O colexio Raquel Camacho da Coruña e o CIFP A Carballeira de Ourense gañan o concurso escolar das letras galegas para homenaxear a Luísa Villalta

O certame, promovido pola Consellería de Cultura e Educación premia as mellores exposicións elaboradas polos centros para divulgar a figura da escritora coruñesa

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica distribuiranse en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese

Gallego
l

O concurso escolar da Xunta de Galicia para a elaboración da exposición sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, xa ten gañadores: o Colexio CEIP Raquel Camacho, da Coruña, e o Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense.

En concreto, o colexio coruñés alzase co premio na categoría destinada aos centros de Educación Infantil e Primaria pola mostra Tatuada na pétrea pel do mar; mentres que o centro ourensán e a súa exposición Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta Gómez é o gañador na categoría destinada a centros de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

Cada centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado obterá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).

Con esta iniciativa anual, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa e promove a celebración das Letras Galegas durante todo o curso escolar entre a rapazada.

Distribución das exposicións

Ademais, cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen se lle rende homenaxe nestas Letras Galegas.

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica serán impresas e distribuídas en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese. Tamén estará dispoñible no Portal da Lingua Galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais.

A Xunta difunde experiencias de éxito entre o alumnado do instituto IES de Viós de Abegondo

Julio Martínez Rumbo, director de proxectos de Bioga, e Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional, trasladaron aos estudantes as súas experiencias e responderon ás súas dúbidas sobre oportunidades formativas e laborais

Gallego
t

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judtih Fernández, participaron hoxe no Instituto IES de Viós na primeira xornada dos obradoiros ‘Talento Mozo’ deste curso 2023-2024, dirixidos a alumnado de secundaria de toda Galicia. Á sesión de hoxe asistiu unha trintena de estudantes de 4º de secundaria, que escoitaron as experiencias de Julio Martínez Rumbo, director de proxectos do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional.

A través de ‘Talento Mozo’, a Xunta quere dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xente moza. Ao abeiro desta iniciativa estanse a facer coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia. Así mesmo, nestes coloquios dáse resposta ás dubidas que as mozas e mozos poidan ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

Julio Martínez Rumbo, graduado en Bioloxía pola Universidade da Coruña e MBA en dirección de empresas e emprendemento, traballa desde hai seis anos en Bioga desenvolvendo a xestión integral de proxectos do clúster. Pola súa parte, Sara González Iglesias é terapeuta ocupacional e comezou a traballar en ENKI, entidade que impulsa a inserción de persoas con discapacidade.

A Xunta convoca 174 contratos de investigadores predoutorais e posdoutorais para o desenvolvemento do seu labor científico en Galicia

O obxectivo destas accións, ás que o Goberno galego destina 30,5M€, é contribuír a afianzar un sistema galego de investigación forte e especializado

Convócanse 102 bolsas predoutorais para contratos de catro anos, dotados con ata 30.000 euros/ano e ata 6.000 € para os tres meses de estadía no estranxeiro

Lánzanse 49 contratos posdoutorais de modalidade única, que pasan a ser de seis anos de duración co fin de facilitar a estabilización dos investigadores

Mantéñense 23 bolsas posdoutorais de continuidade para aqueles que xa iniciaron liñas de investigación propias, co fin de completar a súa formación durante tres anos

As tres accións forman parte do Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ para 2024

Gallego
i

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde a través do Diario Oficial de Galicia á convocatoria de 174 contratos predoutorais e posdoutorais para 2024 co obxectivo de que os investigadores seleccionados desenvolvan o seu labor científico en estruturas de investigación en Galicia. Trátase das convocatorias de axudas á etapa predoutoral, á etapa posdoutoral de modalidade única e posdoutoral de continuidade, ás que o Goberno galego destina preto de 30,5M€.

As tres accións forman parte das oito que conforman o Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), dotado con 104M€ no 2024, co fin de impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro.

Apoio á etapa predoutoral

Xa está aberta a convocatoria conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación do programa de axudas predoutorais 2024 cunha dotación de case 12M€ para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i. O prazo de solicitudes estará aberto ata o 19 de marzo.

