O secretario xeral de Política Lingüística asiste ao acto de entrega do Premio Arume de poesía

Mónica Inés Varela gaña o galardón desta edición coa súa obra ‘Soños de nenos’
Conta cunha dotación de 600 euros á que se lle engade a publicación da obra gañadora
Gallego
 O secretario xeral de Política Lingüística asiste ao acto de entrega do Premio Arume de poesía
O secretario xeral de Política Lingüística asiste ao acto de entrega do Premio Arume de poesía

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este domingo ao acto de entrega do Premio Arume de Poesía que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Celebrada no Centro Cultural de Gres, no Concello de Vila de Cruces, esta oitava edición do certame contou cunha docente como gañadora: Mónica Inés Varela Gestoso, profesora no IES García Barros da Estrada.

‘Soños de nenos’, a obra coa que se alzou como triunfadora, é –en palabras do xurado- ‘un poemario de versificación áxil e luminosas imaxes, todo un mundo de elementos tenros e marabillosos, tecidos por unha persoa que denota un perfecto coñecemento da alma infantil. A súa lectura pode facilitar un primeiro contacto coa lírica e ofrecerlles aos mestres un valioso recurso educativo’.

Como recompensa, a gañadora obtivo un premio que é dobre: 600€ de dotación económica e a publicación de ‘Soños de neno” en Edicións Embora.

O Premio Arume de Poesía convócase cada dous anos, en alternancia co Premio Estornela de Teatro –tamén promovido desde a Fundación Xosé Neira Vilas-. Nos dous casos son traballos dirixidos a nenos/-as, pero escritos por adultos.

Tal e como indican as bases do Premio Arume, este galardón convócase ‘co propósito de estimular a creación poética e de achegarlles ás nenas e aos nenos o fermoso mundo da lírica’.

Desenvolvemento do acto

O evento contou coa presentación de Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, quen foi introducindo os distintos participantes. O primeiro foi Fernando Redondo Neira, profesor na Universidade de Santiago e sobriño do recentemente falecido Xosé Neira Vilas, que ofreceu un perfil do autor. Continuou Juan Andrés Fernández Castro, integrante do padroado da Fundación, quen destacou a importancia deste premio no mundo rural. Acto seguido, fallouse o premio na voz de Rosalía Morlán, tamén integrante do padroado e secretaria do xurado, e fíxose entrega do mesmo a Mónica Inés Varela.

Logo do acto central, foi o momento para o recital poético, no que nenos e nenas da comarca leron poemas incluídos no traballo gañador; e interviron Antonio Crespo Iglesias, director xeral de Medio Rural; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces. Valentín García gabou ‘a calidade literaria da autora no seu poemario e a importancia da creación en galego feita por autoras e autores de relevancia e orientada aos lectores máis novos; así foi como Neira Vilas e Anisia concibiron este certame’. García lembrou tamén ‘a fortaleza da que goza o certame, agora que xa non están eles, grazas á Fundación Xosé Neira Vilas’. Como peche da xornada, actuou o cantautor Manoele de Felisa.

Román Rodríguez visita o IES María Sarmiento de Viveiro, que se ampliará este ano para dar resposta ás necesidades da FP Básica

Gallego
A obra, que conta cun orzamento superior aos 400.000 euros, ten un prazo de execución de catro meses e non interferirá no día a día das clases
O conselleiro de Cultura e Educación destaca o compromiso do seu departamento con esta ensinanza, que favorece a permanencia do alumnado no sistema educativo e fomenta o seu espírito emprendedor
A actuación consiste na construción dun volume anexo ao centro con catro novas aulas, distribuídas en cadansúa planta
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén visitou as obras de ampliación do IES Perdouro de Burela
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén visitou as obras de ampliación do IES Perdouro de Burela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES María Sarmiento de Viveiro, onde este ano se acometerá unha ampliación de instalacións co obxectivo de dar resposta ás necesidades derivadas da implantación de dous ciclos de Formación Profesional Básica. A actuación, cofinanciada con fondos FEDER, contará cun orzamento de 411.000 euros.

Tal e como explicou o conselleiro, os edificios que actualmente compoñen o instituto non son suficientes, posto que estas ensinanzas supoñen a creación de catro grupos máis. Ademais, cómpre ter en conta a evolución da matrícula neste centro nos últimos anos, cuxo incremento é notorio. Deste xeito, no curso 2009/2010 había 681 alumnas e alumnos matriculados, mentres que este ano o número ascende a 745.

