Os polos creativos impulsados pola Xunta chegan este curso a 220 centros educativos cun investimento de 8M€

Román Rodríguez destaca o “enorme interese” da comunidade educativa por incorporar estes espazos de innovación aos seus proxectos educativos

Están dotados cun total de 22.000 pezas de material especializado como kits de robótica ou aparellos de impresión 3D, entre outros

Gallego
p

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o instituto IES Breamo, na localidade coruñesa de Pontedeume. Un centro dos 220 que van desenvolver este ano un Polo Creativo, unha novidosa iniciativa para impulsar a dixitalización do ensino, que conta cun orzamento de 8M€.

Os Polos Creativos son espazos de innovación nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño. Organízanse didacticamente para fomentar a creatividade a través da superación de retos, a consecución de proxectos, a realización de prototipos e a construción de resultados tanxibles. A dotación destes polos está conformada por máis de 22.000 elementos de material especializado como kits de robótica, equipamento audiovisual, tablets e taboleiros interactivos, elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D, entre outros.

Na visita, o conselleiro Román Rodríguez destacou a “enorme acollida” deste programa que se estrea este curso con 138 centros e que chegará neste trimestre a 220 en toda Galicia.

Dixitalización e Nova Arquitectura Pedagóxica

“O que hoxe visitamos -explicou o conselleiro- é un exemplo claro dun polo creativo perfectamente equipado, un modelo que se replica noutros centros de toda Galicia”.

Os Polos Creativos enmárcanse en dúas das principais estratexias do Goberno galego para a plena modernización do ensino como son, por unha banda, a Estratexia Educación Dixital 2030 e, por outra, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

No que atinxe á Estratexia Educación Dixital, dotada con 120M€ para esta lexislatura, o conselleiro subliñou que permitirá “darlle o empurrón definitivo á transformación dixital do ensino desde os equipamentos e as metodoloxías”.

Pola súa banda, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de máis de 190M€, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas.

O Consello da Xunta aproba os currículos de primaria, secundaria e bacharelato cunha aposta polo reforzo de competencias e a calidade educativa

Con este paso conclúe a tramitación administrativa dos decretos destas etapas, cuxos contidos -igual ca nos de infantil, que se aprobou a semana pasada-, son públicos desde hai cinco meses, cando a Consellería de Educación avanzou os textos para garantir a planificación e organización do curso escolar

O Goberno galego cumpre cos prazos comprometidos de estaren listos no inicio do curso, pese ao atraso do Goberno central en publicar a parte estatal

Cada un dos textos curriculares recolle os principios e fins de cada etapa, a estrutura académica dos cursos, a organización e estrutura curricular das materias, as programacións didácticas, o papel da titoría e os criterios de avaliación e promoción, entre outros

Na etapa de primaria fortalécese a área lingüística e as competencias STEM

En secundaria refórzase a área científico-matemática coa nova materia de Tecnoloxía e dixitalización

En bacharelato establécese unha materia optativa potente enfocada a unha formación máis competencial e especializada

Gallego
c

O Consello da Xunta acaba dar luz verde aos decretos polos que se establece a ordenación e os currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato adaptados á LOMLOE, que serán publicados no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

Con este paso, o Goberno galego dá por rematados os trámites administrativos dos currículos de todas as etapas educativas -o de educación infantil xa foi aprobado a semana pasada-, cuxos textos xa eran coñecidos desde o pasado mes de abril, cando a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os presentou publicamente co fin de garantir a organización e planificación deste curso e minimizar o impacto da tardanza do Goberno central en aprobar a parte estatal.

Ao longo dos diferentes artigos, títulos e disposicións en que se estrutura cada un dos currículos recóllense os ámbitos de aplicación, os principios e fins de cada etapa, a estrutura académica dos cursos, a organización e estrutura curricular das materias que se van cursar, as programacións didácticas, o papel da titoría e os criterios de avaliación e promoción, entre outros.

Nos textos dos decretos consolídanse todos os aspectos novidosos que xa foron dados a coñecer no seu día en canto ás novas materias e á súa distribución e carga horaria, enfocada ao reforzo das áreas lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas. Exemplo disto é a introdución da Filosofía na ESO ou o reforzo de contidos humanistas en bacharelato, que non figuran nos textos estatais. Igualmente, incorpóranse as notas numéricas correspondentes a cada cualificación literal que fixa o ministerio. Todo isto enfocado a reforzar o modelo de éxito do sistema educativo galego sostido sobre os piares da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades.

Etapa de educación primaria

A etapa de educación primaria está concibida con tres ciclos de dous cursos cada un que abranguen entre os 6 e os 12 anos, cunha carga e distribución horaria de cinco sesións lectivas que suman un total de 25 sesións semanais.

