Galicia é a comunidade autónoma que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos 20 anos

Román Rodríguez felicita á comunidade educativa por este “éxito de país”, segundo constata un informe que vén de publicar o Ministerio de Educación

O documento cifra en 28 puntos a redución da porcentaxe de poboación con estudos ata a segunda etapa de ESO, que pasa do 63,2% no ano 2002 ao 35,3% en 2022

O conselleiro de Educación fixo esta valoración nunha visita ao CIFP As Mercedes, de Lugo, para coñecer un monopraza de Fórmula 3 preparado polo alumnado

Gallego
Alumnado posando cun coche de formula 1

Galicia é a comunidade autónoma que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos 20 anos, segundo constata un informe que vén de publicar o Ministerio de Educación, no que se sinala a porcentaxe de poboación con estudos ata a segunda etapa de ESO reduciuse en case 28 puntos en dúas décadas.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asegura que estes datos son froito dun traballo cooperativo e continuo de todos os membros da comunidade educativa, aos que felicitou por este “éxito de país”, tal e como expresou esta mañá nunha visita ao Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias.

 

Román Rodríguez destaca que Galicia non só é a comunidade que logrou reducir máis a porcentaxe de poboación con menos estudos, “senón que, ademais, logra invertir a tendencia con respecto ao conxunto de España”. Así pois, en 2022 a porcentaxe de persoas con menos estudos reduciuse ata o 35,3% da poboación fronte ao 63,2% nesta situación que había en 2002. Isto fai que hoxe Galicia estea tamén mellor situada con respecto á medida estatal (que está no 35,8%) mentres que en 2002 estaba moi por enriba da media estatal do 57,8%.

 

Ciclo de alta especialización

Así mesmo aproveitou para lembrar o forte impulso que está a vivir a Formación Profesional, “unhas ensinanzas cada vez máis demandadas, tecnificadas, prestixiadas, e que son sinónimo de emprego e de futuro tal como avalan os datos de inserción laboral que se coñeceron onte mesmo no informe anual”, lembrou.

 

A este respecto puxo como exemplo o Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo, onde puido coñecer de primeira o traballo realizado polos alumnos do ciclo dual de alta especialización en vehículos de competición, que veñen de preparar un monopraza Fórmula 3 co obxectivo de poñelo a proba nunha exhibición do Campionato Galego de Montaña en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.

 

Román Rodríguez felicitou aos estudantes deste novidoso ciclo, que se imparte por primeira vez neste centro, coa colaboración de nove empresas especializadas do ámbito da competición automobilística, e animounos a seguir aplicándose na adquisición de coñecementos e na alta cualificación de cara ao seu futuro.

 

O titular de Educación atendeu a explicación dos estudantes no proceso de preparación deste vehículo, un modelo Dallara F3 no que tiveron oportunidade de aplicar os seus coñecementos didácticos nun proceso de desmontaxe do mesmo, posta a punto, adaptación mecánica e tecnolóxica de sistemas, reparación de motor, sistemas de frada e pintado e vinilado de carrozaría. Así pois, os alumnos desenvolveron un proxecto completo partindo dun vehículo baleiro ata convertelo nun coche de competición que será probado en dúas probas de montaña.

 

Román Rodríguez celebra que a inserción laboral da FP galega volve medrar dando oportunidades á mocidade en xeral e ás mulleres en particular

A FP en xeral acada un máximo histórico de inserción do 85,4% mentres que no caso da modalidade dual sube ata o 97% de titulados empregados

O titular de Educación destaca a empregabilidade nos maiores de 30 anos, cunha suba de máis de dous puntos no curso 2019-20 con respecto ao anterior 2018-19

Todas as familias profesionais superan o 75% de inserción e 19 ciclos formativos que se ofertan na nosa Comunidade acadan o pleno emprego

Gallego
Román e Eugenia falando cos alumnos de FP nun taller de Artes gráficas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebra que a inserción laboral dos titulados de FP en Galicia volva medrar este ano “dando así oportunidades de futuro e de calidade á mocidade en xeral e ás mulleres en particular”. Así o sinalou esta mañá durante a presentación dos resultados do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, elaborado con entrevistas realizadas en 2023.