A finalidade deste programa, que se desenvolve desde o ano 2012, é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Ademais, amplíase a dotación orzamentaria desta convocatoria, subvencionando aos gastos asociados á realización do programa de doutoramento.

Apoio formación posdoutoral

A Xunta, a través do DOG, tamén vén de lanzar a convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, dotada con case 15M€ (o dobre da contía actual) para 49 contratos, e cun novo enfoque estrutural enfocado á impulsar unha maior estabilización do persoal investigador. O prazo de solicitudes estará aberto ata o día 19 de marzo.

Ata o de agora a etapa posdoutoral estaba estruturada en dúas convocatorias (unha de formación inicial de tres anos e outra de continuidade de dous anos) e agora, o persoal investigador que inicie a etapa posdoutoral en 2024 accederá a unha convocatoria única de seis anos de duración divida en dúas fases de tres anos cada unha cunha avaliación intermedia para pasar dunha fase á outra.

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante a segunda fase da estadía, os beneficiarios recibirán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

A convocatoria, inclúe, ademais, un compromiso por parte das universidades que acollan contratados ao abeiro da mesma de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados a necesidades docentes ou investigadoras.

Axudas posdoutorais de continuidade

Así mesmo permanece aberta ata o día 1 de marzo a convocatoria de axudas posdoutorais de continuidade. Trátase de 23 bolsas (20 para as universidades públicas do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias), por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas. Estes contratos posdoutorais de continuidade terán unha duración de tres anos e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia para que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego.

Están dirixidos ao persoal ao servizo das universidades públicas galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

As axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa na presentación do libro ‘A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir’, coordinador polo profesor da USC Alexandre Sotelino

A obra, en cuxa elaboración participaron máis de 60 profesionais, afonda na dimensión social da educación e a súa influencia presente e futura na Comunidade

Gallego
e

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, gaba o “importante papel” que xoga a educación na dinamización e a cohesión social ao servizo da transformación democrática e dunha sociedade máis igualitaria.

Así o puxo de manifesto esta mañá con motivo da presentación do libro A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir, elaborado coa participación de máis de 60 profesionais docentes baixo a coordinación do profesor da Universidade de Santiago Alexandre Sotelino, recoñecido do eido da investigación educativa e que foi galardoado co premio Educa ao mellor docente universitario de España no curso 2021-22. 

A obra aborda a dimensión social da educación na Galicia actual e de futuro a través dunha cronoloxía dos distintos niveis formativos que compoñen o sistema educativo galego, desde a etapa de Primaria ata a universidade. Nela analízase a inserción da educación na súa realidade territorial a través de aspectos como a pedagoxía medioambiental, o emprego das novas tecnoloxías ou a atención á diversidade e ás novas necesidades educativas.

Neste senso, o conselleiro de Educación gabou a importancia desta publicación na medida en que contribúe a “entender mellor de onde vimos e cara onde nos encamiñamos para acadar os mellores resultados posibles”. Así pois, Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade e como elemento diferenciador do noso potencial”.

No acto de presentación, que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices, e o coordinador Alexandre Sotelino. Asistiron, ademais, os autores participantes na obra, distintos representantes da Administración Autonómica, das universidades, das organizacións sindicais, de entidades e colexios profesionais, de revistas e publicacións do sector e de federacións e asociacións de anpas, entre outros.  

A Xunta amosa á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros o potencial do Centro Galego de Innovación da FP e os proxectos que desenvolve

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompaña a Mari Luz Barreiros nunha visita institucional ao centro que leva o nome do lendario emprendedor ourensán

O Goberno galego e a entidade estudan a colaboración futura en proxectos de innovación industrial

Gallego
b

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompañou esta mañá á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, Mari Luz Barreiros, nunha visita institucional ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, para coñecer de primeira man os proxectos de innovación que se están desenvolvendo neste centro que leva o nome de seu pai, o lendario emprendedor ourensán Eduardo Barreiros.

Así mesmo, a visita serviu para estreitar lazos entre o Goberno galego e a Fundación Eduardo Barreiros, que analizan a colaboración conxunta futura en proxectos de innovación industrial.

