5.5. Enquisas: a ferramenta de enquisas

   BigBlueButton: uso das enquisas

EDIXGAL

BigBlueButton

Ao longo dunha xuntanza o profesor pode ter interese en recoller opinións ou respostas de maneira informal dos seus alumnos. Resultaría pouco práctico facelo oralmente dado que a concorrencia de moitos participantes falando simultaneamente adoita ser inintelixible. É aconsellable, ademais, que os espectadores manteñan os seus micros pechados en tanto non precisen falar. 

Por eses motivos, BBB conta cunha ferramenta denominada enquisa que permite obter as respostas dos participantes de xeito rápido, sinxelo e sen activar o son. 

A configuración da enquisa non permite establecer a pregunta que se quere facer, polo que debemos facela previamente por outro medio: ou ben de xeito oral ou ben visualizala desde a presentación activa da videoconferencia ou desde a pantalla ou ventá compartida. 

Os alumnos recibirán nas súas pantallas un aviso para responder segundo as opcións de resposta configuradas na enquisa. 

Para iniciar a enquisa pulsamos o botón de accións e alí a opción " Iniciar unha enquisa".      


enquisas

   

Automaticamente, no panel secundario, á dereita do menú de usuarios, se desprega a información da enquisa. 

Por defecto existen 6 tipos de resposta preconfigurados: 

  •  Si/Non 
  •  Verdadeiro/Falso 
  •  A/B
  • A/B/C
  • A/B/C/D
  • A/B/C/D/E

A maiores, existe o botón "Enquisa personalizada" para que poidamos crear as nosas propias respostas, distintas das que se nos presentan inicialmente como preconfiguradas.

  

Enquisas

Escollemos a opción que se adapta á nosa consulta e automaticamente tódolos espectadores reciben a solicitude para escoller a opción de resposta.

 

opcións enquisa

IMPORTANTE : Hai que recordar que a pregunta da enquisa débese comunicar previamente aos participantes por outro medio distinto á enquisa: pola propia videoconferencia, por medio do chat, por mensaxería, ... etc.


O profesor pode observar en tempo real as respostas totalizadas segundo as opcións pero tamén a de cada un dos participantes, de maneira que a enquisa nunca é anónima para o profesor xa que pode ver as respostas de cada alumno.

O profesor pode decidir "Publicar os resultados da enquisa" co que quedará visible aos espectadores unha táboa co número e as porcentaxes das distintas opcións. Ao contrario que no caso do profesor, os espectadores non poderán ver as respostas individuais.


resultados

     



EDIXGAL
Última modificación: Xoves, 19 de Xaneiro de 2023, 10:15