Desde o punto de vista académico, unha das principais novidades para esta etapa en Galicia, tal e como xa coñecen os centros desde o pasado abril, é o reforzo da área lingüística con dúas horas máis (unha en Lingua galega e literatura e outra en Lingua castelá e literatura) en 6º curso de primaria, ata acadar as 24 sesións no conxunto da etapa. Tamén se dá un impulso ás competencias tecnolóxicas cun bloque completo de contidos STEM (de matemáticas, ciencia, tecnoloxía e dixitalización) na materia de Ciencias naturais, desde unha perspectiva aplicada de coñecementos matemáticos a situacións na vida real.

Desde a perspectiva estrutural, a área de Educación artística preséntase desdobrada en dúas que son a de Educación plástica e visual por un lado, e a de Música e danza, por outro, cun currículo diferenciado e adaptado para cada unha delas.

O texto tamén recolle para a área de Educación en valores cívicos e éticos (6º curso de primaria) a identidade e o currículo propios e non como unha alternativa ao alumnado que curse Relixión.

Tamén se establece un currículo propio para a materia de Proxecto competencial de centro, que cursará o alumnado que non escolla Relixión, tanto en primaria como en secundaria. Nesta nova materia, os alumnos traballan competencias transversais a través do desenvolvemento dun proxecto desde a súa fase inicial de concepción e idea, as intermedias de planificación e deseño e a fase final de presentación e exposición. Todo desde unha perspectiva de colaboración, reforzo da autoestima, da autonomía e da responsabilidade.

Outra das novidades que se regulan por primeira vez é que se lles ofrece aos centros a posibilidade da agrupación de áreas de coñecemento, sempre mantendo os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das áreas que conforman a agrupación.

Etapa de educación secundaria obrigatoria

O currículo desta etapa ten en conta o tránsito desde primaria á hora de establecer a carga horaria de cada materia. Neste caso, refórzase a área matemático-científica cunha nova materia obrigatoria que é Tecnoloxía e dixitalización, en 1º e 2º curso da ESO. Igual ca en primaria, no deseño do currículo da ESO, a Consellería, atendendo aos criterios técnicos dos grupos de traballo, tivo en conta o tránsito entre as etapas e o mantemento da carga horaria. Precisamente, atendendo a esta transición, as dúas sesións de Lingua galega e literatura e Lingua castelá e literatura que ata o de agora se impartían en 1º da ESO trasládanse a 6º de primaria e, deste xeito, mantense a carga horaria total das áreas lingüísticas en todo o período de ensino obrigatorio.

Outra das novidades máis salientables é que, a maiores das establecidas no bloque estatal, en Galicia, os alumnos poderán cursar unha materia optativa autonómica cunha carga lectiva de tres sesións/semana para elixir entre Cultura clásica, Oratoria, Educación dixital e Segunda lingua estranxeira en 3º de ESO, e entre Cultura clásica, Oratoria e Filosofía en 4º curso. Así pois, a parte galega do currículo recolle e regula o currículo de Filosofía para secundaria que non figura na parte estatal.

Tamén se introducen catro sesións de libre disposición de centro (a razón de dúas en 1º curso e outras dúas en 2º) co fin de reforzar a autonomía dos centros para reforzar aquelas áreas que consideren necesario en cada caso.

Así mesmo, dáselle a posibilidade aos centros de agrupar materias en ámbitos competenciais para os tres primeiros cursos da etapa e, igual que ocorre en primaria, estes agrupamentos deberán incluír os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das materias que os conforman, así como o horario asignado ao conxunto delas.

Etapa de bacharelato

O currículo de bacharelato aborda a organización das materias desta etapa (comúns, específicas de modalidade e optativas) e a organización do bacharelato nas catro modalidades que fixa o marco xeral: a de Artes (dividida pola súa vez na vía de Artes plásticas, imaxe e deseño e na de Música e artes escénicas), a de Ciencias e tecnoloxía, a de Humanidades e ciencias sociais e a xeral.

Atendendo á estrutura xeral, Galicia deseñou unha materia optativa de catro sesións/semana para escoller entre un amplo abano que abrangue temáticas vinculadas ás ciencias, ás tecnoloxías e ás humanidades e entre as cales cómpre destacar a de Xeografía, historia, arte e patrimonio de Galicia no 2º curso de bacharelato. O obxectivo desta optativa é xerar itinerarios formativos potentes na procura dunha formación máis competencial e especializada.

Así mesmo, en 1º de bacharelato refórzase a Educación física cunha sesión lectiva máis á semana ata un total de tres (ata o de agora eran dúas). E os centros dispoñen dunha sesión lectiva de libre disposición que, desde a súa autonomía, poden organizar de xeito que lles garantan unha debida atención educativa a eses alumnos.

Doutra banda, o decreto regula, por primeira vez, a posibilidade de cursar o bacharelato en tres anos académicos. Isto poderano facer aqueles alumnos que, ademais de bacharelato, cursen de xeito simultáneo ensinanzas profesionais de música ou de danza; ou ben que acrediten a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento; ou ben que requiran dunha atención educativa diferente á ordinaria por presentar algunha necesidade específica de apoio educativo.