“Trátase, por tanto –en palabras de Román Rodríguez– dunha obra necesaria, coa que a Consellería dá resposta ás demandas da comunidade escolar”. Ao mesmo tempo, esta actuación exemplifica o compromiso do departamento educativo galego coa Formación Profesional, en especial coa FP Básica, unha modalidade impulsada ao abeiro da LOMCE que favorece a permanencia no sistema dos mozos e mozas en risco de abandono escolar temperán. Así mesmo, tamén se fomenta o espírito emprendedor deste alumnado, así como a súa inserción no mercado laboral. 

Cómpre ter en conta que, só o ano pasado, a Consellería mobilizou máis de 75.700 euros en novo equipamento para os diferentes ciclos formativos que se imparten neste centro.

Un novo edificio de 400 metros cadrados

As obras de ampliación consistirán na construción dun novo volume, anexo ao centro, que albergará catro aulas de entre 44 e 52 metros cadrados, que quedarán distribuídas en cadansúa planta, onde tamén se localizarán os aseos. En total, a superficie construída ascenderá a 400 metros cadrados.

Cun prazo de execución de catro meses, a Consellería traballa coa previsión de rematar a obra en setembro. En todo caso, o día a día nas clases poderase desenvolver con total normalidade, pois os traballos non interferirán no transcurso da xornada escolar.

Rematada a obra do IES Perdouro

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén visitou as obras de ampliación do IES Perdouro de Burela, que finalizaron recentemente. A actuación, cuxo importe final de adxudicación foi de 353.916 euros, responde así mesmo á demanda de novos espazos a raíz da implantación da FP Básica. En concreto, instalouse un taller da familia profesional de Fabricación Mecánica no lugar onde antes estaban as aulas de electrónica e tecnoloxía, que pasaron a localizarse no novo volume de planta baixa. O semisoto deste novo volume queda agora como un espazo diáfano, que nun futuro podería utilizarse como aulas e almacén, en función das necesidades.

Plan de renovación e mellora

Estes traballos enmárcanse no Plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos executado en 2015 en diferentes centros de toda Galicia e dotado cun investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Grazas a este programa, a Consellería levou a cabo diversas actuacións na provincia de Lugo, no CEIP Laverde Ruíz (en Outeiro de Rei) e no propio IES Perdouro.

A maiores, cómpre lembrar o forte compromiso orzamentario adquirido co CIFP As Mercedes de Lugo –cuxas obras achéganse aos 6 millóns de euros– co obxectivo de transformalo nun centro de referencia en Galicia no ámbito da Formación Profesional.  

Colectivo: 

Resolución da convocatoria do 4 de maio de 2015 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo

Gallego

Xúntase a Orde do 31 de decembro de 2015 pola que se fai pública a resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo, convocadas pola Orde do 4 de maio de 2015.

Tema: 
Colectivo: 

Apertura do prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas nas especialidades de acordeón, clave, frauta travesa e linguaxe musical

Gallego

Xúntase o Anuncio do 18 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a apertura do prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas nas especialidades de Acordeón (594401), Clave (594405), Frauta Travesa (594410) e Linguaxe Musical (594460).

  • O prazo para presentar a instancia de solicitude, así como a documentación xustificativa dos requisitos mínimos exixidos e dos méritos alegados para a súa baremación, será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia
Servizo relacionado: 
Colectivo: 
Sección: 

Mañá remata o prazo para a presentación de traballos para o concurso-exposición Letras Galegas 2016

Gallego
Poden participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
As dúas mostras gañadoras recibirán un premio de 2.000 euros cada unha e percorrerán máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior

Este venres remata o prazo de presentación dos traballos para o concurso-exposición das Letras Galegas 2016, que se dedica a Manuel María, e que está dotado con dous premios de 2.000 euros cada un. Tal e como se recolle nas bases, poderán participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en dúas categorías: unha, para os centros de educación infantil e primaria; e outra, para os centros de educación secundaria e bacharelato, de formación profesional e de ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas. Aqueles nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías anteriormente citadas.

Os grupos de traballo que elaboren a exposición gañadora en cada unha das dúas categorías recibirán como premio 2.000 euros; ademais, as súas mostras será impresas e distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais, casas da cultura, etc.

Temática dos traballos

O eixe temático da exposición será a obra, a época e a lingua de Manuel María e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que este autor viviu, observada desde unha perspectiva multidisciplinar, e onde o percorrido biográfico sexa a principal liña argumental para abordar a realidade complexa e heteroxénea á que se referencia a súa obra.

A exposición contará de 10 carteis de 70 x 50 cms, e para cada un deles elaborarase unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Estas actividades xuntaranse á exposición en forma de guía ou cuestionario e a súa extensión non superará as 20 páxinas.