 

No acto, que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Compostela, en Santiago, o titular de Educación do Goberno galego subliñou a “consolidación á alza” desta dinámica que se vén rexistrando nos últimos anos “ata acadar máximos históricos”, o que blinda estas ensinanzas que hoxe estudan en Galicia case 65.000 alumnos “como unha garantía para os nosos mozos e mozas que lles abre as portas a un futuro profesional e persoal de calidade”. “E todo isto -especificou- nun contexto condicionado pola pandemia, xa que os datos correspóndense aos titulados no 2019-20, o curso da covid-19”.

 

Segundo os datos estatísticos que forman parte deste informe periódico, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97% (un 0,2% por riba do período anterior).

 

Retención do talento

Atendendo á análise de datos por estratos demográficos, Román Rodríguez valorou especialmente a mellora da inserción laboral no caso das mulleres e dos titulados de 30 ou máis anos de idade. Así, o maior crecemento de inserción laboral rexístrase no grupo de maiores de 30 anos, que medra case tres puntos ata o 87,7% fronte ao 85,6% do último estudo. Tamén no caso do emprego feminino, onde a porcentaxe de tituladas empregadas rexistra unha suba do 1,9% ao pasar do 82,2% ao 84,1% no curso 2019-20.

 

Outro dos aspectos máis relevantes é “a constatación de permanencia do talento en Galicia, co 93,7% dos titulados traballando no noso territorio”, sinalou o conselleiro, quen resaltou a importancia da FP “para fixar poboación”. Neste senso, cómpre lembrar a posta en marcha do Plan Conecta FP, cun proceso de escoita a todos os sectores do tecido produtivo galego para deseñar unha nova oferta formativa axeitada ás necesidades e ás demandas socioeconómicas e a un contexto profesional real.

 

Atendendo á análise por ámbitos formativos, as 23 familias profesionais que se ofertan en Galicia superan o 75% de inserción. No grupo de cabeza sitúanse as familias Seguridade e medio ambiente (acada o 100%), instalación e mantemento (97,3%), Actividades físicas e deportivas (93,6), Fabricación mecánica (91%), e Transporte e mantemento de vehículos (90,9%). Por ciclos formativos, dentro de cada unha das familias, 43 acadan unha inserción superior ao 90%, e deles, 19, acadan o 100%.

 

Emprendemento e satisfacción

Destaca tamén o incremento do número de titulados emprendedores (que pasan do 3,4% do anterior estudo ao 4,9% actual, e que se concentran, sobre todo, nas familias profesionais Agraria, Artes Gráficas e Imaxe persoal. Nos tres casos superan o 20% as persoas tituladas que a curto ou medio prazo desenvolven o autoemprego de forma activa ou pretenden traballar pola súa conta. O estudo reflicte, así mesmo, un aumento no nivel de satisfacción coa formación recibida, do 86,7% fronte ao 85% anterior.

 

O conselleiro de Educación aproveitou o acto para felicitar a todos os integrantes do sistema educativo por estes resultados tan favorables, que son “froito dun esforzo compartido entre alumnos e profesores”, e tamén subliñou a importancia da participación das empresas, ás que animou a que se sigan sumando a este “reto de pais” co que a día de hoxe están colaborando de forma activa máis de 800 firmas.

 

Máis de 49.000 alumnos de ESO e Bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais co novo sistema da Xunta de Galicia

Haberá dúas vías de acreditación: unha automática ao rematar unha etapa educativa ou a realización dunha proba específica que se ofertará en abril

A certificación por titulación comezará a emitirse cos niveis de iniciación e intermedio

O obxectivo é que o alumnado perfeccione as súas destrezas dixitais a partir dos contidos obtidos no sistema educativo e mellorar a súa inserción laboral

Esta medida enmárcase na Estratexia Educación Dixital 2030 e súmase ao sistema habilitado para os docentes, coas primeiras 20.500 acreditacións xa expedidas

Galicia é a primeira comunidade autónoma do Estado en implantar un sistema propio neste eido

Gallego
Posto informático con micrófono e altofalante

Máis de 49.000 alumnos de ESO e bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais a través do novo sistema habilitado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para este fin, asunto que analizou hoxe o Consello da Xunta de Galicia ante a próxima publicación da orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que regulará este proceso na nosa comunidade.

 

Galicia permitirá así, por primeira vez no Estado, que os seus alumnos accedan a estes certificados, denominados ComDix, desde o sistema educativo, posibilidade que xa teñen tamén os docentes ao abeiro do mecanismo habilitado pola Xunta para os profesionais do ensino e polo que foron xa expedidas un total de 20.500 acreditacións.

 

A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas na Estratexia Educación Dixital 2030, enfocadas a acadar a cidadanía dixital plena. Todos os certificados emitidos axustaranse ao Marco galego de competencias dixitais para os cidadáns e terán, polo tanto, a súa mesma validez. De feito, somos a primeira comunidade en implantar este sistema propio de acreditación de competencias dixitais no eido educativo, con dous ámbitos específicos dirixidos ao profesorado, por unha banda, e ao alumnado, por outra.

 

A certificación por titulación comezará a emitirse no presente curso académico 2023/24 para o alumnado que se titule nalgunha das ensinanzas sinaladas. Tamén durante este curso académico se ofertarán probas de certificación en diferentes niveis. A través da dita orde recollerase tamén o recoñecemento da competencia dixital do alumnado que teña cursado a ESO cun mínimo de tres cursos académicos empregando o programa E-Dixgal durante a devandita etapa. Estímase que así resultarían máis de 11.000 alumnos beneficiarios, totalizando a cifra de máis de 49.000 alumnos e alumnas titulados.

 

Niveis obtidos en cada etapa

A acreditación da competencia dixital do alumnado destas ensinanzas poderase obter a través de dúas vías. Por unha banda, a automática, por obter a titulación nalgunha das ensinanzas ou etapas. Por exemplo, a titulación de graduado en educación secundaria suporá a obtención dun certificado ComDix Iniciación e a titulación en bacharelato suporá o certificado ComDix Intermedio parcial.

 

Para determinar o nivel dos certificados por etapas, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), levouse a cabo un estudo exhaustivo dos currículos educativos co fin de determinar o nivel de competencia dixital acadada polo alumnado galego ao longo das diferentes etapas educativas co marco galego como referencia. Por outra banda, o alumnado que o desexe poderá, mediante a superación dunha proba específica, que se ofertará en abril, acadar un nivel superior ou completar o nivel acadado, como no caso do certificado Intermedio obtido pola superación do bacharelato.

 

Mellora da cualificación

Esta iniciativa ten un dobre obxectivo. En primeiro lugar, supón unha motivación para o alumnado á hora de perfeccionar as súas competencias dixitais, poñendo en valor as aprendizaxes recibidas no ámbito educativo respecto desta materia.

 

En segundo lugar, esta certificación favorecerá a inserción do alumnado que se titule e decida incorporarse ao mercado laboral rematados os seus estudos. Este sistema facilitaralles ás empresas ou ás administracións os procesos selectivos ou de promoción interna, como así ten ocorrido con outras, por exemplo, a certificación de competencia lingüística.

 

Uso responsable das tecnoloxías

A competencia dixital en Galicia, ademais do establecido nos currículos educativos, vese impulsada por numerosas iniciativas que desde a Consellería de Educación se trasladan aos centros coa finalidade última de promover o seu desenvolvemento efectivo.

 

O obxectivo é formar e capacitar o alumnado no uso responsable das tecnoloxías da relación, a información e a comunicación co fin de evitar prácticas de risco, así como para formar persoas con competencias para iniciar e manter relacións sas en contornas dixitais (ciberconvivencia) e para exercer de forma responsable e crítica a cidadanía dixital.

 

O consello da Xunta de Galicia aproba o nomeamento de Ricardo Cao como reitor da Universidade da Coruña

Foi elixido pola comunidade universitaria nas eleccións do pasado 4 de decembro

Gallego
Ricardo José Cao Abad

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se nomea reitor da Universidade da Coruña (UDC) o profesor doutor Ricardo José Cao Abad. Este nomeamento prodúcese despois de que fose elixido nas eleccións ao Reitorado o pasado 4 de decembro. Ricardo Cao sucede no cargo a Julio Ernesto Abalde, que era reitor desde 2016.

 

Nado na cidade herculina en 1965, é doutor en matemáticas e profesor da Universidade da Coruña desde 1991; e desde 1999, catedrático de estatística e investigación operativa nesta institución. As súas liñas de investigación abranguen a estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (big data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica e neurociencia e en malherboloxía.

 

É autor de varios libros docentes e máis de 130 publicacións científicas, pertence ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). En 2023 recibiu tanto o Premio Nacional de Estatística como a Medalla da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) pola súa contribución ao avance e á proxección da estatística e da investigación operativa no ámbito nacional e internacional.

