Saídas

VISITA A METEOGALICIA E O PARLAMENTO GALEGO

UN MARTES METEOROLÓXICO!!                                     O martes 8 de maio amenceu cuberto de estratos de ilusión e nervios na cidade de Ourense. O alumnado de 4º e 5º de primaria cos profes do centro, e os nosos compañeiros do CEE O PINO, almorzamos cedo para iniciar unha pequena viaxe á capital de Galicia.

Unha néboa mesta de sorrisos acompañounos no autobús polo alto de San Martiño. Chegamos puntuais e fresquiños á nosa primeira parada: a sede de Meteogalicia!! Alí comezamos co lanzamento dunha radiosondaxe á estratosfera. Quedamos anubrados!!                                                

Logo disto, tivemos unha interesante xornada de formación sobre os meteoros máis habituais, os tipos e formación das nubes, o ciclo da auga e sobre como se forman as tormentas. Non quitamos ollo e respostamos moitas inquedanzas!.     

Tamén nos ensinaron diferentes instrumentos de medida das variables meteorolóxicas.               Fomos testemuñas de como funciona unha sala de predición e de onde se extraen os datos para facer as predicións que lemos todos os días nos xornais.

Con todo este orballo de datos meteorolóxicos, mentres o sol tentaba facerse camiño entre os estratos do ceo, encamiñámonos cara a segunda parada: o Parlamento de Galicia.

Alí o noso guía acompañounos pola Sala dos Reis, as bibliotecas, as salas onde se reúnen os grupos parlamentarios e por suposto a Sala de Plenos. Houbo unha chuvia intensa de datos e máis datos moi interesantes. Na sala de plenos tivemos unha gran sorpresa: un saúdo personalizado do mesmísimo presidente da Cámara!

Tamén tivemos unha visita dun deputado que nos explicou en que consistía o traballo dos parlamentarios.
Cheos de información e emoción no corpo (e tamén unhas pingas de fame) encamiñámonos cara a Alameda de Santiago, onde o sol xa quentaba. 
Xa pola tarde, cos estómagos cheos, paseamos coma un brisa suave polo belo Casco Vello da cidade, chegando á praza do Obradoiro e á praza de Praterías onde moitos descubrimos por primeira vez a Catedral!
Así, chegamos á fin desta experiencia que pasou rápida coma un raio. Xa estamos agardando a seguinte! 

 

Na páxina web de METEOGALICIA fixéronse eco, a través de twitter, da nosa visita:

 

MONICREQUES: GARBANCITO NA BARRIGA DO BOI

  O grupo de monicreques "LA GOTERA DE LAZOTEA" puxo en escena a súa obra "GARBANCITO EN LA BARRIGA DEL BUEY" no Auditoiro Municipal de Ourense. Alí acudiron os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria o xoves, 15 de marzo, para  desfrutar con esta adaptación para monicreques do famoso conto tradicional de "GARBANCITO". 

A senopse da historia, extraída da páxina web deste grupo teatral é

a seguinte:   "Un contador de cuentos se ve obligado a vender chucherías para de esta manera atraer publico a quien contar sus historias. Apasionado por el cuento de Garbancito –de alguna forma el cuento le aporta esperanza a su propia existencia de la que el mismo piensa que es insignificante- siente además una enorme curiosidad de lo que le pudo haber ocurrido a Garbancito dentro de la barriga del buey. Una vaquera a la que encuentra en el camino de un pueblo a otro conoce esa parte de la historia".

Na historia, que encantou e divertiu aos máis pequenos, mesturábanse diálogos, música e cancións, como a coñecida: "Pachín, pachán, pachón, a garbancito no piséis..."

 

TEATRO: A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO

Os pequenos de infantil de 4 e 5 anos acudiron o martes, 27 de febreiro, ao Auditorio Municipal de Ourense a presenciar a obra A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO. Obra de MAGÍN BLANCO que mestura teatro e música.

É continuación dunha anterior obra A NENA E O GRILO e nesta última aventura "as dúas personaxes vivirán unha historia coa que continuarán a descubrir o mundo. Irán pasando por singulares aventuras que inciden directamente en temáticas como a solidariedade, o respecto pola natureza, a identidade e o desenvolvemento do universo afectivo. Esta edición pretende estimular a curiosidade e a creatividade dos nenos."

A obra tamén está editada nun libro acompañado dun disco que contén as 13 cancións que cantan e interpretan no espectáculo, espectáculo que encantou aos nenos e nenas que desfrutaron coas diferentes músicas, dende un rock and roll ata un rap...