Así mesmo, tamén se regula con claridade a posibilidade de obter o título de bacharelato desde outras ensinanzas, como é o caso de superar as materias comúns e ter o título de técnico en formación profesional, en artes plásticas e deseño ou que superasen ensinanzas profesionais de música ou de danza.

A Xunta blinda o plantel de profesorado con 500 docentes máis que antes da pandemia e os mesmos que o pasado curso malia contar con menos alumnos

Román Rodríguez confirma que o sistema conta con 30.534 docentes, o que desminte con cifras obxectivas as críticas de recortes por parte dos grupos da oposición

Lembra que o ensino galego despunta en PISA, cunha caída histórica do abandono escolar e o terceiro maior investimento por alumno de toda España

Sinala que a rateo profesor alumno de Galicia sitúase en 9,8 fronte ao 11,4 estatal

O Goberno galego aforra 107M€ ás familias fronte á inflación, cun 50% máis de axudas para libros e material escolar, reforzo no comedor bonificado, transporte gratuíto, dispositivos dixitais de balde ou conxelación da matrícula universitaria

Introdúcense novos programas para apuntalar a calidade e a igualdade do sistema, co deseño de colexios máis confortables, sostibles e tecnolóxicos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e co impulso da dixitalización nos Polos Creativos

Ultímanse plans específicos en materia de convivencia e inclusión

O novo Centro Galego de Innovación da FP entra en funcionamento este outono para impulsar estas ensinanzas, con máis oferta, máis prazas e pleno emprego

Gallego
c

O sistema educativo galego vai contar este ano con 30.534 docentes, cifra que confirma que este curso hai máis profesorado que o último antes da pandemia e os mesmos que o curso pasado, cumprindo así co manifestado nas últimas semanas polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, malia estar nun contexto de caída demográfica con 15.000 alumnos menos nas etapas de Infantil e Primaria.

Nunha comparecencia a petición propia ante o Pleno do Parlamento para dar conta do inicio do curso escolar, o titular de Educación expresou, en primeiro lugar, o agradecemento ao “exemplo” de alumnado, familias, profesorado e persoal dos centros educativos para contribuír á “normalidade” dun inicio de curso marcado pola supresións das restricións covid, a inflación, a entrada en vigor da LOMLOE e o desenvolvemento de novos programas para asegurar os niveis de calidade acadados nos últimos anos.

Na súa intervención, o conselleiro desmontou con datos concretos e obxectivos as críticas de recorte de profesorado dos grupos da oposición ao confirmar un incremento de 493 docentes con respecto ao curso 2019-20, o último antes da pandemia, e os mesmos que o ano pasado (en concreto, 11 máis). Así pois, a Consellería mantén a estrutura dos colexios -con 130 aulas máis de Infantil e Primaria que antes da pandemia- e a dotación de todo o profesorado necesario para atender o cen por cen das necesidades.

2.011 incorporacións e 4.000 prazas de oposicións

En aras da estabilidade do profesorado, a raíz das oposicións celebradas este verán, este setembro incorpóranse ás aulas 2.011 docentes con praza de funcionario, o que consolida a Galicia como a comunidade con menos interinos, cun 8% fronte á media estatal do 25%. Unha porcentaxe que se reducirá ao 6% o próximo ano unha vez que rematen o concurso de méritos e o concurso-oposición que eleva a 4.000 as prazas ofertadas entre 2022 e 2023. Estes procesos explican un menor número de prazas adxudicadas no concurso de destinos provisionais, dado que esas prazas están a ser cubertas por funcionarios definitivos.

Estas ofertas de emprego corroboran que, malia a o descenso demográfico, “mantemos a intensidade do emprego”, abondou o conselleiro. Ademais, os últimos datos confirman tamén unha rateo de 9,8 alumnos/profesor mentres a media estatal ascende a 11,4.

Por outra banda, e unha vez superada a situación de crise sanitaria dos últimos dous anos, explicou que un dos retos é a “inflación desbocada”. Para axudar a paliar os seus efectos, a Xunta mobiliza 107M€ para reforzar o apoio ás familias con 25,6M€ (case un 50% máis) en axudas a libros e material escolar, 50M€ en axudas a comedores (onde oito de cada dez familias teñen este servizo de balde ou pagan un euro) e as taxas universitarias conxeladas durante 12 anos, ao que se suman 117M€ para o transporte gratuíto.

Por achegas como estas, lembrou o conselleiro, Galicia sitúase, segundo os datos do Ministerio, como a terceira comunidade autonóma que máis inviste por alumno, só por detrás de País Vasco e Navarra, ambas cun réxime fiscal diferente.

Certezas ante os novos currículos

Outro dos elementos novidosos deste curso é a entrada en vigor da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares, da que o conselleiro denunciou publicamente unha vez máis a súa aplicación “caótica e atropelada” polo retraso da aprobación dos currículos estatais. Isto, explicou, fixo que os currículos galegos non se puideran aprobar antes do inicio do curso, tal e como levaba advertindo en reiteradas ocasións.