 

A Xunta destaca a aposta do Colexio CEIP Illas Cíes de Vigo pola súa “Biblioteca dos mil mundos”

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita este espazo, no que os alumnos traballan tanto coa lectura como coa radio, impresoras 3D ou recursos audiovisuais.

O centro participa en numerosos programas de dinamismo como o Plan de Mellora, Biblioteca Creativa, Clubs de Lectura ou Radio na Biblio

Gallego
A Directora Xeral co alumnado do CEIP Illas Cíes

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Illas Cíes (Vigo), ao que felicitou pola súa aposta pola que denominan a Biblioteca dos Mil Mundos. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tivo a oportunidade de coñecer a fondo este espazo, no que o colexio vén de acometer varios cambios para a mellora dos fondos e a ampliación das súas posibilidades.

Ademais de proceder á expurgación da colección, realizáronse adquisicións de novos fondos e recursos, tanto para o alumnado como para o profesorado e familias e ampliaron o espazo da biblioteca incorporando unha aula anexa.

Ademais, acometeuse unha nova distribución, cun espazo para a lectura por lecer, outro para a consulta e lectura de libros, outro para a consulta na internet e un lugar para xestión e presentacións. Así mesmo, a biblioteca conta cun laboratorio de radio, un recuncho audiovisual (con equipo de croma) e un espazo creativo, dotado de impresora 3D, xogos de construción e máquina de coser, entre outros recursos. Para poñer en valor este traballo e dar visibilidade á biblioteca, o colexio realizou un mural na entrada da mesma e renovou a sinalética interior.

A directora xeral destacou a implicación de todo o centro coa biblioteca, que participa desde hai anos no Plan de Mellora da Xunta, así como en numerosos programas de dinamismo deste espazos como Biblioteca Creativa, Clubs de Lectura, Radio na Biblio, Lectura e familias ou en programas de voluntariado cultural nas bibliotecas.

Rueda destaca aos estudantes galegos como os mellores embaixadores da comunidade no estranxeiro

Eloxia o labor do centro IES Illa San Simón e o do seus estudantes premiados nacional e internacionalmente

Salienta os bos resultados en educación que o último informe PISA outorga a Galicia

Valora os datos aprobados na Oferta de Emprego Público de este ano

Gallego
Rueda de visita no IES Illa San Simón

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe aos estudantes galegos como os mellores embaixadores que pode ter a comunidade no estranxeiro.

 

Así o salientou na visita ao IES Illa San Simón, en Redondela. Tres alumnos do centro obtiveron a medalla de bronce na Olimpíada Internacional Xuvenil de Ciencias, celebrada en decembro en Bangkok (Tailandia). Trátase dunha competición global sobre as materias de matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física e química, na que participaron estudantes de 54 países dos cinco continentes. Antes, saíran gañadores da fase nacional.

 

Os alumnos galardoados son Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago, acompañados pola súa profesora de bioloxía, Tania Martínez. Eran os integrantes do equipo coñecido como Os Raios. O presidente da Xunta dirixiuse aos estudantes para felicitarlles polo gran éxito logrado, destacándolles como exemplo de que todo se pode alcanzar con tesón e compromiso.

 

Na súa intervención, Alfonso Rueda salientou os moi bos resultados alcanzados no último Informe PISA. Segundo os datos que se reflicten, os estudantes galegos son líderes en ciencias e en equidade a nivel nacional.

 

Ademais, o titular do Goberno galego valorou os datos aprobados na Oferta de Emprego Público deste ano, segundo os cales a comunidade sumará este ano 1743 prazas. Para Alfonso Rueda, isto evidencia que Galicia ten a sorte de que moita xente queira ser docente, e así asegura o presente e o futuro do sistema educativo.

 

A Xunta envía aos sindicatos da Mesa Sectorial a proposta de distribución por especialidades das 1.743 prazas de oposicións do ensino público neste ano

O 86% das prazas que se ofertarán nas probas son de novo ingreso.

Un total de 520 son de mestres, 875 de profesores de ensino secundario, 84 de especialistas en sectores singulares da FP e 33 de docentes de escolas de idiomas.

As 231 restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11).

