Vídeos dos centros

Unha despedida do curso alegre... que comeza na biblioteca


No CEIP de Bandeira (Bandeira-Silleda, Pontevedra) despediron o curso con este alegre lipdub, froito do traballo de todo o centro, coordinado polo ENDLG e o Departamento de Música. Parabéns a toda a comunidade educativa! Esta vez, como  tantas outras, as cousas bonitas comezan na biblioteca....

A biblioteca do IES Salvador de Madariaga (a Coruña), de onte a hoxe.


O IES Salvador de Madariaga, de A Coruña, leva algúns anos intentando mudar a súa biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, actualizado, atractivo e útil para o seu alumnado. O proceso, que nunca remata, foi longo e non foi doado. Non hai máis que ver o vídeo para darse conta do labor que tiveron que enfrontar. É un exemplo dos procesos de transformación que están vivindo as bibliotecas escolares galegas, pero é sobre todo un exemplo (outros houbo xa, afortunadamente) de intervención na que os protagonistas son o profesorado e o alumnado. Vontade de mudar as cousas é o que transmiten esas imaxes, vontade de mellorar e de acadar un espazo educativo de primeiro nivel. Parabéns a toda a comunidade educativa, principalmente ás persoas que o fixeron posible.

Preparando as Letras Galegas 2012


As mozas e os mozos do CPI dos Dices (Rois, A Coruña) están a traballar xa coa figura de Valentín Paz Andrade, preparando motores para a celebración do Día das Letras Galegas, e ofrecéndonos un documento excelente para achegarnos desde as aulas a este personaxe da cutlura galega. Parabéns a este grupo de "reporteiros" e ao profesorado que os estimula e guía,  polo seu traballo.

É obvio o gran traballo de documentación que hai detrás deste "informativo". E detrás, está tamén, de forma evidente, unha biblioteca escolar como centro de recursos para a  información e a aprendizaxe.

Velaquí outros traballos e actividades en distintos centros:

Biblioteca escolar do CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), un exemplo de boas prácticas.


Co gallo da entrega dos Premios Nacionais de boas prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2010, celebrado en Madrid, na primavera de 2011, e no que se concederon 8 galardóns para bibliotecas galegas, o CEIP Quintela de Moaña foi o encargado de "ilustrar o acto"; entre outras actividades presentaron este vídeo sobre a súa biblioteca, que ben pode representar a moitas outras espalladas por toda Galicia.

Un escritor visita a biblioteca do IES de Porto do Son: Francisco Castro.


Francisco Castro no IES de Porto do Son from SonCine on Vimeo.

Entrevista realizada por alumnas do IES de Porto do Son a Francisco Castro, na súa visita á biblitoeca do centro, "Fraga de Novio":

"Dende o equipo de biblioteca temos o pracer de facervos chegar a montaxe en vídeo realizada polo noso compañeiro David Pérez e Soncine a partir do traballo de gravación da alumna Iris Pérez e da entrevista de  Antía Piñeiro e Rebeca Corrales. Xa quixeran moitos xornalistas de oficio atinar deste xeito no preguntado!"

Felicitación de Nadal desde o IES As Barxas


Untitled from edu plastica on Vimeo.

As bibliotecas escolares ofrecen oportunidades múltiples á hora de alfabetizar ao alumnado na cultura audiovisual. Son xa moitos os centros que aproveitan estas posibilidades no seu empeño por formar a mozos e mozas nas linguaxes da imaxe e dos medios audiovisuais, a través dos obradoiros de imaxe e a produción de curtas. Velaquí un exemplo desde o IES As Barxas (Moaña), unha colaboración entre a biblioteca e o Departamento de Plástica.

Memorias dun neno labrego na voz dos mozos e mozas do IES Pino Manso


Durante o curso 2010/2011, os mozos e mozas xunto ao profesorado do IES Pino Manso, de O Porriño, foron grabando pequenos vídeos coas súas lecturas de MEMORIAS DUN NENO LABREGO. Balbino cobra vida a través deles e bota a correr polos camiños de hoxe, porque aínda temos moito que aprender canda el. A biblioteca escolar deste centro marcou así unha pista para futuras iniciativas, ben interesante.  Pódense ver todos os vídeos neste ENLACE

Unha biblioteca de outono: formación de usuari@s e Samaín.


Son moitos os centros escolares que están xa empregando os recursos audiovisuais co seu alumnado, dunha forma activa. Velaquí un exemplo de producíón propia coa colaboración do alumnado que ilustra a vida cotiá dunha biblioteca escolar, neste caso, a do IES de Ponteceso (A Coruña). Os rapaces e rapazas de 1º de ESO participan nunha sesión de formación de usuari@s; tamén podemos asistir á lectura de contos de medo, co gallo do Samaín. Un exemplo da actividade deste centro e unha iniciativa de "documentación" da actividade da biblioteca que resulta de gran interese.

"Desmontando prexuizos" ou "dedicado a quen afirma que os nenos non len"...

 


 

"Un ano entre libros" é o título deste vídeo do CEIP CHANO PIÑEIRO (Gondomar, Pontevedra) que vén a resumir e dar conta da intensa actividade dunha biblioteca escolar ao longo do curso... un bo exemplo das dinámicas existentes por todo o territorio galego. Parabéns!!!

+ información no PAPORRUBIO, o blogue da biblioteca do Ceip Chano Piñeiro.

Biblioteca no IES Ribeira do Louro


Unha visita virtual á biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra), da man dos rapaces e rapazas que nola van ensinando...  Espazos para o traballo, a consulta, o pracer de ler e de aprender.

Normas de uso da biblioteca no Frei Sarmiento de Pontevedra


Untitled from IES Frei Martín Sarmiento (Bibl on Vimeo.

No IES Frei Sarmiento, de Pontevedra, na estela do que xa fixeran no IES de Ponteceso (Ponteceso, A Coruña) e coa colaboración do Obradoiro de Imaxe do centro e dos rapaces  e rapazas de 3º de ESO, elaboraron este vídeo para difundir as normas de uso da biblioteca. "Maneiras de vivir" a biblioteca que benefician a tod@s.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Formación de usuarios en clave de "lipdub" no IES Fontem Albei

 


A formación de usuarios e usuarias pódese facer de moitas maneiras, pero cando se aúna humor, participación, música, visibilidade e bo facer, o éxito está asegurado. Velaquí o primeiro "lipdub" dunha biblioteca escolar galega. Parabéns ao equipo de Biblioteca do IES FONTEM ALBEI (A Fonsagrada, Lugo), por esta iniciativa!

"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para,  ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas"

As normas da biblioteca, unha idea de participación.

A biblioteca escolar tamén pode dar motivos para traballos de carácter interdisciplinar ou proxectos nos que, a través da planificación, a colaboración, a toma de decisións, a posta en práctica de habilidades concretas (de lectura, de escritura, de investigación), os rapaces e rapazas vaian desenvolvendo as súas competencias básicas. Velaquí un exemplo: o alumnado de Atención Educativa do IES de Ponteceso, dirixidos polo profesor de EF, elaboraron estas "normas da biblioteca" en formato vídeo.

NORMAS DA BIBLIOTECA DO IES PONTECESO from biblioaponte on Vimeo.