Fronte a isto, Román Rodríguez lembrou que a Xunta “fixo os deberes” e en Galicia os currículos “foron publicados e coñécense desde o pasado mes de abril”, o que deu certezas aos equipos directivos para planificar e organizar o curso escolar. Informou, ademais, de que se axilizaron ao máximo os trámites administrativos dos decretos de xeito que -logo de aprobar o Infantil a semana pasada- seguirase co resto nestas primeiras semanas.

439 obras de mellora en centros por 91M€

Todas estas medidas combínanse con accións como a posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica -executado xa no seu 50% con 439 obras por 91M€- para avanzar en centros máis confortables, innovadores e eficientes; a dotación de Polos Creativos (espazos para traballar as competencias matemáticas, científica e tecnolóxicas) que xa chega a 138 centros nunha primeira fase; o avance do libro electrónico en 600 centros e 60.000 alumnos, ou a posta en marcha do novo Centro de Innovación Educativa e Dixital.

Para o actual curso, o conselleiro referiuse tamén ao impulso de novos plans relacionados coa inclusión e a convivencia escolar, cuxas liñas estratéxicas se están ultimando.

A Xunta busca así seguir fornecendo a calidade do sistema, avalado por informes coma o PISA ou por indicadores como a redución da taxa de abandono escolar (nun 8,1% fronte ao 25,8% de media de 2009). A este respecto Román Rodríguez indicou que seguirá apostando “por un avance tranquilo no ensino, renovando iniciativas que están a ser eficaces e impulsando novas políticas públicas para novos retos”.

Unha Formación Profesional de récord

Outra das ensinanzas cunha evolución sobresaínte na última década é a Formación Profesional, “que medra en prestixio, confianza e utilidade” e que, á espera de pechar o proceso de matrícula o día 23, volve estar en cifras récord. Gaña oferta, gaña prazas e modernízase coa posta en funcionamento do Centro Galego de Innovación da FP.

O novo centro, con sede en Ourense, empezará a funcionar este outono e será o corazón da Estratexia Galega de FP 2030, dotada con 900M€ e que impulsará proxectos de I+D+i en área punteiras. A iso engádese a apertura dun novo centro integrado de FP en Vilagarcía, o número 24 na Comunidade fronte aos 11 que había no 2009.

Iguais resultados no ensino rural

Na súa intervención tamén fixo unha mención especial ao ensino rural como “un sinal de identidade” de Galicia, onde de novo se manifesta a calidade e a igualdade do sistema xa que “o 93% dos concellos teñen un centro de Infantil e Primaria fronte ao 55% de España”. Neles, declarou, os alumnos poden acceder aos mesmos programas que nun centro urbano. “E isto permite que os resultados académicos sexa iguais”, expuxo.

As Consellerías de Educación e Política Social unen forzas para dotar dun novo comedor ao Colexio CEIP Plurilingüe As Mercedes de Ourense

O departamento educativo da Xunta inviste preto de 48.000 euros na reforma dos espazos cedidos na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas

O comedor terá capacidade para 50 alumnos

Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; visitaron esta mañá o novo comedor para o alumnado do colexio CEIP Plurilingüe As Mercedes situado na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas.

No transcurso do acto, os representantes da Xunta destacaron este novo espazo como o froito da colaboración entre dous departamentos en prol do benestar da comunidade educativa deste colexio ourensán.

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa salientou un investimento de preto de 48.000€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para reformar por completo e habilitar os espazos cedidos pola Consellería de Política Social e Xuventude na residencia. “Grazas a esta obra, un total de 50 alumnos van poder gozar do servizo de comedor neste novo espazo e de forma permanente. Ata o momento houbera unha colaboración previa de cesión do espazo, pero as circunstancias especiais xeradas pola covid obrigaron a suspendela”, indicou.

Pola súa banda a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou que este novo espazo habilitado na residencia favorece tanto ao alumnado do CEIP como á mocidade da residencia, dado que facilita os fluxos e a comodidade de ambos grupos. Así mesmo, destacou outras melloras que se están acometendo na residencia, posto que neste 2022 se habilitou un novo ximnasio e se levaron a cabo traballos de mantemento ao longo do verán.