E como remate, como Ana levaba o libro da obra, o propio Magín asinoullo e escribiulle unha dedicatoria.. que contenta está agora Ana coa sinatura do autor no seu libro!

Se queredes saber máis información sobre este autor ourensán e sobre a súa obra premede no seguinte enlace:

- MAGÍN BLANCO 

E neste vídeo podedes ver una sinopse do espectáculo:

- A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO

TEATRO: ZAPPING

Un ano máis a compañía de teatro BLUE MANGO THEATRE fixo disfrutar aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria que acudiron o pasado martes, 23 de xaneiro, ao Auditorio Municipal para presenciar unha das súas representacións teatrais en inglés: ZAPPING.  

 Ademais de reforzar as competencias do alumnado en lingua inglesa, a obra resalta valores como a amizade e o respecto cara aos demais;  tamén fai unha reflexión sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos no día a día. Cambiaríamos algo se puidésemos dar marcha atrás?

Zapping narra a historia de Eli, unha nena que ten unha familia un tanto peculiar. Oxalá Eli tivese escoitado o seu pai. Quizais tivese aprobado o seu exame de ciencias sobre o sistema solar. E se a relación coa súa irmá fose mellor, tería podido gañar o concurso de talentos. E se…

pero cando Eli descobre que ten o poder de rebobinar o tempo dispón de novas oportunidades para  facer as cousas de forma distinta e facer que as consecuencias sexan tamén distintas tanto no seu ámbito persoal, coma nas relacións coa súa familia e amigos. Todo isto narrado dunha forma divertida e cómica que fixo que os alumnos aprenderan e disfrutaran ao mesmo tempo.

 

   (Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

TEATRO: PUM, PUM

Alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria acudiron o martes, 12 de decembro, a presenciar o espectáculo teatral "PUM, PUM" posto en escena polo grupo BAOBAB TEATRO no Auditorio Municipal de Ourense. 

Na obra, na que se mesturan títeres, teatro de actor, máscaras, sombras e música, está destinada para nenos a partir de 5 anos de idade.  Narra a historia de "Marieta unha nena coma calquera nena de 5 anos, ela está rodeada de portas, portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan cando Marieta quere,  pero Marieta ten unha porta que garda un segredo. Un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou, por iso ás veces Marieta non fala e quédase calada..." (sinopse extraída da web de Baobab Teatro).                                      

Neste espectáculo tratanse temas complexos que afectan á infancia dende un punto de vista tenro, poético e divertido. pero tamén fala dunha mensaxe clara: os nenos e nenas dende moi pequenos deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren.

Se queredes saber máis información sobre este espectáculo cunha magnífica posta en escena e ao mesmo tempo cunha mensaxe clara, podedes facelo no seguinte enlace á páxina web do grupo Baobab Teatro:

- BAOBAB TEATRO 

(Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos) 

A GALIÑA AZUL

O 29 de novembro os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a representación da obra de Carlos Casares "A galiña  azul". Promovida polo Concello de Ourense, está enmarcada dentro da serie de actividades adicadas ao autor homenaxeado ao longo deste ano. Ao mesmo tempo con ela preténdese animar á lectura e á dramatización e fomentar a imaxinación e a creatividade dos nenos. 

"A galiña azul contén cinco historias entrelazadas que transmiten mensaxes tan importantes como a defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión". 

Despois dunha preparación previa nas aulas, onde leron o libro de Casares, no auditorio gozaron coa adaptación teatral realizada por UBÚ TEATRO que mesturando narración oral, monicreques e clown lograron unha comunicación afectiva  e directa na que os nenos participaron activamente. 

No seguinte díptico tedes máis información sobre o autor, sobre "A galiña azul" e sobre a adptación teatral:

 

TEATRO: LABERINTO

O martes 7 de novembro, alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar a obra teatral "LABERINTO" que creou e representou o grupo teatral "ZARÁNDULA, COMUNICACIÓN CULTURAL". 

A obra enmárcase dentro do programa de Educación Financeira de ABANCA- Obra Social. O obxectivo deste programa é o de transmitir aos nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, a importancia dunha correcta xestión da economía no fogar e como as súas accións poden ter un papel fundamental para mellorar o aforro familiar. 

