As probas de acreditación do Celga serán a derradeira fin de semana de maio e a primeira de xuño [1]
Política Lingüística convoca os exames para os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño en Santiago de Compostela e en Ponferrada
O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá ata o 13 de abril
A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2018 [2], da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (procedemento ED114A).
O prazo de inscrición nestes exames, que se realizarán os días 26 e 27 de maio (Celga 4 Celga 3, respectivamente) e 2 e 3 de xuño (Celga 3 e Celga 1, respectivamente) en Santiago de Compostela e en Ponferrada (os niveis 2, 3 e 4, dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), está aberto desde mañá ata o vindeiro 13 de abril. Canda a publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas, o departamento fará públicos os espazos e horarios.
Arrancan os cursos preparatorios o 3 de abril
A secretaría dirixida por Valentín García porá en marcha o día 3 abril os cursos preparatorios específicos de cada nivel destes exames de acreditación do Celga, no marco do Plan de formación en lingua galega 2018 [3], que inclúe 35 cursos Celga (25 presenciais en 18 localidades galegas e 10 en liña) e ofrece por primeira vez cursos de teleformación preparatorios do nivel 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior. Desenvolveranse, simultaneamente do 3 de abril ao 23/24 de maio.
As listaxes de persoas admitidas e excluídas provisionalmente e toda a información e materiais preparatorios destas probas, así como exames de convocatorias anteriores, están accesibles desde o Portal da Lingua Galega ww.lingua.gal.
O sistema Celga
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).