24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro (2013)

Eu ben vin estar o moucho

enriba daquel penedo.

¡Non che teño medo, moucho;

moucho, non che teño medo!

Contra vento e marea, e coma en anos anteriores, as bibliotecas escolares galegas súmanse á celebración do aniversario de Rosalía de Castro, o día 24 de febreiro, unha das datas sinaladas no "calendario da lectura" do noso país. Pero nesta ocasión, a celebración é dobre porque neste 2013 cúmprense os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, libro fundamental para as xentes, a lingua e a cultura de Galicia.

Son moitas e variadas as actividades que se levan a cabo estes días nos centros educativos e que xuntan, nunha lectura colectiva da obra da escritora, a grandes e pequenos, para manter viva, nas voces das lectoras e dos lectores, os versos de Rosalía. Moitas destas actividades súmanse á proposta da AELG que trata de involucrar a todos os sectores da sociedade, e nas que o alumnado dos centros cobra un protagonismo alentador. ACCESO AOS VÍDEOS DOS CENTROS

Velaquí algunhas propostas, actividades e recursos que se están a difundir entre o colectivo das Bibliotecas Escolares de Galicia:

A título de exemplo, a programación completa dunha biblioteca escolar arredor deste Día de Rosalía: IES Pazo da Mercé (As Neves): O venres pasado celebramos co noso alumnado e @s nos@s ilustres invitad@s da Escola Unitaria de Vide o día de Rosalía. Intercalamos o visionado de videos con poemas musicados e o recitado de poemas da escritora, no caso de "Máis ó que ben quixo un día", co acompañamento ao piano por parte dunha alumna de 1º Bach. Dúas rapazas do club de lectura léronnos "Tecín soia a miña teia" e o Equipo de Escolas Unesco colaborou interpretando "Adios ríos, adios fontes" en Yogote,linguaxe de signos. Presentouse un vídeo colaborativo realizado por un grupo de 2ºESO no que cada imaxe de Rosalía vai asociada ao nome dun alumn@. Atoparédelo no blog do noso equipo de EDLG: http://dinamizaiespazodamerce.blogspot.pt/

Ás persoas participantes se lles obsequiou cun cravo bermello e unha tarxeta cun poema e unha ilustración. Aproveitamos o acto para entregar os premios aos gañadores do concurso convocado pola biblioteca no que se debían resolver cuestións sinxelas por escrito sobre Rosalía e a sua obra, traballando en algunha das preguntas aspectos de formación de usuarios/as. Organizado tamén pola biblioteca, celebrouse o sorteo de dous exemplares de "Cantares Galegos" entre o alumnado que entregou unha tarxeta co seu nome e o título dun poema de Rosalía. E, como despedida, a "Alborada de Rosalía" interpretada á gaita por un compañeiro do departamento de Lingua Castelá.