Bibliotecas escolares

Resolución BIBLIOTECA CREATIVA 2020/21

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.

Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 

Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.

#bescolaresgalabertas: Radio na biblio emite... dende a casa

 

A experiencia dun bo número de bibliotecas vinculadas ao programa "Radio na biblio" durante o período de cese da actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da COVID-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática. A radio foi unha ferramenta pedagóxica de gran alcance capaz de xerar unha importante dinámica de comunicación, de apoio aos proxectos, de difusión de produtos culturais e das investigacións elaboradas polo alumnado. A situación vivida facilitou, a través do programa, a educación para a competencia en información e medios tanto para o alumnado como para as súas familias.

A Radio na biblio transformouse no espazo de encontro da comunidade educativa, o lugar no que escoitarse, no que poñer en común o traballo feito na casa, no que falar ...

De entre todas as marabillosas experiencias deste periodo, seleccionamos oito que ofrecen unha variedade de recursos e propostas do que se pode facer en tempos complexos, mesmo poñer en marcha a emisora.

 

 

 

 

Actualización #bescolaresgalAbertas - Carta de navegación curso 2020/21

 

Actualización do documento de xuño de 2020 a partir das Instrucións do 1 de setembro de 2020 da Dirección Xeral de Centros e RR. HH. en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares e o Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Os equipos de biblioteca empezan a achegar propostas cos protocolos para o inicio de curso:
 

 

.

Convocatoria do programa Radio na biblio para o curso 2020/21

 

 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 24 de setembro de 2020, pola que se convoca o programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2020/2021. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos de titularidade da consellería que matriculen alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (agás os incorporados no presente curso).

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de outubro de 2020. 

 

 

 

Así o fixo... Bea Lema

 

Con esta entrada comeza unha iniciativa que quere poñer en valor do traballo dos ilustradores e ilustradoras galegos  ao longo de trece anos de colaboración e creación na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolare sgalegas e celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros. En diferentes formatos, contarán o proceso de creación, a partir do lema proposto pola Asesoría. Unha iniciativa que permitirá achegar ao noso alumnado ao proceso de transformación dunha idea nunha imaxe.

Comezamos con Bea Lema ilustradora do lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar". Un vídeo no que nos fala do seu interese polas imaxes que transmiten unha idea de forma sintética, os ilustradores que a inspiran, o proceso de documentación, as probas, a técnica ...

 

Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa. 

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo". 

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura. 

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2020/2021

 

O Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 1 de setembro de 2020, en relación coa organización e funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Estas instrucións inclúen unha cláusula específica relativa á situación xerada pola COVID-19, e actuacións que se consideran necesarias na biblioteca escolar, coordinadas e supeditadas ás instrucións xerais das autoridades sanitarias e educativas para os centros no seu conxunto.

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - centros públicos. curso 2020/21

O DOG do 1 de setembro de 2020 publica o Orde de 24 de agosto de 2020 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso 2020/2021. Intégranse 26 novos centros e, finalmente, son un total de 705 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso que hoxe comeza, o que vén ser o 65% da totalidade da rede de centros públicos galegos.
As especiais circunstancias polas que atravesa a sociedade en xeral e o ensino en particular neste 2020 converten este curso que comeza nun importante reto para docentes, familias e alumnado; as bibliotecas escolares demostraron na primavera pasada que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades, adaptándose á situación sanitaria pero con iniciativa para presentar solucións aos problemas que se presentan. 
 

A biblioteca escolar, unha oportunidade para o sistema educativo

 

 

E que non sexa por dicilo unha vez máis ...

Reflexións de Cristina Novoa no monográfico Notas para a biblioteca escolar do Programa biblioteca escolar "puntedu" do Departament d´Educació da Generalitat de Catalunya.

"A biblioteca escolar é unha oportunidade para un sitema educativo en busca de respostas a necesidades  antigas e emerxentes, que demostrou a súa capacidade de resiliencia e a súa contribución á mellora das aprendizaxes e das prácticas pedagóxicas nos centros."

