segundo as palabras ditas por un deles:   "Foi un libro moi entretido ata o final. Cústabame parar de ler"

(preme nas imaxes para acceder ao blog de aula de 6º A onde podedes ler a valoración que fan os nenos/as desta actividade)

NA PROCURA DO TESOURO

O día 27 de xaneiro os alumnos/as de 3º e 4º curso de primaria desprazáronse ata o Auditorio Municipal para ver a representación da obra "Na procura do tesouro", unha ACTIVIDADE DIDÁCTICO - MUSICAL SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO, representada pola Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra (www.xistra.info) e patrocinada por "Afundación" dentro da súa campaña social de actividades para escolares. 

(para ter máis información, premede nas imaxes para acceder ao blog do equipo de dinamización da lingua galega)

            alumnos/as de 3º de primaria                             alumnos/as de 4º de primaria 

O xornal  "Faro de Vigo", na súa edición dixital, fixo constancia desta importante actividade de promoción do noso patrimonio cultural:

 

XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO IES 12 DE OUTUBRO

O vindeiro xoves, 29 de xaneiro, o "IES 12 DE OUTUBRO", instituto que lle corresponde aos nosos alumnos/as por adscrición para continuar os seus estudos de Educación Secundaria, realiza unha xornada de portas abertas dirixida os alumnos/as de 6º de Educación Primaria e aos seus pais/nais ou titores/as legais. O obxectivo da actividade é dar a coñecer as ensinanzas que se imparten no centro e as instalacións coas que conta, así como aclarar todas as dúbidas que se poidan ter sobre a nova etapa educativa que comezarán os alumnos/as no curso 2015/2016. 

Para realizar esta visita saírá do noso centro un autobús ás 11:00 horas, os alumnos/as de 6º irán acompañados por tres profesores. Tamén é moi importante que algún familiar acompañe ao alumno/a, polo que poderán facelo no mesmo autobús que levará a estes dende o centro.

 

PRAZO DE RESERVA DE ADMISIÓN NO IES 12 DE OUTUBRO 

DO 01 AO 19 DE FEBREIRO DE 2015

TEATRO EN INGLÉS: SPINDERELLA

Os alumnos/as de 6º de Educación Primaria acudiron o día 21 de xaneiro ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar a obra teatral en inglés titulada "SPINDERELLA", posta en escea pola compañía "BLUE MANGO THEATER". A obra é unha adaptación moderna do conto da "Cincenta" e inclúe temas como a boa alimentación, a vida activa e a persecución dos nosos soños. 

Tedes máis información sobre esta actividade no blog de inglés (picade nas imaxes para acceder ao mesmo)

EDUCACIÓN VIARIA

Os alumnos/as de 5º e 6º de primaria acudiron o 14 de xaneiro ao recinto de Expourense para participar na actividade organizada polo Concello de Ourense e denominada "Parque Infantil de Tráfico". Esta actividade ten como finalidade proporcionar formación viaria e fomentar nos nenos/as hábitos seguros e actitudes de tolerancia, respecto e solidariedade fronte ás diversas situacións de tráfico que se lles presentan na súa vida diaria. 

A actividade estivo dividida en dúas sesións :

1º- Clases teóricas na aula de educación viaria.

2º- Prácticas de condución con bicicleta e karts eléctricos nun circuito deseñado para tal fin. 

Preme nas seguintes imaxes para acceder á páxina do Concello onde se explican as principais características da actividade e para acceder ao blog dos alumnos/as de 6º A onde nos contan como a viviron...

 

 E facendo clic nas seguintes accedes á galería para ver as fotos da saída.

AULA DA NATUREZA

O 1 de decembro os alumnos/as de 2º curso de educación primaria realizaron unha visita á AULA DA NATUREZA DO RÍO MIÑO. A través desta aula, a Concellería de Educación do Concello de Ourense tenta fomentar a participación cidadá nos aspectos relacionados co medio ambiente urbano, a través da sensibilización, formación e educación para achegar á poboación en xeral o coñecemento da realidade ambiental e así, ir creando unha maior conciencia ecolóxica capaz de colaborar cos necesarios esforzos que permanentemente hai que realizar para lograr cada día un maior equilibrio medio ambiental. 

A actividade na que participaron os nosos cativos/as día foi a seguinte: "CONCIENCIACIÓN. OS NOSOS AMIGOS, OS CANS E OS GATOS". Con ela trátase de concienciar aos máis pequenos sobre os coidados e responsabilidades que require unha mascota, valorando a importancia que teñen como animais de compañía e como fonte constante de alegría e cariño. Así como inculcar comportamentos para paliar o abandono destes animais. 

A actividade, dirixida por Luis, coordinador desta aula, contou tamén coa colaboración de Erea, voluntaria de PROGAPE que viña acompañada de dous pequenos cadeliños. PROGAPE é unha asociación protectora de animais, cuxo cometido principal é a defensa dos animais, a denuncia ante o maltrato e calquera outra acción encamiñada a conseguir o respecto e o recoñecemento dos dereitos dos animais. Este grupo é ademais o que se encarga de xestionar a "perrera" municipal de Ourense.

Erea faloulle aos cativos sobre os cans e os gatos que se atopan na "perrera" municipal (600 cans e 200 gatos) e sobre as súas condicións. Faloulles da importancia do coidado dos animais e os nenos/as faláronlle das súas mascotas e de como as coidaban. Tamén lles falou dos animais abandonados e de que podían ir coas súas familias non só para adoptar un deles senón tamén para visitalos, darlles un pouco de cariño ou pasealos nunha tarde. Indicoulles  cousas que podían levarlles e que lles eran moi necesarias: xornais vellos, cartóns, botellas de plástico...

Despois de visionar algún video sobre os animais, os nenos/as debuxaron un can ou un gato e fixeron tamén con papel a pequena carauta dunha mascota. Foi unha mañá estupenda, e os nenos/as, ademais de aprender cousas sobre as súas mascotas, pasárono xenial!!

 

(Preme nas imaxes para acceder á galería fotográfica)

Dende aquí en nome de PROGAPE pedimos a vosa axuda: visitade a perrera municipal coas vosas familias para pasar unha tarde con algún destes animais e non vos esquezades de levarlles eses materiais  que ides tirar ao lixo:  papeis, xornais, envases de plástico...

 

Powered by Drupal - Design by artinet