A Xunta reforza o Plan de Formación do Profesorado para adiantarse ás novas tendencias internacionais en avaliación, novas metodoloxías e dixitalización

O titular de Educación salienta que esta folla de ruta dá resposta ao papel do profesorado como “puntal fundamental para facer do sistema educativo galego un exemplo de calidade e equidade”

Increméntanse tanto o número de actividades, un 4% máis, como de prazas, ata as 95.000, un 12% máis

O Goberno galego destina neste plan máis de 7M€ a formación docente, tres millóns máis ca no curso 2019/20

Entre as principais novidades tamén figura a formación específica para os docentes que se incorporan por primeira vez ao sistema educativo galego e para os profesores en prácticas

O 84% do profesorado galego certificou unha ou máis actividades formativas no pasado curso, ás que outorgaron unha puntuación moi alta, de 4,4 puntos sobre 5

Gallego

Video: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan de Formación do Profesorado para o curso 2022/23, unha folla de ruta que sae reforzada para adiantarse ás novas tendencias educativas internacionais e ao mundo dixital e dá resposta ao papel do profesorado como “un papel fundamental para facer do sistema educativo galego un exemplo de calidade e equidade”.

“Trátase dunha batería de accións –sinalou o conselleiro– que dan continuidade aos principais retos e programas educativos desenvolvidos pola Consellería e que atende tamén aos desafíos futuros e ás novas necesidades do sistema educativo, como son o desenvolvemento dos novos currículos, a aposta polo traballo competencial e as metodoloxías innovadoras ou a atención á diversidade e a inclusión”.

Un total de 6.000 actividades

As 6.200 actividades do plan conforman “unha oferta diversificada, tanto a nivel de temáticas como de modalidades, que se organiza ao redor de dous eixos, as competencias dixitais e a adaptación aos novos currículos e metodoloxías docentes”, sinalou o representante da Xunta de Galicia.

“Non en balde, as actividades dirixidas á mellora e acreditación das competencias dixitais constitúen o 41% das prazas do plan”, destacou o representantes da Xunta. No referido ao segundo eixo, que concentra preto do 60% das prazas, está destinado a  apoiar o desenvolvemento curricular, a didácticas innovadoras, inclusión ou linguas, con actividades centradas en proxectos como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, os Polos Creativos, o Plan de Benestar Emocional ou o desenvolvemento da Estratexia de Lingua Estranxeiras.

Igualdade e actualización de competencias

“O plan inclúe, ademais, dúas importantes novidades”, salientou o conselleiro. “Por unha banda, a implantación de dous novos plans de formación específicos, un deles para os docentes que se incorporan por vez primeira ao sistema e outro a docentes en prácticas”.

O primeiro deles incluirá formación inicial sobre a estrutura, funcións e os programas que vén desenvolvendo a Consellería, así como formación básica nas ferramentas de traballo docente; mentres que o segundo contará con novos módulos de formación en galego, de formación en igualdade ou un itinerario formativo sobre innovación metodolóxica e dixitalización, entre outros materiais.

“A segunda novidade pasa pola actualización do modelo de competencias profesionais, de acordo coas novas tendencias internacionais”, destacou Román Rodríguez. Neste apartado incluirase o deseño de novas ferramentas web de autoavaliación dirixidas a centros e docentes e o impulso da certificación dos niveis competenciais adquiridos na formación.

Tres prazas por docente

O Plan de Formación do Profesorado do curso 2022/23 incrementa tanto a oferta, con 6.200 actividades, un 4% máis ca no anterior curso; como as prazas, un total de 95.000, un 12% máis. “É dicir, cada docente disporá dunha media de tres prazas de formación neste curso”, explicou o conselleiro.

Isto vai parello a un aumento no orzamento destinado pola Consellería de Educación a este plan, ata superar os 7M€ neste curso en formación do profesorado, un 12% máis ca o curso anterior e máis de 3 millóns máis que no curso 2019/20.

“Trátase dun esforzo orzamentario para poñer a disposición do persoal docente todos os recursos precisos para seguir facendo do sistema galego un exemplo de calidade e equidade, avanzando nos retos presentes e futuros, como son a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías, e apostando por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, incidiu Román Rodríguez.

Balance do curso 2021/22

Durante a presentación tamén se fixo balance do desenvolvemento do plan no curso 2021/22, ano académico no que tiveron lugar un total de 5.950 actividades formativas a través das distintas modalidades (formación en centros, grupos de traballo, estadías, seminarios...), un 2,5% máis ca o curso previo. O 77% da formación realizouse no propio centro.

En total realizáronse máis de 120.000 horas de formación, nas que participaron máis de 26.800 docentes. “É dicir, o 84% do profesorado galego certificou unha ou máis actividades formativas”, dixo o conselleiro.

En concreto, cada docente realizou unha media de 2,8 actividades e 68 horas de formación, ás que outorgaron una valoración moi alta, de 4,4 puntos sobre 5.