"Na obra represéntase unha semana na vida de Teo, un "preadolescente" que se atopa nun momento complicado da súa vida xa que se sinte maior pero segue sendo un neno. A historia desencadease cando o neno discute coa súa nai porque ela lle di que non lle vai dar máis cartos. A través da visión de mitos como o Teseo e o Minotauro, Ícaro e Hércules, acaba por chegar a un acordo coa súa nai sobre a súa paga e o aforro, entende que non está só e pode pedir axuda, e aprende a importancia de pensar antes de gastar, de tomar decisións e de deixarse axudar para xestionar o diñeiro". 

Así deste xeito divertido e ameno, a través das artes escénicas, os nenos aprenden conceptos básicos de economía e de xestión do diñeiro e vanse concienciando da necesidade de adoptar hábitos de consumo responsable, de acordo coas necesidades e os intereses. Tamén aprenden que as marcas non nos fan ser mellores persoas e que o diálogo é unha forma de afrontar as solucións de problemas complicados. 

 

 

 

 

CONCERTO DIDÁCTICO: OS SUPERHÉRCULES

O pasado 6 de novembro, alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense a presenciar o concerto didáctico "OS SUPERHÉRCULES", interpretado polo quinteto musical "HÉRCULES BRASS"

"OS SUPERHÉRCULES é un espectáculo didáctico musical que pretende achegar aos máis novos os instrumentos de vento metal, trompeta, trompa, trombón e tuba. Unha historia de superheroes é unha maneira fantásticapara transmitir os obxectivos establecidos, aprender a gozar e valorar un concerto en directo, familiarizarse conconceptos musicais como a melodía, o ritmo e a harmonía; e distinguir o son dos diferentes instrumentos."

OS SUPERHÉRCULES conta a historia de cinco rapaces que xogaban plácidamente na súa casa no ano 2268. Revolvendo no trasteiro atopan unha caixa misteriosa que cambiará as súas vidas, transformándoos en superheroes. A partires dese momento son os elixidos para recuperar os elementos que forman a música. Para completar a súa misión, os protagonistas viaxarán no espacio e no tempo, resolvendo conflictos de todo tipo co seu inxenio e o traballo en equipo.

A partir desta historia tan entretida, os nenos aprenderon a recoñecer os diferentes instrumentos da familia do vento e a gozar coa música en directo. 

 

TEATRO: RUBICUNDO

O pasado 30 de outubro, alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar o espectáculo teatral: RUBICUNDO, representado polo grupo TEATRO DOS GHAZAFELHOS. 

A obra, basada no libro RUBICUNDO, escrito por María Canosa, conta como "Tódalas noites, Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha.  Semella que ninguén repara nesta personaxe, enfundada nun gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás Erea. Disposta a chegar ate o fin daquel misterio… Pois así era esta rapaza… curiosa e soñadora…

Rubicundo cóntanos unha fermosa historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias…" (sinopse extraída da páxina web oficial da compañía Ghazafelhos). 

O grupo teatral Ghazafelhos fundouse no ano 2006 en Narón e está formado por tres actores: Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas. Iniciáronse con pequenas obras de títeres, contacontos e teatro de rúa e en pouco tempo, consolidáronse como unha das compañías galegas de referencia para o público familiar. 

Nesta obra cantan, bailan, interactúan con obxectos, con títeres ... cunha posta en escena chea de sorpresas e de música que foi moi do agrado de todos os alumnos e alumnas que asistiron á representación. 

CINE: EL TECHO DEL MUNDO

 O pasado 25 de outubro, alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar a proxección da película de animación titulada "El techo del mundo", película enmarcada dentro da XXII edición do  Festival de Cine Internacional de Ourense.

Esta película francesa do ano 2015, narra as aventuras de Sasha: 

"1882. San Petersburgo. Sasha é unha moza aristócrata rusa que sempre estivo fascinada pola aventureira vida do seu avó, Olukin, un explorador famoso que non regresou da súa última expedición á conquista do Polo Norte. En troques de satisfacer aos seus pais, que concertaron a súa voda, Sasha rebélase contra o seu destino e decide saír cara ao Gran Norte seguindo a pista do seu avó".

É unha èpica e fermosa película de aventuras onde uns espectaculares paisaxes serven de fondo á transformación e ao crecemento persoal de Sasha, ao longo da travesía que emprende, despois de rebelarse contra as convencións sociais. Valor, fe  e tenacidade e o profundo cariño entre un avó e a súa neta, son os valores que nos quere transmitir a historia a través da súa protagonista, historia que foi moi do agrado dos alumnos que a visionaron.

 

(Preme na imaxe para acceder á galería de fotos)

Powered by Drupal - Design by artinet