1. Obriga de presentarse para o persoal interino e substituto

.

  • Están obrigadas as persoas interinas e substitutas  a presentarse ao procedemento selectivo?  Nesta convocatoria non é obrigado que o persoal interino e susbtituto se presente ao procedemento selectivo toda vez que o día 2 de xuño de 2022 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acordou coas organizacións sindicais ANPE, CC.OO, CSIF-ENSINO, UGT-SP ENSINO engadir unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias de modo que o persoal interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoquen no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.

 

 

 

 

 

 
 

Subir ao índice

2. Prazo de solicitudes

Cando remata o prazo de presentación de solicitudes?

O prazo remata o 21 de febreiro de 2022.

As solicitudes presentadas fóra de prazo non serán admitidas.

Non se admitirá tampouco o pagamento das taxas fóra do prazo. Lémbrase que se deben pagar taxas por cada especialidade na que se inscriba.

O pagamento das taxas realizarase de xeito electrónico. Logo de pechada a instancia, deberá ir ao “paso 1: pago de taxas”. Ao premer no botón "Pagar taxa", crearase unha taxa na Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia cos seus datos e co importe que debe pagar. A continuación prema na ligazón que se lle amosará; será redirixido/a á web da Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia, na que poderá realizar o pagamento mediante tarxeta (tarxeta de calquera entidade a través de ABANCA ou tarxeta de Caixa Rural Galega, Caixabank, Caja Rural de Zamora, Evo Banco a través da correspondente entidade):

Para máis información sobre os requisitos técnicos para o pagamento ou resolver calquera dúbida relacionada con este debe dirixirse á Axencia Tributaria de Galicia a través do enderezo https://ovt.atriga.gal/atendemos.

  • Pode presentarse primeiro a solicitude e facer posteriormente o pagamento das taxas fóra de prazo?

Non. É necesario presentar tanto a solicitude como realizar o pagamento das taxas dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

Ademais, NON se terá que entregar o xustificante  electrónico  de pagamento das taxas xa que a propia consellería verificará o pago de modo automático.

O simple pagamento das taxas no prazo de presentación de solicitudes non substituirá en ningún caso o trámite de presentación electrónica da solicitude de participación no procedemento selectivo dentro do prazo establecido. É dicir, a presentación da solicitude e o pagamento das taxas deberán realizarse dentro do prazo de presentación de solicitudes.

O xustificante do pagamento poderá descargarse ademais desde https://www.edu.xunta.gal/oposicions unha vez finalizado o pago.

 

 

 

 

 

Subir ao índice

3. Acto de presentación e comezo das probas

  • Cando está previsto que comecen as probas?

O procedemento selectivo, segundo establece a convocatoria, dará comezo a partir do 18 de xuño de 2022, sen prexuízo do disposto nas bases oitava e novena da convocatoria no que atinxe ás probas de acreditación de coñecemento do castelán e do galego, para quen proceda, que terán lugar o día 14 de maio de 2022, ás 17.00 e 18.00 horas respectivamente.

  • Se está exento de realizar a proba de acreditación do coñecemento do galego, é necesario asistir ao acto de presentación?

Si, o acto de presentación é de asistencia obrigatoria para todas as persoas aspirantes, polo que teñen que asistir aínda no suposto de que estean exentas de realizar a proba de acreditación do coñecemento do galego ou, de ser o caso, do castelán. Este acto de presentación ten carácter persoalísimo e, en consecuencia, non se admitirán acreditacións nin poderes de representación. As persoas aspirantes que non asistan ao dito acto decaerán nos seus dereitos e serán excluídas do procedemento, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal; igualmente, será motivo de exclusión o feito de presentarse nun tribunal ao cal non se estea adscrito.

Subir ao índice

4. Acreditación do coñecemento de lingua galega

  • É obrigatorio acreditar o coñecemento da lingua galega?

Si, e no caso de non posuír ningún dos requisitos establecidos no punto 3.2.1.c) da orde da convocatoria deberá realizar unha proba escrita que terá carácter eliminatorio.

  • Cando se está exento de realizar a proba de acreditación de coñecemento de lingua galega?