"Para que unha biblioteca escolar poida exercer de axente transformador no centro ten que cumprir unha serie de requisitos:

  1.  Atención ao espazo como facilitador de experiencias.
  2. Renovación dos equipos de acceso e tratamento da información.
  3. Actualización constante da colección.
  4. Biblioteca física e biblioteca virtual.
  5. É imprescindible un equipo de apoio, interdisciplinar.
  6. Ha de contar cun orzamento propio.
  7. Toda a súa actuación ha de estar vinculada á adquisición dos contidos e competencias curriculares.
  8. A alfabetización informacional e mediática ha de ser un dos seu sprincipais obxectivos."

"Unha biblioteca escolar viva, activada, é un organismo resiliente que é capaz de adaptarse ás situacións máis confusas, repensar e saír adiante. Así o estamos vendo neste ano 2020, en múltiples experiencias de bibliotecas escolares galegas..."

 

 

 

Bibliotecas Escolares Solidarias 2019/2020

 

Portal Educativo vén de publicar a Resolución de 16 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolven dúas das iniciativas integradas no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias"do curso 2019/2020.

Concédense os Selos "Biblioteca Escolar Solidaria" aos 10 centros educativos que se detallan, unha vez valoradas as candidaturas presentadas.

Así mesmo, selecciónanse 10 experiencias de un total de 88 memorias presentadas polos centros adheridos á iniciativa "Voluntariado de lectura-A", destinada ao alumnado de 5º e 6º de primaria, no curso 2019/2020.

 

 

Resolución provisional Plan de mellora de bibliotecas escolares- Públicos (centros de nova incorporación). Curso 2020/21

 

logo programa bibliotecas escolares de Galicia

O Portal Educativo publica hoxe, 14 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/21, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 25 de maio de 2020 (DOG de 03/06/2020).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros. Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, previsiblemente no mes de setembro, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2020/2021 (705), así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 

Ábrese un prazo de 5 días naturais a contar a partir de mañá 15 de xullo, para a presentación das alegacións que se considere conveniente. 

 

Informe Clubs de lectura do curso 2018/2019

 

 

Como en anos anteriores, publícase un breve informe sobre as actuacións dos Clubs de lectura que participaron na convocatoria de 208/2019. Esta é unha actividade integrada no programa Hora de Ler que promove a participación de grupos de lectores e lectoras para compartir as asúas experiencias coa lectura coa mediación dunha persoa adulta. Estos clubs considéranse unha das fórmulas de maior interese para o fomento da lectura, en xeral, e entre os adolecentes en particular. O informe foi elaborado a partir dos datos obtidos da valoración das 242 memorias presentadas polos Clubs de lectura que se acolleron á convocatoria anual do curso 2018/2019.

Lembramos, tamén, o estudo realizado por José Antonio Millán sobre os impactos desta iniciativa transcorridos dez anos da primeira convocatoria, no que se inclúe o informe do curso 2017/2018.

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2020

 
 
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 79 de xuño de 2020 publícanse un total de 8 artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de Ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o papel da biblioteca durante o cese da actividade formativa presencial,  traballo por proxectos,  clubs de lectura, inclusión,  lectura,  igualdade ... Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á realidade das bibliotecas escolares galegas, autenticos motores de innovación e viveiros de cidadanía, temén en tempos estranos.

 

Bibliotecas escolares abertas, activas e imprescindibles.

Cristina Novoa e María Pousa. Asesoría de bibliotecas escolares. 

 

Os camiños da lectura no CEIP Juana de Vega

Equipo de biblioteca do CEIP Juana de Vega (Oleiros-A Coruña) 

 

ALFIN en tempos de coronavirus.

Mónica P. Múñoz Sobrino. CEIP A.D.R. Castelao (Navia-Vigo) 

 

Reformas nos alicerces de Librolandia.