Criterios de valoración

O xurado terá en conta a ampliación da perspectiva de coñecemento do autor homenaxeado; a inclusión de actividades dirixidas a distintos ámbitos de coñecemento, ademais das correspondentes aos seminarios que teñen relación co fomento da lingua galega e a obra do autor; o nivel de implicación e incidencia na comunidade educativa; o carácter motivador e a orixinalidade da proposta; e a orde, claridade, coherencia e corrección gramatical na presentación.

Este xurado estará composto pola persoa titular da Subdirección Xeral de Política Lingüística, a súa homóloga da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, e un asesor técnico encargado dos contidos educativos. A convocatoria completa pódese consultar en http://ir.gl/873f2d

A Xunta de Galicia tomará en consideración as recomendacións do Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias

Gallego
As suxestións do Consello de Ministros foron redactadas a partir dun informe do comité de expertos encargado do seguimento deste tratado internacional ratificado por España a prol do uso das linguas cooficiais e da política lingüística no Estado español
O galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, cun dos máis altos graos de coñecemento e de uso entre todas as linguas minoritarias de Europa
Este, que abrangue os anos 2010-2013, é o cuarto período sobre o que se emiten recomendacións do organismo europeo

A Xunta de Galicia tivo coñecemento hoxe, para a súa toma en consideración, das recomendacións aprobadas polo Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) no relativo á promoción do uso da lingua galega. Fíxoo despois de que este texto fose publicado na páxina http://ir.gl/260bbb, ao igual que as Recomendacións do Consello de Ministros nas que se marcan as directrices para que o Estado avance no proceso de normalización das linguas cooficiais. Neste sentido, a Xunta lembra que o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, cun dos máis altos graos de coñecemento entre todas as linguas minoritarias de Europa.

O informe está elaborado a partir da análise feita polos membros do comité de expertos da CELRM, desprazados por primeira vez á nosa comunidade autónoma en 2014 con motivo da elaboración do 4º informe de seguimento, que abrangue o período 2010-2013. O documento do comité de expertos da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias, aprobado polo comité de ministros desa organización de 47 Estados membros, enxalza en primeiro lugar que a situación tras o último, efectuado en 2012, "mellorou considerablemente". Constata o “moi elevado nivel de protección" que teñen as linguas rexionais e minoritarias en España, e tamén sinala certas carencias no uso das cooficiais na Xustiza ou a asistencia sanitaria. Entre os aspectos positivos que destaca en Galicia, atópase o incremento do número de medios de comunicación audiovisual privados que emiten parte da súa programación na lingua propia da Comunidade.

A partir deste informe, o Comité de Expertos fai 6 recomendacións, entre as que cómpre resaltar a de animar as autoridades a “continuar asegurando que a oferta de educación trilingüe non afecta negativamente á protección e promoción das linguas minoritarias”.

Medidas en marcha

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, manifestou a súa vontade de seguir as recomendacións do Consello de Europa e indicou que, nalgúns puntos, xa están en marcha medidas de mellora de recente aplicación. Así, por exemplo, para o ámbito da Xustiza, a partir do 1 de xaneiro .implantouse o sistema de presentacións, notificacións e comunicacións electrónicas entre os xulgados e os profesionais que facilita o emprego da lingua galega en igualdade de condicións ca o castelán. Tamén recentemente se presentou no Parlamento de Galicia un Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico.

Alto grao de coñecemento

Polo demais, cómpre lembrar, con respecto á situación actual do galego, e tal e como demostran os datos publicados en decembro de 2014 polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que se produciu un incremento no número de persoas que di ter un grao alto de coñecemento oral e escrito do galego e case a totalidade da poboación afirma entender esta lingua.

Así, o 98% da poboación declara entender moito ou bastante o galego e o 97,16% afirma saber falalo. O 83% afirma saber escribilo e o 97% sabe lelo. En canto ao uso, o galego continúa sendo a lingua maioritaria de Galicia, o que a sitúa nunha posición de clara vantaxe con respecto ás outras linguas europeas avaliadas polo comité de expertos da CELRM.

Protocolo de colaboración con Cataluña e Euskadi

A Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e mais o Goberno Vasco-Eusko Jaurlaritza manteñen unha estreita colaboración en materia de política lingüística no ámbito europeo, amais de participar conxuntamente en proxectos comúns que inciden na promoción do uso do galego, o catalán e o éuscaro, como son a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD) ou o Protocolo de colaboración asinado en 2007 co fin de deseñar e promover iniciativas comúns na aplicación da CELRM.