Gallego
brazos descansando sobre un pupitre

A Xunta de Galicia enviou esta mañá ás organizacións sindicais da Mesa Sectorial a proposta de distribución por especialidades das 1.743 prazas de oposicións para o ensino público neste ano 2024. Esta proposta analizarase o vindeiro martes 16 na reunión deste órgano, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades levará tanto o decreto de oferta pública de emprego como a convocatoria das probas que se celebrarán, como é habitual, a final de curso.

 

Das 1.743 prazas, un total de 1.512, o 86%, son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

 

A distribución por especialidades é a reflectida nas seguintes táboas:

 

Corpo de mestres

520 prazas, oito especialidades

Especialidades

Prazas

Educación Infantil

50

Lingua Estranxeira: Inglés

65

Lingua Estranxeira: Francés

50

Educación Física

40

Música

20

Pedagoxía Terapéutica

110

Audición e Linguaxe

80

Educación Primaria

105

 

Corpo de profesores de ensino secundario

875 prazas, 34 especialidades

Especialidades

Prazas

Filosofía

24

Latín

10

Lingua Castelá e Literatura

36

Xeografía e Historia

29

Matemáticas

24

Física e Química

20

Bioloxía e Xeoloxía

10

Debuxo

15

Francés

10

Inglés

80

Música

10

Educación Física

46

Orientación Educativa

21

Tecnoloxía

60

Lingua Galega e Literatura

80

Economía

22

Administración de Empresas

15

Formación e Orientación Laboral

20

Informática

50

Intervención sociocomunitaria

22

Organización e Xestión Comercial

17

Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos

19

Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica

20

Procesos de produción agraria

11

Sistemas Electrotécnicos e Automáticos

16

Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos

10

Instalacións electrotécnicas

18

Operacións e equipamentos de produción agraria

10

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico

13

Procedementos sanitarios e asistenciais

18

Procesos comerciais

11

Procesos de xestión administrativa

25

Sistemas e aplicacións informáticas

65

Equipos electrónicos

18

 

Corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP

84 prazas en cinco especialidades

Especialidades

Prazas

Cociña e pastelería

10

Fabricación e instalación de carpintería e moble

11

Mantemento de vehículos

25

Mecanizado e mantemento de máquinas

28

Soldadura

10

 

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas

33 prazas en tres especialidades

Especialidades

Prazas

Francés

11

Galego

7

Inglés

15

 

Acceso ao corpo de Inspectores de Educación

Especialidade

Prazas

Inspección Educativa

11

 

Acceso do Subgrupo A2 ao Subgrupo A1 ao corpo de profesores de ensino secundario

Especialidades

Prazas

Filosofía

6

Latín

2

Lingua Castelá e Literatura

9

Xeografía e Historia

7

Matemáticas

6

Física e Química

5

Bioloxía e Xeoloxía

2

Debuxo

4

Francés

2

Inglés

20

Música

2

Educación Física

12

Orientación Educativa

5

Tecnoloxía

15

Lingua Galega e Literatura

20

Economía

6

Administración de Empresas

4

Formación e Orientación Laboral

5

Informática

13

Intervención sociocomunitaria

6

Organización e Xestión Comercial

5

Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos

5

Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica

5

Procesos de produción agraria

3

Sistemas Electrotécnicos e Automáticos

4

Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos

2

Instalacións electrotécnicas

5

Operacións e equipamentos de produción agraria

2

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico

3

Procedementos sanitarios e asistenciais

5

Procesos comerciais

3

Procesos de xestión administrativa

6

Sistemas e aplicacións informáticas

16

Equipos electrónicos

5

 

Xunta e sindicatos supervisan a posta en marcha das primeiras medidas do acordo de mellora estrutural do sistema educativo

Este mes entran en vigor as cláusulas referidas aos incrementos retributivos de complementos por formación, por desempeño de funcións directivas e de titoría.

Analizan as instrucións de admisión do curso que vén, que incorporan xa as novas rateos acordadas coas organizacións sindicais.

Na reunión tamén se informou da constitución de grupos por etapas educativas para a simplificación administrativa, conforme ao pactado sobre a redución da burocracia.

Gallego
Bertolo reunido cos dos sindicatos

O director xeral de Centros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jesús Álvarez, reuniuse hoxe con representantes das organizacións sindicais CCOO, Anpe e UGT-SP Ensino na primeira xuntanza da Comisión de Seguimento do Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia.