O Consello da Xunta aproba o currículo de infantil, que fai fincapé na introdución á lectura, a educación dixital e a promoción do estilo de vida saudable

Remata así a tramitación administrativa do decreto desta etapa educativa cuxo contido xa é público desde o pasado mes de abril

Para atallar o atraso do Goberno central en publicar a parte estatal, hai cinco meses que a Consellería de Educación puxo á disposición da comunidade educativa os textos de todos os currículos co fin de que os equipos directivos puidesen planificar a organización do curso escolar

Os currículos inclúen os contidos e competencias que o estudantado debe aprender ao longo de cada etapa

No caso de infantil, na parte autonómica dáselle un maior peso á titoría e regúlanse por primeira vez aspectos como os referentes de avaliación do alumnado e o dereito das familias á participación e información

Na área de coñecemento da contorna introdúcese un bloque de contidos relativos á contorna social en que, entre outros, se favorece o coñecemento da cultura galega desde unha perspectiva aberta e integradora

O ‘Diario Oficial de Galicia’ publicou xa o texto definitivo

Gallego
i

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da Educación Infantil en Galicia adaptado á LOMLOE, que xa foi publicado no Diario Oficial de Galicia.

Conclúen así en prazo os trámites administrativos deste texto cuxo contido xa é coñecido desde o pasado mes de abril, cando a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade presentou os currículos de todas as etapas educativas co fin de garantir a organización e planificación deste curso e minimizar o impacto da tardanza do Goberno central en aprobar a parte estatal.

O decreto de Educación Infantil abrangue a etapa de cero a seis anos e nel –a través de 31 artigos estruturados en tres títulos, un título preliminar e varias disposicións– recóllense os contidos e competencias que os nenos deben adquirir nesta primeira etapa da súa vida.

No documento abórdanse cuestións como a organización das áreas de toda a etapa, a súa estrutura curricular ou os obxectivos e criterios de avaliación, entre outros. A organización da etapa vertébrase sobre ciclos, todo isto desde unha perspectiva global e integradora e, sobre todo, cunha actualización curricular completa más acorde cos retos de futuro.

A etapa de infantil presenta unha nova estrutura curricular con tres áreas: Comunicación e representación da realidade, Crecemento en harmonía e Descubrimento e exploración da contorna (antes denominado Coñecemento do contorno). Precisamente nesta última área, na parte galega do currículo engádese un bloque de contidos sobre a contorna social, xa que as ensinanzas mínimas do Ministerio se centran na contorna natural e esquecen a social.

Por exemplo, neste bloque introdúcense obxectivos como identificar as características e funcións dos grupos e organizacións da Comunidade, apreciando elementos significativos da cultura galega como base para a construción da identidade social. O obxectivo é garantir unha precisa conexión escola-medio e favorecer, de xeito progresivo, o acceso do alumnado ao coñecemento e á valoración da cultura galega mediante o achegamento ás tradicións, valores e costumes propios e sempre respectando a diversidade cultural da contorna desde unha perspectiva aberta e integradora.

Entre as novidades cómpre destacar que, por primeira vez, se regulan certos plans educativos relacionados coas bibliotecas escolares e a aproximación á lectura e o impulso da educación dixital. Precisamente o uso das tecnoloxías da información e da comunicación constitúe un factor esencial para facilitar cambios metodolóxicos que proporcionen novos elementos e oportunidades para o éxito educativo en Galicia. Igualmente, faise fincapé na promoción de estilos de vida saudables nesta etapa, que son esenciais para o seu desenvolvemento.

Tamén se introducen as competencias clave que se terán que ir desenvolvendo ao longo das etapas de primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para lograr un enfoque de aprendizaxe competencial.

Reforzo de titorías e criterios de avaliación

Outro dos aspectos que cómpre salientar é o maior peso da titoría e orientación, sobre todo no que atinxe á atención á diversidade. Establécese un intercambio de información entre titores e familias con periodicidade trimestral, que debe incluír valoracións por áreas, así como sobre a integración socioeducativa do neno.

Tamén se regulan, por primeira vez, os referentes de avaliación do alumnado e o dereito das nais e pais á participación e información a través da cooperación e da participación no proceso educativo dos seus fillos. Ademais introdúcense pautas obxectivas para os documentos de avaliación como as actas de avaliación, o expediente académico, o historial académico e os informes finais por etapa.

No referido á avaliación, promoverase o uso xeneralizado de instrumentos variados, diversos e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe que permitan a valoración obxectiva de todo o alumnado. Nese sentido, a observación directa e sistemática constituirá a principal técnica do proceso de avaliación, sen prexuízo do posible emprego, xunto con esta técnica principal, doutras cun carácter accesorio como a análise das producións das nenas e dos nenos, e as entrevistas coas familias ou coas persoas titoras legais. Polo tanto, o novo decreto define con maior precisión o tipo e as características dos instrumentos de avaliación.

Rueda salienta a apertura dun novo curso escolar marcado pola volta á normalidade tras a pandemia

Gallego
lav

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou hoxe a apertura do novo curso escolar 2022/2023 marcado pola volta á normalidade tras a pandemia, logo dunha visita ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Mestre Rodríguez Xixerei, en Lavacolla.

