O director xeral de Educación clausura as VI Xornadas de Ensino Empresa celebradas no IES Marqués de Suanzes, de Ferrol [1]
Ao longo da semana pasaron polo centro máis dun millar de alumnos e alumnas das distintas familias de formación profesional
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, clausurou hoxe as VI Xornadas Ensino Empresa, no IES Marqués de Suances, en Ferrol. Este centro acolleu ao longo de toda a semana charlas en torno ás distintas familias de formación profesional, ás que asistiron preto de mil alumnos e alumnas, así como profesores do propio centro ferrolán, de Fene e As Pontes. Ademais, participaron nas xornadas representantes das empresas relacionadas cos sectores das familias profesionais que se imparten no IES Marques de Suances. Así foron presentados o últimos avances en electricidade, electrónica, metal, madeira e automoción.
Durante a súa intervención José Luis Mira recordou que a información presentada estes días ''é de gran interese tanto para o alumnado como para o profesorado do centro'', ao que engadiu que ''os contidos dos relatorios que se foron desgranando abriranvos novas expectativas tanto na necesidade da actualización continua como de cara a inserción laboral dos aquí presentes''.
No acto de clausura entregouse aos asistentes o material informativo e de traballao utilizado nas xornadas, e o convenio marco de colaboración entre a Consellería de Educación e a Asociación de Empresarios Ferrolterra para a promoción da formación profesional inicial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
As xornadas
O luns 8 de febreiro o IES Marques de Suances acolleu relatorios en torno a familia profesional da electricidade, coa presenza dun representante de Schneider Electric, que falou sobre 'Solucións eléctricas para eficiencia enerxética'; e outro de Electrosón Galicia, que tratou a 'Seguridade en maquinaria industrial'. O segundo día o programa desenvolveuse en torno á electrónica, sobre a que falaron os delegados de Televés, coa charla 'Televisión Dixital Terrestre'; e o da UAC, sobre o 'Sistemas de Voz IP baseados en Asterisk'.
O mércores a familia presentada ante os estudantes foi o metal. Ao longo do día estiveron presentes poñentes de 3M, que falaron da 'Protección persoal'; mentres que membros de Praxais, abordaron o tema dos 'Gases de protección soldadura, aplicacións e tendencias'.Pola súa parte, a empresa Artabro Sandeu aportou os seus coñecementos sobre o 'Deseño e desenrolo de bens de equipos'; e pechou a xornada Panatec, co relatorio 'Equipos de inspección'.
O sector da madeira, tratado onte contou coa presenza de delegados da empresa GT Artabria, que falaron da 'Xestión de almacéns de carpenta'; seguido polo encargado de Hettich, que presentou o relatorio 'Maquinaria e ferraxes de carpinteria'; e Virutex, que presentou a Canteadora Portátil.
As xornadas pecháronse hoxe coa presenza de máis de catrocentos alumnos e alumnas, así como os profesores da familia da automoción. Interveu o Grupo AD Regueira, que presentou a súa empresa. A continuación os representantes de Fergase deron a coñecer as cabinas de pintura e automatismo, mentres que os de Bertón falaron da diagnose no automóvil. Aguado Automoción concluíu co relatorio 'Alineado tridimensioal e novas tecnoloxías de equilibrado'.
O centro organizador do acto conta no seu haber con tres estudantes gañadores nas Skills Spain, Olimpíadas españolas de Formación Profesional. Así, Alba Pardo Fernández e Mª del Carmen Aldereguía Prado lograron a medalla de ouro na categoría de vehículos industriais; mentres que Rubén Pico logrou clasificarse para competir nas Skills World celebrada en Calgary, Canadá, na categoría de carrozaría.
Xunto ao director xeral de Educación, no acto de clausura estiveron a concelleira de Educación de Ferrol, Mercedes Carbajales; o presidente da asociación de empresarios Ferrolterra, José Ramón Franco; e o presidente da Confederación de empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, José Rilo; así como o director do IES Marques de Suanzes e organizador das actividades, Enrique Pazo.