5.2. Inicio dunha xuntanza en BigBlueButton

   Inicio dunha xuntanza en BigBlueButton

EDIXGAL

BigBlueButton

Para acceder á sala/sesión que xa temos creada, simplemente deberemos facer clic sobre o título da actividade que se mostra dentro do tema como calquera outro recurso ou contido.

    

BBB

    

A continuación, veremos que nos indica o estado da sala (dispoñible ou non dispoñible) e no caso de estar dispoñible veremos un botón titulado "Unirse á sesión" que nos permite acceder á sala da videoconferencia.

    

Unirse a BBB   

   

Primeiramente aparece unha ventá para escoller o acceso con micrófono ou en modo oínte. Habitualmente o profesor utilizará o micrófono durante a xuntanza polo que ao facer clic nesa opción pode solicitarse unha proba de son. 

bbb

O seu navegador solicitará permiso para o acceso ao micrófono do equipo. 


 Atención: É fundamental conceder este permiso. Resulta relativamente frecuente esquecerse de activar correctamente o acceso ao micrófono ou á cámara co que non se poderá utilizar ese recurso nese caso. Se non vemos a solicitude de permiso ou se con posterioridade a acceder queremos modificar os recursos concedidos podemos facer clic nas iconas que aparecen na barra de navegación, á esquerda da URL, na parte superior da imaxe.

      

bbb   

Comprobado o funcionamento do son accédese á sala/sesión que aparece coa pantalla diferenciada cos seguintes elementos. 

  1.  Panel principal: (1) É o espazo onde aparecerá a presentación e a imaxe dos participantes. Tamén se empregará como área de traballo. 
  2. Panel despregable secundario: (2) É un panel onde ver e editar as conversas ou as notas compartidas, segundo o que se seleccione no menú (3). Tamén aparece a mensaxe de benvida da sesión. 
  3. Panel de menú e usuarios: Neste panel podemos escoller a opción que se amosará no panel secundario (2), que pode ser a conversa pública ou as notas compartidas. Tamén está visible a lista de usuarios. 
  4. Opción de conversa pública: Ao seleccionar esta opción o panel secundario (2) amosa as distintas mensaxes dos participantes 
  5. Notas compartidas: Abre no panel secundario (2) un editor compartido no que facer anotacións. Esas notas pódense descargar en distintos formatos. 
  6. Usuarios: (3) Amosa o número e a identidade dos usuarios, podendo facer distintas accións sobre cada un deles.
  7. Botóns de multimedia: Permiten xestionar o uso de audio, vídeo e pantallas compartidas durante a xuntanza. (7)
  8. Título da sesión: Nome establecido polo usuario ao crear a sesión ou sala. (8)
  9. Xestión dos paneis laterais: Permite amosar ou agochar os paneis laterais (2) e (3)
  10. Presentación: (10) Inicialmente existe unha presentación por defecto pero o usuario pode engadir unha ou varias propias para amosar aos participantes. Tamén se pode ocultar picando sobre a súa esquina superior dereita.
  11.  Botón de engadir: (11) Permite crear unha enquisa, o envío dunha presentación propia ou un vídeo externo para compartir cos participantes. 
  12. Menú de opcións: (12) Acceso a axustes, axuda, saír da xuntanza, etc.

   

bbb

AXUSTES PRINCIPAIS

 Mensaxe de benvida: Na configuración da sala/sesión establecese a mensaxe que aparece no panel despregable (2). Existe unha mensaxe por defecto por se non se configurou. 

 Botóns multimedia (7)

  1.  Activar/desactivar micrófono: Permite xestionar o uso do son. É preferible activar o micrófono unicamente cando se interveña na xuntanza, evitando ruídos innecesarios. 
  2. Abandonar/unirse ao son: Ao premer nel mantémonos na xuntanza pero sen comunicación sonora cos participantes. Pódese manter a visualización da presentación, dos vídeos, participación en enquisas, conversa pública, etc. 
  3. Activar/desactivar videocámara: Controla a compartición da imaxe da cámara propia. 
  4. Compartir pantalla: Controla a opción de amosar a propia pantalla ou algunha das ventás abertas no ordenador propio cos demais participantes. 

NOTA: É preciso conceder permisos ao navegador cando o solicite para o acceso ao micrófono, á cámara e ás pantallas para poder facer uso destas funcionalidades. 

 Botón de engadir "+" (11) Permite tres opcións: 

  1.  Iniciar enquisa: O moderador pode solicitar algún tipo de resposta aos participantes para obter opinión e retroalimentación deles. 
  2. Enviar presentación: Permite enviar un documento propio (ou varios) para utilizar como presentación e compartila con todos os participantes. Unha vez enviados os documentos pódese escoller en cada momento o que se quere visualizar. 
  3. Compartir un vídeo externo: Permite introducir a URL (enderezo) dun vídeo accesible a través de internet, como pode ser un de Youtube ou Vimeo, para compartir na xuntanza.


      



EDIXGAL
Última modificación: Xoves, 19 de Xaneiro de 2023, 10:12