A Xunta reforza os comedores escolares cunha extra de 1,4 M€ para paliar a suba de prezos ás familias

O conselleiro Educación visita o colexio Doutor López Suárez de Friol e comparte co profesorado os últimos preparativos para o inicio do primeiro curso pospandemia

Román Rodríguez explica que este reforzo orzamentario permitirá blindar o servizo ao alumnado sen necesidade de incrementar o custo para o alumnado

O representante do Goberno galego destaca a boa saúde do ensino no rural, que conta coas mesmas potencialidades, servizos, programas e resultados académicos

A Consellería mantivo nos últimos días reunións con representantes da comunidade escolar como directores de centros ou anpas para avaliar a volta ás aulas

Logo da supresión das restricións sanitarias por parte do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a Xunta distribúe as recomendacións xerais mínimas

Gallego
f

A Xunta de Galicia reforza o servizo de comedores escolares cun investimento extra de 1,4 M€ este ano. Así o salientou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao colexio Doutor López Suárez de Friol, onde compartiu os preparativos para o inicio mañá do primeiro curso pospandemia e agradeceu ao profesorado o seu labor.

Na súa visita, o responsable autonómico de Educación explicou que o esforzo orzamentario por parte da Administración autonómica permitirá blindar este servizo sen que se incremente o gasto das familias, elevando o investimento ata os 50M€. “Pese ao contexto da inflación desbocada, mantemos firme o noso compromiso de ofrecer un servizo de comedor de calidade e baseado na renda familiar o que fai un dos máis xustos e baratos do conxunto do Estado”, engadiu.

Na mesma liña, precisou que a oferta de comedor, sumada ao servizo de transporte escolar, son dous dos principais indicadores da boa saúde da que goza o ensino rural en Galicia. “No caso do centro que hoxe visitamos, a meirande parte do alumnado fai uso do comedor de xeito gratuíto e chega ao centro nunha das liñas de autobús escolar da Xunta de Galicia”, explicou.

Aposta polo ensino rural

Isto, tal e como explicou Román Rodríguez, fai posible que Galicia funcione “como un distrito escolar único en materia escolar, un gran colexio coas mesmas potencialidades, servizos, programas e resultados académicos independentemente de onde un elixa vivir”. “O ensino rural é unha das sinais de identidade do noso sistema educativo e o noso compromiso é garantir a igualdade de oportunidades”, precisou antes de lembrar que o investimento por alumno da Xunta no rural é superior e que o 93% dos concellos de Galicia conta cun centro de Infantil e Primaria.

Aforro de 107M€ ás familias

Por outro lado, o conselleiro de Educación explicou que unha das principais preocupacións do Goberno galego neste inicio de curso é que a “inflación galopante que vivimos afecte o menos posible á educación e, sobre todo, afecte menos a quen máis o precise”.

Por iso, co fin de afrontar este contexto, a Xunta de Galicia ten en marcha unha batería de medidas como o apoio ás familias para o acceso aos libros de texto e material escolar, o comedor escolar bonificado, o transporte totalmente gratuíto, a dotación de recursos tecnolóxicos de balde para os nenos ou a conxelación das taxas universitarias que se intensificaron nos últimos meses coas que as familias galegas con fillos en idade escolar ou universitaria aforrarán arredor de 107 M€.

Non obstante, recalcou que o seu departamento seguirá “analizando e implementando” todas as medidas que sexan necesarias para continuar garantindo a calidade e equidade do ensino galego e, deste xeito, blindar “a igualdade de oportunidades e a xustiza social”.

Agradecemento á comunidade escolar

O curso 2022/2023 arranca mañá para un total de 311.179 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato, ademais do alumnado de FP e as ensinanzas de réxime especial. “Despois de dous cursos desaparecen os protocolos e as restricións covid e a partir de agora todos os esforzos da escola poden canalizarse no esencial: formar aos noso nenos e mozos”, afirmou o conselleiro, quen agradeceu o “importante esforzo feito” polo profesorado, polas familias e polo alumnado durante toda a crise sanitaria.

Logo de que o pasado venres o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde eliminase as últimas restricións en toda España, a Xunta de Galicia vén de distribuír nos centros as recomendacións xerais mínimas que supoñen a eliminación dos protocolos.

Neste senso, e co fin de garantir a maior normalidade a partir de mañá, a Consellería de Educación mantivo nos últimos días reunións con representantes da comunidade escolar como directores de centros, asociacións de país ou nais ou empresas que prestan servizos.

Román Rodríguez avanza que o novo Centro de Innovación Educativa Dixital será “un punto de inflexión para a educación galega”

O centro irá un paso por diante no cambio metodolóxico e emprego de novos recursos didácticos, para reforzar a posición de Galicia á vangarda do ensino

Enmarcado na Estratexia de Educación Dixital 2030, funcionará como lugar de referencia para toda a comunidade escolar e catalizador das novas tendencias

“Coa activación deste centro, Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á nosa Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca”, destaca o conselleiro

Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes as instalacións do novo Centro de Innovación Educativa Dixital, que cualificou como “un punto de inflexión para a educación na nosa Comunidade en termos de metodoloxía escolar e de emprego de novos recursos didácticos”. Un centro que irá un paso por diante no cambio metodolóxico, para reforzar a posición de Galicia á vangarda do sistema educativo e o núcleo no que se van para deseña as mellores ofertas educativas para todo o profesorado galego.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou que a Xunta de Galicia quere “comezar este novo curso académico reforzando a aposta por un modelo educativo apoiado na innovación pedagóxica, na modernización do sistema e na investigación, apostando por un modelo de presente e de futuro”. “Dentro desta aposta, un dos grandes proxectos é este centro, que está chamado a converterse nun lugar de referencia para mestres e centros de toda a rede educativa de Galicia, xa que del emanará a nova visión que queremos imprimir por todo o entorno educativo”, engadiu.