Estarase exento cando se acredite o coñecemento da lingua galega co Certificado de Celga 4 ou a súa validación, curso de perfeccionamento da lingua galega, validación do curso de perfeccionamento en lingua galega feita polo órgano competente, o título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

Lémbrase que as persoas aspirantes que aleguen estar exentas de realizar a proba de coñecemento do galego, presentarán coa solicitude, se é o caso, o correspondente documento xustificativo. Se a persoa aspirante xa presentou este documento nalgún dos procesos selectivos de profesorado convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades desde a Orde do 17 de marzo de 2014 non o debe achegar de novo.

Subir ao índice

5. Fase de prácticas

  • Se se supera o procedemento selectivo e se prestou servizos con anterioridade como profesor/a interino/a, estase exento da fase de prácticas?

Non. Segundo se establece na base 20.6 da convocatoria, para estar exento da fase de prácticas é preciso acreditar ter prestado servizos, polo menos durante un ano, como funcionario/a de carreira dun corpo docente.

 

 

 

 

 

Subir ao índice

6. Requisitos de titulación do persoal participante

  • Para reunir o requisito de titulación é preciso ter pagados os dereitos de expedición do título ou é suficiente con ter superadas tódalas materias que configuran o plan de estudos?

É preciso posuír o título ou ter satisfeitos os dereitos de expedición deste.

  • Cal e a titulación requirida para presentarse ao corpo de mestres?

Debe posuír algún dos seguintes títulos: mestre/a ou grao en mestre/a de educación infantil ou de educación primaria, profesor/a de educación xeral básica ou título de mestre/a de ensino primario. Recorde que este título é o esixido para o ingreso no corpo de mestres e polo tanto poderase presentar a calquera das especialidades convocadas independentemente da especialidade ou mención que conste no seu título.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores de ensino secundario?

Posuír o título de doutoramento, licenciatura, enxeñería, arquitectura ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición del.

De conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de ensino secundario, nas especialidades de Tecnoloxía, Administración de Empresas, Análise e Química Industrial, Formación e Orientación Laboral, Informática, Organización e Xestión Comercial, Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos, Organización e Proxectos da Fabricación Mecánica, Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Procesos Sanitarios, Sistemas Electrónicos e Sistemas Electrotécnicos e Automáticos, serán admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan unha das titulacións que se relacionan no anexo VII da orde.

 

  • NOTA PARA A COBERTURA DA SOLICITUDE: a titulación de arquitectura figura no despregable do campo “titulacións” ao elixir a opción licenciatura no campo “tipo de titulación”; a titulación de arquitectura técnica figura no despregable do campo “titulacións” ao elixir a opción diplomatura no campo “tipo de titulación”. Os títulos de doutoramento aparecen no campo “tipo de titulación” ao premer na opción de “mostrar máis titulacións”; neste caso, no campo “titulación” deberá escoller a especialidade do doutoramento.

     

  • É obrigatorio posuír a formación pedagóxica e didáctica?

Si para os corpos de profesores de ensino secundario e de profesores de escolas oficiais de idiomas.

  • É preciso achegar os méritos coa solicitude de participación?

Non, de acordo coa base 11.3.1 da convocatoria a documentación debe presentarse na forma que se establece no anexo II, III e IV e no prazo que estableza o propio tribunal ao publicar a resolución que faga pública a relación de persoal aspirante que superou a primeira proba, a primeira parte da proba ou a proba, segundo proceda, no taboleiro de anuncios da sede de actuación e no enderezo electrónico https://www.edu.xunta.gal/oposicions

  • É preciso achegar o título, a xustificación do coñecemento da lingua galega e, se é o caso, do castelán, a formación pedagóxica e didáctica e o pagamento das taxas?

1.- Non, se a persoa aspirante se presentou a algún dos procedementos selectivos convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades desde a Orde do 17 de marzo de 2014

2.- En todo caso, as persoas interesadas deben achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • No caso de non dispor do título, certificación académica que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención deste xunto co recibo de pagamento dos dereitos de expedición. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentarse a credencial da súa homologación.