Carnés e habilitacións profesionais. Cualificacións definitivas. Convocatoria extraordinaria 2015

Gallego

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións da convocatoria extraordinaria 2015 de carnés e habilitacións profesionais.

Colectivo: 

Cultura e Educación impulsa a creación dun grupo de traballo coas universidades para afondar na formación dos futuros docentes

Gallego
O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira
O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira
O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu hoxe o debate coas universidades galegas arredor da formación dos futuros docentes. Neste sentido, o departamento dirixido por Román Rodríguez decidiu convocar para hoxe a representantes das facultades de ciencias da educación e vicerreitores das tres universidades, liderando o proceso para a creación dun grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira.

A iniciativa da Consellería xorde da necesidade de que os sistemas de formación inicial, o de acceso a profesión docente e o de formación permanente do profesorado compartan bases centradas nunha mesma visión sobre que competencias son precisas para a profesión docente. O obxectivo é favorecer a incorporación e permanencia dos mellores profesionais ao sistema educativo, como a mellor ferramenta para o avance da calidade e a equidade no sistema educativo. O encontro transcorreu nun ambiente de espírito de cooperación, en definitiva, co fin común de acadar unha mellora progresiva da función docente como o piar fundamental da calidade do ensino.

A partires da reunión de hoxe constituirase un grupo e un calendario de traballo, no que é unha iniciativa pioneira para tratar as necesidades de formación do profesorado desde a Administración educativa e desde as facultades de forma colaborativa.

Traballar ante novos retos

Durante a xuntanza de hoxe o conselleiro transmitiulles aos representantes das facultades a necesidade de acordos entre as administracións educativas e as universidades neste ámbito. Deste xeito, e tras a primeira toma de contacto de hoxe, emprazounos a constituír un grupo de traballo que se reúna con frecuencia para determinar que medidas se poden tomar para mellorar a formación do profesorado fronte aos novos retos aos que se enfrontan: TIC, plurilingüismo, convivencia, atención á diversidade, etc.

O traballo parte dunha perspectiva integral, co obxectivo de identificar a función do docente nos distintos contextos nos que actúa e nos distintos roles que adopta: como educador/a e guía no proceso e aprendizaxe do alumnado, como especialista na súa materia, como investigador/a e innovador/a, como comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras, como competente TIC, como interlocutor/a referente e como membro dunha organización. A partires de aí, deseñarase unha descrición estruturada de todas as cualidades, habilidades, aptitudes, destrezas e capacidades que son precisas para unha excelente práctica docente.

O obxectivo é identificar as competencias necesarias para garantir que un profesional docente teña a capacidade necesaria para acceder a dita profesión, para desenvolvela en plenitude para seguir avanzando na súa mellora dun xeito continuado

Ademais do conselleiro, participaron na reunión de hoxe o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; vicerreitores das tres universidades e representantes das facultades de ciencias da educación de Santiago, Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra.

Tema: 
Ensinanza: 

A Consellería de Cultura e Educación actualiza a orde de licenzas e permisos do profesorado

A Administración informou aos sindicatos na mesa sectorial da súa decisión de manter a xustificación das ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a 3 días, sempre que se achegue a pertinente xustificación documental
Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirmou hoxe a súa decisión de manter como xustificadas as ausencias por indisposicións ou enfermidades leves non superiores a tres días, sempre e cando se achegue a pertinente xustificación documental. Fíxoo na mesa sectorial do ensino non universitario, onde se tratou a orde para actualizar a regulación dos permisos, licenzas e vacacións do persoal docente, co fin de adaptala ao establecido na  Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Neste sentido, e respecto da Orde do ano 2008, amplíanse algúns dos permisos, como é o caso do concedido por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, que pasa de 16 a 18 semanas; ao igual que o permiso por parto, que se amplía tamén de 16 a 18 semanas. Ademais modifícase o concepto de "permiso por paternidade" polo de "permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo", máis acaído á realidade social actual.

Por outra banda, e dentro do permiso para o cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e mais de asistencia a consultas e revisións médicas inclúense novas situacións de relevancia. Entre elas figuran o acompañamento ás revisións médicas, aos tratamentos de quimioterapia e radioterapia, así como ás intervencións médicas invasivas (biopsias, colonoscopias, gastroscopias e outras de características similares), das fillas e fillos discapacitados, das fillas e dos fillos menores de idade e das persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario; a asistencia do pai, nai, titor ou titora ás titorías convocadas polo centro escolar ao que asisten os seus fillos ou menores ao seu cargo; ou o tempo necesario para facer doazóns de sangue, plaquetas ou de médula.