A este respecto, o conselleiro lembrou que esta nova infraestrutura, está enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, “que fomentará unha nova visión da educación con protagonismo expreso das competencias dixitais, da innovación e da cooperación” para potenciar “a calidade, a eficiencia e a equidade que xa definen a educación en toda Galicia, e facilitar así un salto de calidade de todo o sistema”.

“Coa activación deste centro, Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á nosa Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca”, salientou o conselleiro.

Funcións do novo centro

O novo Centro de Innovación Educativa Dixital analizará as tendencias educativas, identificará as necesidades pedagóxicas do sistema e ofrecerá solucións innovadoras ao respecto. En resumo, funcionará como un catalizador de innovación pedagóxica, o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa e de transferilas aos mestres, en beneficio de todo o alumnado.

Situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a súa posta en funcionamento redundará na modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado. Ademais, será un punto de encontro entre as universidades de maxisterio e os centros educativos, promovendo novos proxectos.

O centro será, ademais, a pedra angular da formación docente no que se refire ao cambio metodolóxico, potenciando o desenvolvemento das competencias profesionais docentes mediante a posta en práctica de actividades e programas formativos, ámbito no que colaborará de forma estreita coa Rede de Formación do Profesorado. Neste sentido, nel formaranse formadores de docentes que despois prestarán servizo en dita rede.

Prospección e investigación

Entre os seus obxectivos estratéxicos figuran a mellora das habilidades e competencias dixitais, a construción de coñecemento que sirva de soporte e anclaxe ás políticas en materia de educación dixital ou favorecer a experimentación de novos espazos físicos e virtuais de acordo coas debidas pautas normativas, éticas e de seguridade.

A este respecto, o centro conta con espazos nos que se van realizar prospeccións, indagacións e investigacións das tendencias que no futuro máis inmediato poden ir configurando os sistema educativos, de tal forma que Galicia poida ir un paso por diante neste aspecto e avanzar na súa implantación. Para iso, hai aulas de espazos maker e para traballar coa realidade virtual, a robótica e a programación, entre outros.

Así mesmo, os traballadores do centro farán informes exhaustivos e pilotaxes de cuestións de interese, como a análise dos contidos educativos que ofrece o mercado antes de trasladalos ás aulas.

Audio: 

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica acada o 50% de execución con 439 obras e un investimento de 91 M€

A Xunta desenvolve esta estratexia para modernizar os centros educativos no período 2021-2024, co impulso dun modelo poscovid que sitúa a Galicia como pioneira
Dos proxectos en marcha, 180 son grandes actuacións en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano

A maiores, este verán realízanse 259 obras de pequena ou mediana envergadura

Hai outras 47 grandes actuacións en carteira, en cuxos proxectos traballa a Consellería nestes momentos, cun orzamento estimado de máis de 56M€

Ademais, está en marcha a renovación do mobiliario dos centros educativos, un total 42.686 unidades por un importe de case 5M€

Gallego

A Xunta de Galicia avanza no desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para a modernización dos centros educativos cUn novo modelo de escolas poscovid. A día de hoxe, o nivel de execución prevista para o período 2021-2024 roza xa o 50%, cun total de 439 obras en marcha desde 2021 por un importe de máis de 91M€ sobre os 191M€ totais.

Destas 439 actuacións, o 41% son de grande envergadura, un total de 180 obras por importe de case 87M€ que se atopan en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano. Neste apartado, a maior parte son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais, a través das que se mellora a eficiencia dos centros educativos (illamento térmico das fachadas, cambios de cubertas, cambio de fiestras, renovación de luminarias, etc).

Por outra banda, tamén se asume a construción de centrais de biomasa para dar servizo a varias infraestruturas e afondar nos obxectivos de acadar uns centros educativos máis respectuosos co medio ambiente.

No relativo ás obras de pequena e mediana envergadura realizadas no verán, 259 actuacións por importe de máis de 4,7M€, trátase de reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade, actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores.

Folla de ruta pioneira

Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

Así mesmo, o Goberno galego está a renovar o mobiliario dos centros educativos para adaptalos as novas metodoloxías cun total 42.686 unidades e case 5M€; e cofinanciando xunto aos concellos 33 pistas multideporte por 2M€.