Deberán achegar o título aquelas persoas que posúan o título de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura ou enxeñería nos que se requira unha especialidade para formar parte das listas para cubrir interinidades ou substitucións.

Ademais do anterior, se no título non consta a especialidade e, de ser o caso, o idioma estranxeiro deste, deberán achegar a certificación académica persoal.

Así mesmo, aquelas persoas graduadas en educación primaria que obtiveran unha mención nunha Universidade distinta da que obtiveron o título, e aleguen esta mención para a súa inclusión nas listas de interinidades ou substitucións deberán achegar certificación académica oficial expedida pola Universidade acreditativa da obtención da mención.

  • De ser o caso, documentación acreditativa de posuír a formación pedagóxica e didáctica ou da formación equivalente, ou da docencia efectiva que a substitúa.

  • Documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.

  • Documentación acreditativa da titulación de español, no caso de persoas que non posúan a nacionalidade española e non teñan como idioma oficial o español.

  • Documentación xustificativa da exención ou bonificación das taxas.

  • Documentación acreditativa da discapacidade que xustifique a necesidade da adaptación, para o persoal aspirante que solicite a adaptación de tempo e medios.

  • Documentación identificativa para o persoal aspirante que non teña a nacionalidade española.

Non será necesario achegar nin a titulación alegada nin a acreditación da formación pedagóxica e didáctica nin o documento xustificativo do coñecemento do galego ou, se é o caso, do castelán, no caso daquelas persoas que xa o fixeran nos procedementos selectivos convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades desde a Orde do 17 de marzo de 2014.

3. Os seguintes datos consultaranse automaticamente e, polo tanto, non será necesario que achegue a documentación acreditativa sempre que a persoa interesada non se opoña a súa consulta:

  • Identidade da persoa solicitante ou representante

  • Títulos oficiais universitarios, sen prexuízo do disposto no apartado 1º do punto 2.

  • Títulos oficiais non universitarios que dean acceso á función docente e que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación

  • Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais.

  • Acreditación da condición de familia numerosa, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).

  • Acreditación da condición de discapacidade, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).

  • Inscrición como demandante de emprego 6 meses antes da convocatoria, sen estar percibindo prestación ou subsidio de desemprego (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).

  • En que prazo deben reunirse os requisitos xerais e mailos requisitos específicos para cada caso?

Deberán posuírse no día no que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

Subir ao índice

7. Listaxe de interinidades e substitucións

  • Se se convoca a especialidade na que presta servizos, está obrigado a presentarse por esa mesma especialidade ou polo mesmo corpo?

Non. Bastará con participar en calquera especialidade de calquera dos corpos docentes que se convoquen.


 

  • Cando pode decaer dos seus dereitos na lista na que presta servizos?

- Cando se convoque a especialidade na que presta servizos e non participe no procedemento selectivo por calquera especialidade de calquera dos corpos docentes que se convoquen, sexa en Galicia ou noutra Comunidade Autónoma.

- Cando non acuda ao acto de presentación así como a calquera das probas para as que sexa convocado/a polo tribunal, incluído o acto de lectura das probas. Neste suposto entenderase que se retira do procedemento selectivo e decaerá en todos os seus dereitos con respecto das listas das especialidades convocadas e ademais, se é o caso, da lista de orientación do corpo de mestres.


 

  • Que requisitos debe cumprir para ser incluído/a nas listas de interinidades e substitucións? 

- Participar no procedemento selectivo pola especialidade en cuxa lista desexa ser incluído/a e manifestar expresamente na solicitude a súa vontade de inclusión na lista.

- Cumprir con todos os requisitos esixidos pola convocatoria.

     -Para cada especialidade posuír unha das titulacións que se relacionan na Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes a desempeñar postos docentes en réxime de interinidades e substitucións dos corpos de Mestres, de Profesores de Ensinanza Secundaria, de Profesores Técnicos de Formación Profesional e de Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros docentes desta consellería (DOG nº. 235, do 11 de decembro) ou, de non tela, superar a primeira proba.


 

 

 

Subir ao índice