Xa no apartado das licenzas, créase unha específica para a participación en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria - ata 6 meses-, así como para supostos de hospitalización prolongada - ata 1 mes-.

Coa sesión de hoxe péchase a mesa sectorial que comezou o pasado día 12 tratando a convocatoria de oposicións e mais o concurso de traslados.

Colectivo: 

Cultura e Educación compromete melloras inmediatas no CEIP de Rubiáns, A Lomba e Vilaxoán de Vilagarcía para garantir o benestar do alumnado

Gallego
Román Rodríguez visitou as obras de ampliación do IES Armando Cotarelo Valledor, onde anunciou que o seu departamento asinará un convenio de colaboración co Concello para reformar o ximnasio de Rubiáns
O conselleiro tamén avanzou un cambio de cuberta en A Lomba, que deberá asumir a empresa construtora ao tratarse dun problema de impermeabilización
A Consellería leva investidos máis de dous millóns de euros en infraestruturas educativas neste Concello desde o ano 2009
O conselleiro Román Rodríguez nunha visita esta mañá ao IES Armando Cotarelo Valledor
O conselleiro Román Rodríguez nunha visita esta mañá ao IES Armando Cotarelo Valledor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometerá varias reformas de xeito inmediato en tres centros de Vilagarcía de Arousa (o CEIP de Rubiáns, o CEIP A Lomba e o CEIP de Vilaxoán) co fin de mellorar o día a día nas clases, garantindo o benestar do alumnado e de toda a comunidade escolar dos diferentes centros. Así o anunciou o conselleiro Román Rodríguez con motivo dunha visita esta mañá ao IES Armando Cotarelo Valledor, onde o seu departamento vén de rematar unha obra de ampliación para dotar de máis espazo aos ciclos de Formación Profesional.

En concreto, os traballos, aos que se destinaron 485.799 euros, consistiron na construción dun novo módulo que alberga 4 aulas-taller na planta baixa. No primeiro piso sitúase un novo salón de actos e zonas destinadas a despachos de dirección e secretaría. Deste xeito, os espazos do edificio xa existente quedan agora reformulados, posto que o antigo salón de actos transfórmase en dúas novas aulas, mentres que a vivenda do conserxe pasa a ser un viveiro de empresas composto por dous despachos, aseo e aula polivalente.

Compromiso coa FP Básica

Cunha superficie nova de 864,55 metros cadrados, esta obra supón un novo impulso ao compromiso adquiro pola Xunta con respecto á Formación Profesional, en especial ás novas modalidades desenvoltas ao abeiro da Lomce, como a FP Básica –que loita contra o abandono escolar temperán– e a FP Dual, que potencia a empregabilidade dos máis novos en escenarios de traballo reais.

CEIP de Rubiáns

Por outro lado, o conselleiro tamén visitou o CEIP de Rubiáns para avanzarlle á dirección do centro o compromiso do seu departamento coa reforma integral do ximnasio. Para acometer estes traballos co fin de que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas actividades físicas con todas as garantías, a Consellería solicitou a cooperación do Concello, que quedará plasmada nun próximo convenio de colaboración.

Ao abeiro deste convenio, no que quedarán fixados os prazos de execución, o departamento educativo da Xunta de Galicia asumirá o 50% do custe da obra, mentres que o outro 50% o sufragará o Concello. En total, o investimento estimado deste novo ximnasio ascenderá a 235.000 euros. En canto á posibilidade de dotar ao novo espazo de vestiarios, no informe da Unidade Técnica lémbraselle ao Concello que sería importante coñecer as redes de saneamento en uso.

CEIP A Lomba

Ademais, o titular do departamento autonómico de Educación anunciou un cambio de cuberta no CEIP A Lomba –rematado no 2008–, que deberá asumir a empresa construtora ao tratarse dun problema de impermeabilización da mesma, constatado no propio informe da Unidade Técnica. Por tanto, avanzou que, de xeito inmediato, a Consellería esixiralle á empresa unha reforma que garanta o conforto da comunidade escolar.

CEIP de Vilaxoán

Así mesmo, a Consellería tamén se compromete a reformar os falsos teitos e fiestras da aula de infantil do CEIP de Vilaxoán, aos que destinará un investimento de arredor de 30.000 euros. Estes traballos –xunto cos de Rubiáns e A Lomba– deberán levarse a cabo durante o período estival co obxecto de non interferir coas clases e asumiranse con cargo ao RAM deste ano (fondo de reforma, ampliación e mellora).

Cómpre salientar que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos máis de dous millóns de euros en obras educativas en Vilagarcía de Arousa desde o ano 2009.

Colectivo: