1.1.ELEMENTOS DA PUBLICIDADE

A publicidade é unha forma de comunicación, xa que se produce nunha situación comunicativa concreta, o contexto, e posúe os elementos básicos da comunicación: emisor, mensaxe, medio e receptor; e os seus aspectos complementarios: codificación, decodificación, interferencias, control dos efectos e retroalimentación.

  • Emisor – Anunciante: a entidade que ten a intención e crea a información que se pretende enviar.

  • Mensaxe – Anuncio: a información emitida.

  • Canle/Medio – Medios de comunicación: o sistema que transmite a mensaxe.

  • Receptor – Público Obxectivo: as persoas elixidas susceptibles de recibir a mensaxe.

  • Codificación – Símbolos (significado): o proceso que transforma a idea da mensaxe en algo comprensible para o público obxectivo.

  • Decodificación – Interpretación dos símbolos (mesmo significado): o público obxectivo debe manexar o mesmo código que emprega o emisor para poder entender a mensaxe, o anuncio.

  • Interferencias – Estorbos, dificultades: que ás veces se producen ben, debidas ao contexto, ou a canle, ou ao código, etc.

  • Control dos efectos – Investigación Post resultados.

  • Retroalimentación – Investigación Precampaña, ambos de vital importancia para a efectividade das campañas publicitarias[1].

Esquema dos elementos da publicidade

 

Pero ao mesmo tempo que é un fenómeno social complexo é unha técnica comercial das empresas, unha actividade creativa con certo compoñente estético, un medio de transmisión encuberto de valores sociais, un mecanismo de investimento dos medios de comunicación, etc.           

Ten unha tendencia á innovación constante, xa que a súa masiva e constante presenza na vida cotiá, obriga aos publicistas ao uso de técnicas que chamen a atención dun público cada vez máis saturado, para quen “o de onte, xa non asombra”.

A finalidade mercantil para as empresas converte ao anuncio nun medio para aumentar as vendas e así os beneficios. A produción e o consumo indefinido son as bases da sociedade de consumo na que están inmersos a maioría dos países desenvolvidos.

Como axente produtor e difusor de ideoloxía, a publicidade é un axente socializador do noso sistema actual. Asocia aos produtos unha serie de valores socialmente aceptables (o prestixioso, o natural, o fermoso, o económico, o tecnolóxico, o maioritario…) creando unha serie de mitos (a liberdade, a xuventude, a seguridade…) e estereotipos (o home dominante e viril, a muller como obxecto fermoso ou como ama de casa que vela pola familia, o adolescente rebelde…)[2].

E todo isto expresado dun xeito estético, ás veces de gran calidade, por medio da creatividade dos publicistas.



[1] Ortega, E. (2004) La comunicación publicitaria. 2ª edición. Pirámide. Madrid.

[2] VVAA (1999) Lengua Castellana y Literatura II. Akal. Madrid.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:55