 María Elena Cagigao  e Ruth Álvarez . CEIP P.  Graxal (Cambre-A Coruña)

 

A inclusión e as bibliotecas creativas.

Manuel andrade Vallo. CEE López Navalón (Santiago de Compostela) 

 

Dez anos ao pé da  letra.

 María Garrido e María Xosé Fernández. 

IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia-Ourense) 

 

Deconstruíndo as series televisivas para adolescentes con Mª José Masanet

Susana Quintela Díaz. IES María Sarmiento (Viveiro-Lugo) 

 

 Se as pedras falasen... falarían con voces de muller.

Isidora Gil, Inma Fernández e  Belén Sánchez.

IES de Celanova (Celanova-Ourense) 

  

#bescolaresgalAbertas - Carta de Navegación curso 2020/2021

Á vista das necesidades observadas durante o periodo da suspensión da actividade educativa presencial cómpre iniciar un periodo de reflexión por parte dos axentes implicados nos programas de desenvolvemento das bibliotecas escolares e fomento da lectura: equipos de biblioteca e Asesoría de bibliotecas escolares, especialmente.
A Asesoría elaborou  dous documentos que convidan á reflexión sobre o feito nestes meses e a valoración dos aspectos a ter en conta na planificación do curso 2020/2021:
Os equipos de biblioteca empezan a achegar propostas con protocolos para o remate deste curso e o inicio do próximo:

 

 

#bescolaresgalAbertas - Guías de Verán 2020

 

Ás nosa xanelas asoma un verán diferente, que todavía non sabemos como afrontar. É posible que unha boa selección de lecturas axude neste trance e niso andan as bibliotecas escolares galegas.

"... merecemos recursos enriquecedores, que entreteñan e aporten a un tempo." (Biblioteca CEIP de Leirado) 

 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/2021 - Centros públicos

 

O DOG publica hoxe a Orde do 25 de maio de 2020 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2020/21.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2014, 2015 e 2016 poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de xullo.

 

 

15 Anos de LIX Galega

Recollemos nesta guía 15 anos de LIX galega unha selección dos libros que tiveron unha maior presenza nas bibliotecas escolares galegas nestes primeiros quince anos do PLAMBE, que acompañaron ao alumnado galego no seu paso pola escola e polo instituto neste período e que, finalmente, teñen o recoñecemento das lectoras e dos lectores galegos. É froito da nosa observación e da colaboración con profesorado responsable de bibliotecas escolares que quixeron contribuír coa súa escolla. Non están todos pero todos os que están son referentes de lectura e forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas.  A dificultade de seleccionar 15 títulos, a nosa primeira intención,  levounos a un documento más amplo no que se recollen, tamén, os títulos que tiveron recoñecemento a nivel galego, a nivel estatal e a nivel internacional. 

 

 

 

 

 

#bescolaresgalAbertas

 

Nestes días nos que quedamos na casa, as bibliotecas escolares galegas permanecen abertas virtualmente e continúan ofertando ao alumnado recursos e  actividades  arredor da lectura, os proxectos de traballo, AMI, ALFIN, música, Arte, creación, retos ...

 

 

 

OBRADOIROS E TITORIAIS ESPECIAIS:

RECURSOS SOBRE O COVID 19:

LECTURA:

VÍDEO-RECOMENDACIÓNS:

VÍDEOCONTOS:

RETOS: 
ALFIN / AMI:
RECURSOS:
ARTE/CREACIÓN:
RADIO NA BIBLIO:
PROXECTO ELBE.2:
COCIÑA:
VOLUNTARIADO:
 

 