 

No encontro supervisouse a posta en marcha das primeiras medidas deste pacto, entre elas as referidas ás melloras das condicións salariais, ás novas rateos ou á simplificación da carga administrativa nos centros escolares.

 

Este mesmo mes entran en vigor as cláusulas do acordo referidas á consolidación da carreira profesional docente primando a adquisición de competencias e a especialización a través da mellora dos complementos específicos por formación permanente do profesorado, por funcións directivas e de titoría, que xa se van aplicar nas nóminas de xaneiro.

 

Aplicación das novas rateos

Ademais, na xuntanza analizáronse as instrucións para o proceso de admisión do curso 2024/25, que incorporan xa as novas rateos, e que hoxe mesmo se remiten aos centros. Así, especifícase que á hora de configurar a oferta de prazas, en 4º de Educación Infantil, a rateo máxima é de 20 postos por unidade, fronte aos 25 actuais.

 

Nos demais cursos (5º e 6º de Infantil e de 1º a 6º de Primaria), o próximo curso non se vai incrementar o número de alumnos que teñen na actualidade, xa que non se van ofertar prazas vacantes para completar ata os 25 que marca a rateo vixente. Por exemplo, se nunha aula hai hoxe 21 alumnos, o próximo curso seguirá tendo, como máximo, eses 21 alumnos, e non se cubrirán vacantes ata completar os 25 como se viña facendo ata o de agora. O mesmo ocorrerá para os casos de 22, 23 e 24 alumnos matriculados.

 

Tamén se indica que, para computar o número de postos escolares, contarase como dous postos escolares cada alumno con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% e inferior ao 65% ou cun grao I de dependencia ou cun trastorno grave de conduta e como tres os dos escolares cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou co nivel II ou III de dependencia.

 

En canto ao calendario, o prazo de presentación abranguerá do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro para as solicitudes de reserva de praza (para alumnado procedente de centros adscritos) e do 1 ao 20 de marzo para as solicitudes ordinarias de admisión (alumnos que entran por primeira vez no sistema educativo ou que desexa cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles).

 

Grupos de traballo para simplificación administrativa

No que atinxe a outra das demandas das organizacións sindicais como é a simplificación administrativa e a redución da burocracia, dentro deste mes de xaneiro constituiranse os grupos de traballo encargados de elaborar o plan a implantar no curso 2024-25, tal e como quedara recollido no acordo.

 

Trátase de catro grupos a razón de un por cada unha das ensinanzas (Infantil e Primaria, ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais), que estarán integrados cada un deles por cinco persoas (catro representantes de equipos directivos e un inspector-coordinador) e que comezarán a traballar xa desde febreiro co obxectivo de elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso 2024-25.

 

Tal e como explicou o director xeral, haberá catro grupos de traballo, unha para as etapas de Infantil e Primaria, outro para ESO e Bacharelato, un terceiro para os Centros Integrados de FP e outro para os que imparten Ensinanzas de Réxime Especial (escolas oficiais de idiomas, conservatorios...). Cada un deles estará integrado por cinco persoas (catro representantes de equipos directivos e un inspector-coordinador), que comezarán a traballar xa desde febreiro. A maiores, haberá un grupo de coordinación xeral, formado por representantes da Administración educativa, das organizacións sindicais asinantes do acordo e da Xunta autonómica de Directores.

 

O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso 2024-25.

 

A Escola Pablo Picasso da Coruña dá a coñecer traballos e documentación académica do artista entre os anos 1892 e 1895

  • A mostra conta con variadas láminas, ilustracións da cidade e as notas sobresaíntes de Picasso.

Román Rodríguez pon en valor “a pegada artística que garda Picasso da súa formación coruñesa” na última das exposicións conmemorativas polo seu aniversario.

Gallego
O conselleiro na EASD Pablo Picasso

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe na Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso a exposición Picasso, alumno desta escola, unha mostra que pon o colofón á intensa celebración do 50º aniversario do pasamento do artista malagueño.

 

Picasso, alumno desta escola reúne modelos orixinais da época nos que traballaba o artista para posteriormente reproducir as súas obras e láminas dos tres anos que cursou Pablo Picasso no centro (1892-1895). Alí, onde conseguiu praza como profesor de debuxo o seu pai, “aprendeu os primeiros fundamentos do debuxo, publicando en 1894 a súa primeira obra mestra: unha rapaza descalza, nena pobre como moitas daquela época”, indicou Román Rodríguez. Así mesmo atópanse ilustracións sobre o fauno, o home con cordeiro ou as bacanais, temas que debuxa Picasso na Coruña e que reproducía a partir de modelos de xeso.

