
Pode contactar coa Asesoría de bibliotecas escolares a través de:
Teléfono: 981 54 65 47 - 981 54 65 74 - 881 99 76 37
bibliotecasescolares@edu.xunta.es
Teléfono: 981 54 65 47 - 981 54 65 74 - 881 99 76 37
bibliotecasescolares@edu.xunta.es
Enfrontamos o segundo trimestre dun curso cheo de incerteza no que as bibliotecas escolares galegas deron apuntalado actividades sistematizadas e a participación e colaboración da comunidade educativa.
É o caso da implicación das familias, esas que estiveron aí durante o cese da actividade presencial e que continúan agora, presencial ou virtualmente, coas súas lecturas, colaboracións, participando nos proxectos, na radio, nos clubs de lectura...
Os bos resultados desta vinculación levaron aos centros a buscar a situación máis axeitada para seguir procurando a súa complicidade e implicación nas propostas e actividades da biblioteca escolar.
Imaxe da biblioteca do CRA de Culleredo (A Coruña)
Participación das familias nas bibliotecas escolares galegas:
Ao inicio deste curso, o traballo das bibliotecas escolares semellaba, máis que nunca, unha tarefa de difícil desempeño. Rematando xa o primeiro trimeste, as evidencias son que , aos poucos, as actividades sistematizadas van retornando.
E así ocurre co Voluntariado na biblioteca escolar, unha das iniciativas do programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un curso máis os voluntarios e voluntarias, tanto de primaria como de secundaria, comprométense a realizar unha serie de tarefas en relación coa biblioteca. Axustándose aos protocolos que a situación sanitaria esixe, editan vídeotitoriais que explican as novas normas, a formación de usuarios, o funcionamento das mochilas viaxeiras; realizan os préstamos nas súas aulas, desenvolven actividades de fomento da lectura, obradoiros creativos, programas de radio...
A pesar da situación, e máis que nunca, este programa continúa favorecendo actitudes de colaboración e solidariedade, colaborando na formación dunha cidadanía crítica e comprometida.
Na imaxe, voluntario preparando unha mochila viaxeira na biblioteca do CEP Brea Segade (Taragoña-Rianxo)
Actividades de voluntariado nas bibliotecas escolares galegas:
Os pasados 19, 20 e 21 de novembro de 2020 celebrouse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, o Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede. Cun formato telemático, debido a situación sanitaria, desenvolvéronse conferencias plenarias e tres itinerarios formativos: Biblioteca Escolar, Xeografías Lectoras e Biblioteca Escolar Fronte á Adversidade.
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados polos poñentes.
![]() |
Xeografías lectoras na biblioteca escolar Asesoría de bibliotecas escolares |
![]() |
As bibliotecas creativas e a diferenciación curricular Diego Rúa Romero - CEIP Canosa-Rus (Coristanco-A Coruña) |
![]() |
Julián Ferrer, Mª Jesús Santamariña e Mª Carmen Suárez IES Francisco Aguiar (Betanzos-A Coruña) |
![]() |
Diego A. López Rodríguez - CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) |
![]() |
Biblioteca creativa: removendo conciencias Miriam Area Rodríguez - CEIP P. da Torre-Cela (Bueu-Pontevedra) |
![]() |
Xeografías lectoras: atlas de lugares imaxinarios Mª Carmen Rubio Piñeiro - CEIP Saco e Arce (Toén-Ourense) |
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 23 de decembro de 2020. Distribúense contías, por un importe global de 200.000€, para o funcionamento de grupos de lectura en 213 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 85% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 15% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.
Remata un ano estraño e difícil, un ano que mudou a nosa xeografía lectora, un ano no que descubrimos a capacidade reparadora e sanadora da lectura.
Que mellor xeito de enfrontar o 2021 que acudindo ás seleccións de lectura das nosas bibliotecas escolares, que chegan, unha vez máis, cargadiñas de libros, música, xogos, películas...
No ano 1992 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 3 de decembro como Día internacional das Persoas con Discapacidade.
Este ano o tema do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) é "Participación e o liderado das persoas con discapacidade: Axenda de Desenvolvemento 2030". Céntrase no apoderamiento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sustentable, como se pedía na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, que se compromete a "non deixar a ninguén atrás" e considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implementación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
Hai tres cursos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares. Este programa pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara a unha biblioteca que responda realmente ás necesidades de todo o alumnado do centro e que enfronte, dunha forma decidida, os retos que presenta a diversidade.
As bibliotecas escolares galegas levan tempo reflexionando e traballando para seren espazos nos que o alumnado atope o seu lugar para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todos e todas sen deixar a ninguén atrás, promovendo unha actitude inclusiva, igualitaria, normalizadora, respectuosa e visibilizadora da diversidade.
Estes son algúns dos materiais do programa:
Actividades das bibliotecas escolares neste día que moitos colectivos reivindican como da "diversidade funcional":
Continúamos coa iniciativa que quere poñer en valor o traballo dos ilustradores e ilustradoras galegos ao longo de trece anos de colaboración e creación na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas; celebrarmos así estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros. En diferentes formatos, contarán o proceso de creación, a partir do lema proposto pola Asesoría. Unha iniciativa que permitirá achegar ao noso alumnado ao proceso de transformación dunha idea nunha imaxe.
Óscar Villán é o autor do cartel "Biblioteca escolar, viveiro de Cidadanía" do curso 2019/2020, no que nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar, visibilizando como a biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.
Nesta ocasión, o ilustrador debuxa o proceso de elaboración do cartel. A través dunha metáfora visual imos coñecendo os ingredientes, o proceso de cociñalos... en resumo, como o cartel foi collendo forma. Co seu traballo, Óscar agasállanos cun valioso documento cargado de contido (e humor) para traballar nas nosas bibliotecas os procesos creativos.
Desde o ámbito bibliotecario recoñécese a importancia dos Obxectivos da Axenda 2030 e a contribución das bibliotecas como espazos que ofrecen acceso e oportunidades para todos e todas. As bibliotecas escolares están comprometidas coa Axenda 2030, xa que traballan a prol dunha educación de calidade (Obxectivo 4), na protección e salvagarda do patrimonio cultural (Obxectivo 11.4) e promoven a inclusión do acceso á información e ás tecnoloxías da información e comunicación (Obxectivos 5.b, 9.c, 16.10, 17.8.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente) achéganos os ODS traducidos ao galego, documento que sabemos será de interese para os proxectos e documentos das bibliotecas escolares.
As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.
O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.
... chámase ciencia e é unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo. Xurxo Mariño Alfonso
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Xurxo Mariño Alfonso, profesor, investigador e divulgador científico. O autor salienta que este mes "... é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran."
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursoso dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.