Román Rodríguez destaca o salto cualitativo das bibliotecas escolares galegas, que se reafirman como referente nacional [1]
Estes recoñecementos converten a Galicia na gañadora dun terzo dos galardóns concedidos en toda España, con oito dos 24 totais
A Xunta reforza estes espazos a través do Plan LÍA 2025, que conta cun orzamento de 17M€
Galicia é a terceira Comunidade con mellores resultados en competencia de lectura en PISA
No marco das distintas liñas de apoio ás bibliotecas escolares, a Consellería de Educación acaba de resolver os programas Club de Lectura, que chega a 401 centros, e o de ‘Biblioteca Creativa’ en 148 centros
Ademais, 190 colexios e institutos desenvolven iniciativas de voluntariado cultural a través de ‘Biblioteca Solidaria’
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe aos oito centros galegos que veñen de acadar os premios estatais que o Ministerio de Educación outorga aos Clubs de Lectura. Estes recoñecementos converten a Galicia na gañadora dun terzo dos galardóns concedidos en toda España, con oito dos 24 totais.
Román Rodríguez destacou o salto cualitativo que teñen experimentado nos últimos anos as bibliotecas escolares. “O voso esforzo e ilusión permitiu que estes espazos pasasen de ser meros centros de estudo e de intercambio de libros a ser lugares dinámicos de socialización, de encontro ou lugares onde os rapaces se achegan a áreas como a tecnoloxía, a ciencia ou a robótica”, explicou. “Ese salto cualitativo fai que as nosas bibliotecas sexan un referente non só para toda Galicia, senón a nivel estatal”, engadiu. De feito, a galega é a terceira Comunidade con mellores resultados en competencia de lectura en PISA, 17 puntos por riba da media española.
O titular autonómico de Educación lembrou que desde a Xunta se apoia ás bibliotecas escolares a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025, “aprobado o pasado ano cun orzamento de 17M€ para seguir impulsando estes espazos como clave no noso modelo educativo”. “As bibliotecas escolares simbolizades e exemplificades o ensino polo que apostamos: un sistema moderno, adaptado aos tempos e centrado na calidade e a equidade”, incidiu.
Os premios nacionais de Clubs de Lectura recoñecen o traballo, na modalidade de Educación Primaria, dos colexios de Curtis, Laredo (Redondela) e Sofía Casanova (Culleredo), co segundo premio; e dos colexios Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño), co terceiro premio.
Na modalidade de centros de Secundaria, os premiados foron o instituto Santiago Basanta Silva (Vilalba), cun primeiro premio, e os IES Maximino Romero de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra), ambos con segundos premios.
Centros premiados modalidade de Educación Primaria:
Provincia |
Concello |
Centro |
Premios |
A Coruña |
Curtis |
CEIP de Curtis |
2º Premio |
A Coruña |
Culleredo |
CEIP Sofía Casanova |
2º Premio |
Pontevedra |
Redondela |
CEIP de Laredo |
2º Premio |
A Coruña |
A Coruña |
CEIP Emilia Pardo Bazán |
3º Premio |
Pontevedra |
O Porriño |
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios |
3º Premio |
Centros premiados modalidade de Educación Secundaria:
Provincia |
Concello |
Centro |
Premios |
Lugo |
Vilalba |
IES Basanta Silva |
1º Premio |
A Coruña |
Zas |
IES Maximino Romero de Lema |
2º Premio |
Pontevedra |
Pontevedra |
IES Sánchez Cantón |
2º Premio |
Resolución de novas convocatorias
Con motivo deste encontro Román Rodríguez aproveitou para sinalar que, no marco do conxunto de accións de apoio ás bibliotecas escolares en Galicia, a Consellería acaba de resolver tres convocatorias moi valoradas polos centros como son as de Clubs de Lectura, que chegarán a 401 centros, as de Biblioteca Creativa, con 148 centros adscritos, e a de Biblioteca Solidaria, na que participan 190 centros.
A Xunta de Galicia dá continuidade á iniciativa de éxito dos Clubs de lectura, apoiando este curso o funcionamento de 401. Deles, 293 funcionarán en centros de Secundaria e 108 nos de Primaria (etapa que se incluíu na convocatoria por primeira vez o curso pasado). Do total dos 401 centros seleccionados para este curso, 144 son centros da provincia da Coruña, 59 de Lugo, 53 de Ourense e 145 de Pontevedra.
Este programa conta un orzamento de 400.000€ destinados a sufragar a adquisición de libros, así como para outros gastos de funcionamento.
O obxectivo dos clubs é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...). Para iso, promóvese que o alumnado comparta as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza o proceso. A experiencia vese enriquecida polo emprego das novas tecnoloxías e incluso pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.
‘Biblioteca Creativa’
Por outra banda, o departamento educativo da Xunta acaba de incorporar 25 novos centros ao programa Biblioteca Creativa [2], de estímulo da investigación nestes espazos. Por provincias, destes novos centros, dez son da provincia da Coruña, catro de Lugo, tres de Ourense e oito de Pontevedra. Con eles, son xa un total de 148 os colexios e institutos que participan nesta iniciativa, tamén enmarcada no Plan LÍA, todos eles integrados tamén no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
As bibliotecas escolares participantes dótanse dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimúlase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Iniciativas solidarias
A maiores, a Consellería de Educación publicou tamén recentemente a resolución do programa Biblioteca Solidaria [3], no que participan este curso 190 centros. Na modalidade de voluntariado de lectura, destinada a alumnado de 5º e 6º de Primaria, adhírense un total de 75 centros; mentres que na de voluntariado na biblioteca escolar, para Secundaria e outras ensinanzas, o fan 115 centros. Do total, 78 son centros da provincia da Coruña, 27 da de Lugo, 18 da de Ourense e 67 da de Pontevedra
A finalidade deste programa é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas escolares e recoñecer o traballo dos centros que desenvolven este tipo de actividades. De feito, os centros de secundaria reciben un diploma acreditativo da Consellería de Política Social e Xuventude. Ademais, de entre os centros participantes seleccionaranse 15 para ser recoñecidos co Selo Biblioteca Escolar Solidaria.