Desde a Xunta de Galicia amosóuselle a Mari Luz Barreiros os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos arredor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do fornecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade medioambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidade no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

As probas diagnósticas de 4º de Primaria e 2º de ESO fixadas polo Ministerio de Educación a través da LOMLOE serán o 10 e 11 de abril

Seguindo o establecido na actual lei educativa estatal, as avaliacións aplicaranse en todos os centros educativos onde se impartan estas ensinanzas

Avaliaranse as competencias matemática e lingüística en lingua e literatura galega, e castelá e en lingua estranxeira

As probas terán carácter informativo, formativo e orientador para o centro, que recibirá información sobre os resultados acadados polo conxunto do seu alumnado por etapa e competencia avaliada

Gallego
i

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se ditan as instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico que atinxen a 4º de Educación Primaria e 2º de Secundaria, tal e como obriga o Ministerio de Educación a través da actual lei educativa estatal LOMLOE.

Así pois, a través destas instrucións, a data para as probas diagnósticas serán os vindeiros días 10 e 11 de abril, despois das vacacións de Semana Santa. Tal e como marca a LOMLOE, as avaliacións teñen carácter censal, polo que se aplicarán en todos os centros educativos que impartan estas ensinanzas.

Canto a contidos, en ambos casos avaliaranse as competencias matemática e en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira (que pode ser alemán, francés, inglés ou portugués, en función da lingua de escolla en cada centro).

As probas estarán constituídas por cadernos para cada unha das competencias a avaliar e os contidos das mesmas versarán sobre os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas asignaturas para cada un dos cursos. Como adoita ser habitual, con carácter xeral, as probas serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

Informe de resultados por centro

No que atinxe aos resultados, seguindo o establecido na normativa, terán un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada. Polo tanto, a información obtida destas probas ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Con esta resolución, a Administración autonómica dá cumprimento á aplicación, unha vez máis, da normativa vixente nesta materia, a nivel estatal.

A Xunta reivindica o papel esencial dos docentes na consolidación dun ensino galego integrador e de calidade

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na apertura do 7º Congreso Mundial de Educación Educa 2024, que se celebra na Coruña

Gallego
e

A Xunta de Galicia subliña o papel fundamental dos docentes como unha das claves esenciais para a consolidación dun sistema educativo integrador e de calidade, onde prime a igualdade de oportunidades, a convivencia e a atención á diversidade.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, con motivo da súa intervención no acto de apertura do 7º Congreso Mundial de Educación Educa 2024, que reúne na Coruña a expertos das distintas ramas educativas como docentes, pedagogos, orientadores ou membros de equipos directivos chegados de distintos puntos de Galicia, España e doutros países.

Na súa intervención, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades do Goberno galego puxo en valor “a enorme implicación e o traballo diario” do conxunto dos profesionais que conforman a comunidade educativa, cun contacto directo co alumnado que se traduce “non só en aspectos relacionados coa adquisición de coñecementos didácticos e competenciais, senón tamén co seu desenvolvemento social, emocional e persoal”.

O evento, organizado por Educa e a Universidade da Coruña, está configurado como un foro de intercambio de coñecementos didácticos entre profesorado e profesionais da educación que desde hoxe ata o sábado abordarán todas as etapas educativas. Ao longo destes tres días, sucederanse dez conferencias plenarias impartidas por recoñecidos profesionais da educación, dous foros de expertos e a presentación dun cento de traballos de investigación e experiencias didácticas. O congreso concluirá o sábado coa gala de entrega dos Premios Educa Abanca ao mellor docente de España. 

A directora xeral de FP destaca o campionato de baristas de Foz como un escaparate da calidade das ensinanzas de hostalaría en Galicia

Eugenia Pérez participa na entrega de premios da XVI edición deste certame internacional que reúne a alumnos de oito comunidades autónomas

Gallego
b

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou este mediodía na entrega de premios do XVI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalaría que organiza o instituto IES de Foz, onde destacou a importancia deste tipo de certames “como escaparate onde se visibiliza a calidade destas ensinanzas no noso sistema educativo, cunha formación especializada que abre as portas ao mundo laboral”.