#bescolaresgalAbertas: 4 Retos para a biblioteca Escolar 2020

Hai un ano celebrouse en Santiago de Compostela unha xornada técnica organizada pola consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e RRHH) para pensar a biblioteca escolar do 2020. nesta xornada, organizáronse grupos de traballo e análise entre profesionais e persoas expertas que debateron e profundizaron na situación actual das bibliotecas escolares. Extraéronse 4 retos para a biblioteca escolar do 2020.
Pasado un ano e neste momento de parón, desde a Asesoría queremos retomar esos 4 retos e convidar á reflexión a partir de propostas para estes días de confinamento.
Reto 1: Dotar de estabilidade ás bibliotecas escolares. Tomar en consideración as evidencias do impacto das bibliotecas escolares na aprendizaxe. Asomámonos ás nosas bibliotecas escolares:
Reto 2: Promover un modelo de biblioteca escolar como espazo educativo á medida do proxecto do centro. Pensar a biblioteca escolar desde a flexibilidade, como un espazo provocador de experiencias:
 

#bescolaresgalAbertas: 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2020

Como en anos anteriores (aínda que este sexa diferente) o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

A sección patricinadora deste ano é Eslovenia que difunde a mensaxe de Peter Svetinai lustrada por Damijan Stepancic: Fame de palabras. 

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de  Héctor Cajaraville. 

Propostas das bibliotecas escolares galegas:

#bescolaresgalAbertas: 1 de abril, Día das Artes Galegas - 2020

 

 

 

O día 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas que, neste 2020, homenaxea ao arquitecto Domingo de Andrade. Aínda que a maior parte da súa obra podemos vela en Compostela, fora dalí tamén deixou a súa pegada en Lugo e Ourense.

É unha ocasión para afondar nos espazos creativos das nosas bibliotecas na temática arquitectónica, tanto nos fondos bibliográficos como nos materiais manipulativos. 

Tamén para traballar o cartel conmemorativo, realizado polo académico Xosé Díaz Arias de Castro a partir do retrato de Domingo de Andrade obra de Felipe Criado e conservado na Facultade de Xeografía e Historia compostelá. 

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas.

 

#bescolaresgalAbertas: Día Mundial do Teatro

 

O 27 de marzo de 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro, lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo e promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo, crear conciencia sobre o valor do teatro e poñer en valor a forma de arte "teatro".
Este ano o dramaturgo pakistaní Shahid Nadeem é o encargado do manifesto : O Teatro como Santuario.
Nestes tempos de confinamento son moitas as actividades que , a través das redes, conmemoran esta data:
Actividades das bibliotecas escolares galegas: #bescolaresgalAbertas

 

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

 

 Falta de atención

Porteime mal onte co cosmos.

Vivín todo o día sen preguntar por nada,

sen asombrarme por nada. 

 

(Wislawa Szymborska - Versos Escollidos)

 

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nunha situación excepcional, por iso faise máis real o lema da ONU: Poesía, expresión lingüística da nosa humanidade común. 

 

Neste contexto as bibliotecas escolares galegas seguen a traballar para promover a lectura de poesía desde a distancia:

GALIX convida a participar no Concurso: Un poema na túa voz.

 

Gañadores Selo CCB 2019

 

Consello de Cooperación Bibliotecaria ven de presentar os proxectos gañadores do Selo CCBun recoñecemento anual que ten como finalidade resaltar o valor de proxectos de bibliotecas máis destacados relacionados cos obxectivos xerais do III Plan Estratéxico do CCB.
Como en convocatorias anteriores, as bibliotecas escolares galegas aparecen entre os proxectos recoñecidos, conseguindo os dous selos de bibliotecas escolares:
Na categoría de Bibliotecas Escolares Primaria:

  
Na categoría de Bibliotecas Escolares Secundaria:

 
Parabéns a estas dúas bibliotecas e aos seus equipos e comunidades educativas, que seguen demostrando o seu bo facer e representando a boa saúde das nosas bibliotecas escolares. 

 

#bescolaresgalAbertas: Seguimos traballando

 


 

O equipo da Asesoría de bibliotecas escolares está traballando desde a casa. Seguimos estando a vosa disposición nos teléfonos da consellería, que temos desvíados, e no correo electrónico. 

 

Imaxe de María López Pousa