1.3. O espazo de traballo en Agueiro

  O espazo de traballo

Cando o centro educativo xa ten creada a súa comunidade en Agueiro, chega o momento de empezar a traballar pero ... como se traballa en Agueiro?.

Imaxina que tes unha caixa onde vas gardando e clasificando todo o teu traballo. Nesa caixa irás metendo os textos que escribiches, as túas presentacións, as fotos que fixeches, os teus debuxos, os teus vídeos ... e moitas outras cousas. A todas estas cousas, en Agueiro chamámoslles "Artefactos". 

Todos estes artefactos están na túa caixa, así que ninguén máis pode velos porque a túa caixa de artefactos é privada e só ti podes acceder a ela. A esta caixa, en Agueiro chamámoslle "Contidos". 

Para que outros usuarios de Agueiro poidan ver e valorar o teu traballo (os teus compañeiros/as, o teu profesorado, ...) debes crear "Páxinas" nas que poderás colocar algúns dos artefactos que tes na túa caixa e que demostran todo o que traballaches sobre un determinado tema. Podes crear tantas páxinas como queiras. 

 Ao conxunto de todas as túas páxinas, en Agueiro chamámoslle "Portafolio"


 


O espazo social de Agueiro 

Agueiro tamén proporciona un espazo de rede social onde todos os usuarios poden relacionarse entre si formando parte dos distintos "Grupos" que se poden crear. 

Unicamente os profesores (xestores) e os responsables das comunidades (administradores) poden crear grupos, pero todos os usuarios poderán unirse a aqueles grupos onde se lles permita o acceso. A estrutura de grupos pode reproducir a estrutura do propio centro educativo ou pode responder a calquera outro criterio organizativo. 

A páxina de inicio do grupo é o seu espazo principal, desde onde os membros do grupo poden acceder aos distintos elementos e ferramentas propios do grupo: blogs, ficheiros, carpetas, páxinas, foros de debate e coleccións.

  Agueiro      

Última modificación: Venres, 13 de Maio de 2022, 11:54