08 Pais separados. ESO.BAC

Circular 1/1997, do 3 de marzo, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa do 29 de xaneiro de 1997 sobre información aos pais separados ou divorciados dos resultados da avaliación dos seus fillos.

A información ás familias sobre os resultados da avaliación do rendemento dos seus fillos é unha obriga dos Centros, tal como queda recollido na Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, disposicións desta Comunidade Autónoma sobre avaliación, aspectos curriculares e implantación dos distintos niveis do ensino e outras de pertinente aplicación.

En tódalas disposicións referidas á avaliación está previsto que dita información se dirixe ó pai e a nai (ou de se-lo caso, ós titores legais) como unidade familiar, sen facer referencia a outro tipo de situacións.

A citada obriga lévanos a unha casuística diversa en situacións de separación xudicial ou divorcio, cando o cónxuxe que non ostenta a custodia legal dos seus fillos desexa ter información dos resultados escolares destes.

Se ben a regulamentación dos dereitos derivados destas situacións familiares, ou outras, non é competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta pode dictar normativa ós centros de ensino, en uso da súa capacidade organizativa, co fin de dar resposta a unha demanda social.
Consonte co anterior, díctase a seguinte CIRCULAR:

1. O pai ou a nai separados ou divorciados que non teñan asignadas a garda ou custodia legal dos seus fillos e desexen obter información sobre os resultados da avaliación destes deberán solicitala ó centro educativo no que os seus fillos estean escolarizados, a través de escrito dirixido ó Director, achegando copia fidedigna da sentencia xudicial de divorcio, separación ou nulidade.

2. Se o dictame da sentencia tivese unha declaración expresa sobre o particular, os centros ateranse ó disposto nela.

3. Se o dictame da sentencia non tivese declaración expresa sobre o particular, o centro emitirá a información sobre o rendemento escolar do seu fillo ó proxenitor que non ten encomendada a custodia do alumno, sempre que non fose privado ou excluído da patria potestade. Os centros non proporcionarán a información ó cónxuxe privado ou excluído da patria potestade, agás que por orde xudicial se indique o contrario.

4. No suposto que un centro reciba unha solicitude para facilitar información directa ó proxenitor que non teña a custodia ou garda legal, nos termos e circunstancias contemplados nos puntos anteriores, comunicará ó pai ou nai que a teña, a pretensión do solicitante e concederalle un prazo máximo de dez (10) días para que poida formula-las alegacións que estime oportunas. Indicaráselle que pode ter coñecemento da copia da sentencia aportada polo outro proxenitor para contrastar si é a última dictada.

5. Rematado o prazo sen formular alegacións ou cando estas non aportaren nada que aconselle varia lo procedemento, o centro deberá facer chegar ó mesmo tempo ó proxenitor solicitante copia de cantas informacións documentais entregue á persoa que ten a custodia do alumno. Asemade, o profesor-titor e os demais profesores poderán facilita-la información verbal que estimen pertinente.

6. Esta situación prolongarase automaticamente agás que algún dos proxenitores aportara novos elementos en relación con modificacións en canto á potestade, garda ou custodia.

7. Se o documento informativo prevé a devolución cun “recibín” do proxenitor ó que se destinou, este virá obrigado á súa devolución, e no caso de reiterado incumprimento, o centro non estará obrigado a continuar coa remisión dos ditos documentos informativos.


Santiago, 3 de marzo de 1997
O Director Xeral de Centros e Inspección Educativa
Asdo.: Severino Somoza Gómez

Algunhas cuestións relacionadas con pais separados ou divorciados.

Que se entende por patria potestade?

Podemos definila como o conxunto de facultades e deberes que corresponden aos proxenitores para o cumprimento da función de asistencia, educación e coidado dos menores.

Exércese conxuntamente por ambos proxenitores ou por un só, co consentimento expreso ou tácito do outro. Ademais, serán válidos aqueles actos que realice un deles conforme ao uso social e ás circunstancias de urxente necesidade. En caso de desacordo, calquera dos dous podería acudir ao xuíz.

