Novidades

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DA BIBLIOTECA ESCOLAR

Ao rematar cada curso escolar o Equipo de Biblioteca sempre fai unhas recomendacións de lectura para o verán e son entregadas a todos os alumnos e alumnas nun folleto impreso; dada a situación na que nos atopamos este ano estas recomendacións lectoras están a vosa disposición en formato dixital. A continuación reproducimos dito folleto informativo. 

Esperamos que vos sexa de utilidade e que os nenos e as nenas non se esquezan ao longo do verán de manter o contacto cos libros e coas lecturas, sexan estas ou outras que a eles lles apetezan ou vós lles seleccionedes.

 

Tedes tamén o folleto en formato pdf por se alguén quere imprimilo:

- RECOMENDACIÓN LECTORAS VERÁN 2020

APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA

Queremos dar as grazas a tod@s pola vosa participación na actividade "APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA" que convocamos con motivo da celebración do DÍA MUNDIAL DO LIBRO, o pasado 23 de abril.

Aquí vos deixamos o vídeo co resumo das imaxes. E o máis importante, non esquezades que TODOS OS DÍAS TEN QUE HABER UN MOMENTO PARA A LECTURA NA CASA!!

DÍA DO LIBRO 2020: AGASALLO DE SABELA GAGO

Xa sabedes que hoxe, 23 de abril, celebramos O DÍA MUNDIAL DO LIBRO e aínda que estamos na casa, ímolo a festexar igualmente.

Os libros teñen que ser os nosos compañeiros todos os días, tanto para buscar información e coñecer cousas novas, coma para gozar nos tempos de lecer. Xa sabedes que o equipo de biblioteca propúxonos a actividade do APADRIÑAMENTO LECTOR (podedes envíar as fotografías dos padriños e madriñas léndolles aos afillados/as ata o domingo 26 de abril), un divertido xogo de adiviñas de libros para os pequenos de infantil, 1º e 2º de primaria e distintos enlaces á páxinas de lecturas online e xogos interactivos.  

Ademais temos unha sorpresa para vos neste día tan especial!! A gran contadora de historias e actriz, SABELA GAGO, que tantas veces ten vido ao cole a contarnos e facernos partícipes das súas historias, mandouvos este vídeo contándonos un simpático conto de XOÁN BABARRO. Non perdades detalle:

 

MOITAS GRAZAS SABELA POR ESTE AGASALLO TAN ESTUPENDO!!

23 DE ABRIL. DÍA MUNDIAL DO LIBRO

O vindeiro 23 de abril celébrase o DÍA MUNDIAL DO LIBRO e, nestes días de confinamento que estamos vivindo, os libros son un dos grandes aliados que temos para facer máis levadeiro o noso día a día.

Un libro abrenos horizontes, ventás ao mundo, tanto ao que está lonxe coma ao que temos máis preto. Sen saír da casa podemos visitar países, museos ...coñecer como funcionan máquinas, aparellos, o noso corpo... facer experimentos e xogos de maxia... coñecer a vida de persoas extraordinarias, ou de persoas sinxelas que fixeron que o mundo ao seu arredor fose mellor. Cos libros podemos aprender matemáticas, idiomas, xogos e pasatempos... recitar cancións e poemas... coñecer historias antigas e modernas, contos, adiviñas... Así poderíamos enumerar centos de posibilidades que nos ofrecen os libros..., pero non esquecemos algunhas das máis importantes... os libros espertan a nosa imaxinación e as nosas gañas de saber e coñecer o que sucede ao noso arredor.

Sirva este preámbulo para destacar a importancia que teñen os libros no noso proxecto educativo e como queremos que nestes días estén presentes no voso día a día. O Equipo da Biblioteca Escolar quere proporvos unha actividade que facemos todos os anos ao chegar esta celebración. Seguro que vos sona O APADRIÑAMENTO LECTOR. E como non queremos que os nenos e nenas esquezan esta actividade que tanto lles gusta, imos facelo da seguinte maneira:

APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA - igual que no cole os rapaces e rapazas maiores lles lían un conto aos máis pequechos/as, podedes facer o mesmo nas vosas casas. Aos nenos/as que son de infantil, 1º, 2º e 3º que alguén dos que estades na casa (que sería o padriño)lle lea un conto. As rapazas e rapaces de 4º, 5º e 6º serían os padriños, lerían un conto aos pequechos, se os houbese na casa, ou ás persoas maiores que estivesen con eles.   

Sería estupendo que nos mandarades fotos da actividade, con todas elas faríamos un vídeo. Bastaría que enviasedes dúas fotos: unha foto do libro ou libros que ides ler e outra onde se vira ao neno ou nena escoitando ou lendo a historia ou conto. 

As fotos podedes envialas aos seguintes enderezos electrónicos:

bibliotecaalbinonunez@gmail.com 

ceip.albino.nunez@edu.xunta.gal 

Esperamos que vos animedes e, sobre todo, que os libros estén presentes todos os días que nos toca QUEDAR NA CASA. 

VI APADRIÑAMENTO LECTOR

Con motivo da celebración o 23 de abril do DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar organizou o VI APADRIÑAMENTO LECTOR. Esta actividade que tanto gusta a todo o alumnado do cole, tivo que celebrarse este luns día 29 de abril por culpa do mal tempo, xa que ao contar o centro con moitos espazos exteriores resulta máis motivador e gozoso realizalo ao aire libre. 

Se premedes nas imaxes veredes no blog do equipo de biblioteca todas as fotos desta actividade e doutras que se celebraron ao longo da semana do libro:

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2018-19

O pasado 24 de outubro, un ano máis celebramos no centro o DÍA DA BIBLIOTECA cunha serie de actividades programadas polo Equipo de Dinamización da Biblioteca. Entre elas, unha representación con teatriño de monicreques que realizaron os alumnos e alumnas de 4º B para todo o alumnado de infantil. 

Premede na seguinte imaxe para obter máis información sobre as actividades realizadas. 

E no seguinte enlace tamén podedes coñecer o significado desta conmemoración anual:

- DÍA DA BIBLIOTECA 

 

A BIBLIOTECA NO PATIO

O equipo que se encarga da biblioteca do centro acordou levar un "anaco" da biblioteca aos patios de recreo como unha actividade máis de animación á lectura. Aínda que nos recreos sempre permanece aberta a biblioteca para que os nenos acodan a ler, a facer uso do préstamos de libros, a preparar traballos, buscar información... esta iniciativa do mencionado equipo dinamizador pretende acercar aínda máis os libros e a lectura a todos os nenos e nenas. Como temos dúas zonas de patios diferenciadas, patio de infantil e patio de primaria, son dúas as accións que puxeron en marcha:

- BIBLIOPATIO: un carriño cheo de libros para os pequenos de infantil e levado todos os días na hora de recreo por dous/dúas axudantes da biblio. A iniciativa está a ser un éxito e os nenos axiñan acoden a coller un libro do carro e póñense a ler en calquera recuncho do patio.

 

 

 

- QUIOSCO DE PRENSA: aproveitando o antigo quiosco de prensa que está instalado no patio traseiro, cada mércores, tamén dous axudantes da biblioteca abren o quiosco e atenden as peticións dos nenos que poden coller diversos tipos de revistas. A actividade, que comezou o pasado mércores, tamén resultou todo un éxito no seu primeiro día, esperamos que o siga sendo e que este primeiro paso de acercamento dun xeito lúdico e divertido, os anime a acudir maís a miúdo á biblio e mellorar os seus hábitos de lectura.  

 

Powered by Drupal - Design by artinet