 

O titular de Cultura da Xunta fixo un percorrido pola exposición, na que tamén se atopan facsímiles da documentación académica que o centro conservou, e que este ano se transferiron ao Arquivo do Reino de Galicia para o seu acceso e estudo. Esta documentación dá conta do talento que despuntou neses primeiros anos Picasso: notas sobresaíntes, como amosan as súas cartillas.

 

Esta mostra, na que a maioría das ilustracións se relacionan coa Coruña ou con evocacións mitolóxicas, subliña a “importancia que os anos galegos de formación tiveron na memoria artística do andaluz”, destacou o conselleiro, quen tamén puxo en valor a traxectoria da EASD Pablo Picasso, a escola de arte máis antiga de Galicia, nada en 1849. Ao longo da súa historia pasaron polas súas aulas importantes figuras como Román Navarro, Lolita Díaz Baliño, Ángel Senra, María Barbeito ou Santiago Casares Quiroga, entre moitos outros. Actualmente o centro, dirixido por Elena Pardo, conta con máis de 400 alumnos, implicados en todos os programas e actividades culturais que organiza a EASD Pablo Picasso.

 

Media ducia de exposición conmemorativas

“Pablo Picasso, o mestre universal, foi na Coruña un alumno brillante, crítico, traveso e xenial, que gardou a pegada da súa formación coruñesa durante toda a súa vida”, dixo Román Rodríguez. “Con esta exposición, a Escola contribúe a ampliar os eventos realizados durante o 2023 para celebrar o seu inmenso legado na Historia da Arte”, engadiu.

 

Esta cita súmase á mostra Picasso, branco no recordo azul no Museo de Belas Artes da Coruña, e toda a programación paralela ao seu redor, e A Escuela de Bellas Artes da Coruña e Picasso no Arquivo do Reino de Galicia. Así mesmo, a Fundación Camilo José Cela tamén organizou a mostra Picasso Vivo. El legado picassiano de Camilo José Cela e o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira acolleu as exposicións Homenaxe a Pablo Picasso e Gravados ao linóleo de Pablo Picasso, así como obradoiros de linogravado.

 

A Xunta, armadores e confrarías de Burela afondan na especialización do ciclo de FP dual en Navegación e Pesca de Litoral no IES María Sarmiento

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse con armadores e representantes das confrarías de Lugo e Burela para analizar a posibilidade impulsar un novo proxecto.

Actualmente están matriculados un total de 13 estudantes neste grao medio no instituto viveirense, nun programa que conta coa colaboración do porto de Celeiro.

Gallego
Eugenia Pérez no salón de actos do IES María Sarmiento

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES María Sarmiento de Viveiro, onde se reuniu con armadores de Burela, coa secretaria da Federación Provincial das Confrarías de Pescadores de Lugo, Carmen Abad, e co presidente da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero. O obxectivo do encontro é afondar na posibilidade de poñer en marcha un proxecto de FP Dual no curso 2024/25 do ciclo de grao medio en Navegación e Pesca de Litoral neste centros en colaboración con esta entidade.

 

Na reunión abordouse o deseño dun plan formativo especializado e axustado ás necesidades do sector pesqueiro de Burela e a colaboración dos armadores de poñer a disposición do instituto viveirense postos formativos nos seus barcos para o alumnado que realice estas ensinanzas.

 

Este ciclo alternaríase co implantado este curso, tamén de FP Dual en Navegación e Pesca de Litoral no IES María Sarmiento de Viveiro, en colaboración coa flota do porto de Celeiro, no que están matriculados 13 alumnos.

 

O obxectivo é dar resposta á necesidade manifestada polo sector de persoas que poidan exercer as funcións patróns costeiro polivalente debido á escaseza de titulados neste eido, malia á altísima inserción laboral da que goza na Mariña lucense.

 

As persoas que obteñen o título neste ciclo poderán desempeñar funcións de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca; oficial e oficial de ponte en buques mercantes, pesqueiros ou de pasaxeiros; mariñeiro pescador ou de ponte, inspector de frota ou supervisor de montaxe de artes e aparellos de pesca, entre outros.