Que se entende por garda e custodia?

É unha das prerrogativas e deberes da patria potestade, aínda que, mentres a patria potestade refírese á responsabilidade xeral na toma de decisións que afectan aos menores, a garda e custodia ten un contido máis inmediato de coidado e atención sobre eles, que comprende os aspectos derivados do quefacer diario: alimentación, coidado, educación, estudo, etc.

Pode suceder que a tutela e a garda do menor estea atribuída á Xunta de Galicia por tratarse de casos de orfandade, desamparo, etc., e o menor se encontre en situación de acollemento familiar ou residencial. Nestas situacións, o titor legal ou persoa designada pola Administración farase cargo das relacións co centro.

En caso de separación, nulidade ou divorcio, a sentenza xudicial establece a que cónxuxe se atribúe a garda e custodia ou se esta é compartida, fixando tamén, na maioría dos casos, o exercicio conxunto da patria potestade e o réxime de visitas ou de convivencia.

Que debemos ter en conta na recollida no centro dos menores?

Haberá que atender aos termos establecidos na sentenza.

O alumno entregarase xeralmente ao proxenitor co que conviva e exerza a custodia, sen prexuízo de que este poida autorizar ben o outro proxenitor ou unha terceira persoa para que o recolla no seu nome.

A sentenza dispoñerá, así mesmo, se algún día á semana o recolle o pai ou a nai non custodio ao rematar as clases, ao ter este ese día ao seu cargo ao menor. Este proxenitor, en exercicio da súa patria potestade, podería tamén autorizar a outra persoa  para recoller ao alumno no seu nome.

En todo caso, o centro deberá aplicar os protocolos que se utilicen con outras familias, que xeralmente consisten en autorización asinada para delegar a recollida.

Preséntanse casos conflitivos nos que o proxenitor que ese día non ten a custodia pretende recoller ao menor á saída do colexio, ou sacalo de clase coa escusa dunha consulta médica.

Neste tipo de situacións, debe procederse conforme aos termos da sentenza ou en base á autorización concreta do proxenitor que ten a custodia, negándose a entregar ao alumno noutras circunstancias.

Que se debe facer en situacións especialmente conflitivas?

Débese actuar en función dos documentos oficiais dos que se dispoña.

As circunstancias relevantes que afectan ao menor veñen establecidas nas resolucións xudiciais pertinentes que cumpren dous requisitos básicos:

a. Están asinadas por unha autoridade xudicial.
b. Son de coñecemento das partes afectadas.

En ningún caso deberán  tomarse en consideración demandas, querelas, reclamacións extraxudiciais ou denuncias sobre as que no se emitira una resolución xudicial.

Tamén é aconsellable que o titor leve un rexistro de incidencias  (entrevistas, chamadas de teléfono...) por se nalgún momento reclaman información desde instancias xudiciais.

Que requisitos debe cumprir a solicitude de admisión dun neno cuxos pais están separados ou divorciados?

Nas solicitudes de admisión de nenos con pais separados ou divorciados requírese a sinatura dos dous proxenitores, agás que a patria potestade estea atribuída a un deles con carácter exclusivo, ou en situacións de violencia de xénero.

De constatarse no expediente a separación ou divorcio dos proxenitores coa patria potestade compartida e a existencia dunha soa sinatura na solicitude, deberase requirir ao proxenitor que a presentou que subsane a deficiencia ou, se é o caso, xustifique o motivo da omisión por calquera medio de proba admitido en dereito.

Que sucede en caso de discrepancias á hora de matricular un neno?

De existir unha discrepancia formulada expresamente por escrito polo proxenitor non asinante, non se paralizará o expediente, sen prexuízo de que os feitos sé poñan en coñecemento da xefatura territorial para o seu traslado, se é o caso, ao Ministerio Fiscal.

En tanto o xulgado dite resolución, a Administración educativa garantirá, en todo caso, a escolaridade do menor, especialmente no ensino obrigatorio.