Así mesmo, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que a FP de Hostalaría é un referente a nivel nacional. Non en balde, neste certame participan un total de 18 alumnos de oito comunidades autónomas: Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco.

Á par do certame de Baristas, que arrancou o mércores, tamén se celebra o XI Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalaría, polo que a directora xeral de FP aproveitou para tamén poñer en valor a importancia deste eido “como un plus de calidade neste tipo de servizos”. Así mesmo, Eugenia Pérez felicitou á comunidade educativa do IES de Foz pola organización ano a ano desta cita consolidada, e a todos os premiados polas destrezas e profesionalidade amosadas.

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia e coa participación ao completo dos oito centros que conforman a Rede Galega de FP de Hostalaría. Xunto cos mencionados certames internacionais de Baristas e de Cata de cafés, no centro focense tamén se desenvolve o X Campionato Internacional de Baristas Profesionais.

A Xunta celebra o Día da Lingua Materna cunha xornada que reúne preto de 600 participantes do programa escolar ‘21 días co galego e +’

Román Rodríguez acompaña neste encontro o profesorado e alumnado dos 10 centros participantes da VI edición desta iniciativa de dinamización lingüística

O conselleiro en funcións destaca que o mellor xeito de manter viva a lingua “é empregándoa desde as primeiras etapas educativas”

Gallego
g

A Xunta de Galicia conmemorou hoxe o Día Internacional da Lingua Materna coa celebración do II Encontro 21 días co galego e +, unha xuntanza lúdica e didáctica que reuniu no Monte Gaiás preto de 600 participantes da VI edición do programa de dinamización lingüística homónimo para intercambiar experiencias, música e xogos ao longo da xornada.

Durante o acto, presentado polo músico Pakolas, o titular en funcións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para agradecerlles a todas as persoas participantes desta edición do 21 día co galego e + “o éxito desta iniciativa coa que, entrega tras entrega, queremos seguir axudando a que a nosa lingua sexa un elemento máis do día a día da rapazada para que esta leve o galego o máis lonxe posible”. “De aí a importancia dunha efeméride como a que conmemoramos hoxe”, declarou.

Ademais, o representante autonómico en funcións, salientou que o mellor xeito de manter viva a lingua xeración tras xeración “é empregándoa desde a infancia, e o sistema educativo garante que os cativos teñan destrezas e competencias nas dúas linguas, que debemos usar en absoluta liberdade”. Román Rodríguez tamén aproveitou para recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma de España “na que temos un maior coñecemento da nosa lingua propia”.

Encontro arredor da lingua galega

Ao longo da xornada, na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado, o profesorado e os coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega pertencentes aos 10 centros escolares participantes nesta edición gozaron da música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para o encontro.

Neste curso 2023/2024, que tivo como principal novidade a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes, o programa desenvolveuse nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.

Número 37 na listaxe de linguas máis faladas

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Este 2024, baixo o lema Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional, esta efeméride pretende visibilizar o feito de que a educación na lingua materna apoia a aprendizaxe, a alfabetización e a adquisición de idiomas adicionais.

A Xunta de Galicia conmemora esta data desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega. Na actualidade, o galego ocupa o número 37 na listaxe de linguas máis faladas do mundo, no que existen máis de 6.000 idiomas diferentes. Ademais, a lingua galega está máis estendida e conta con máis recursos ca nunca na súa historia grazas á súa adaptación á realidade social e tecnolóxica do momento, algo no que o Goberno galego traballa impulsando iniciativas como o Proxecto Nós, que introduce de cheo a lingua propia de Galicia no mundo dixital e na Intelixencia Artificial.

Román Rodríguez amosa o compromiso da Xunta coas ensinanzas deportivas como unha opción académica e profesional de calidade

O conselleiro en funcións de Educación visita o alumnado do ciclo de fútbol e balonmán do Instituto Sánchez Cantón que completa a súa formación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra

Gallego
t

O conselleiro en funcións de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, amosa o compromiso da Xunta co impulso das ensinanzas deportivas en Galicia “como unha opción académica e de saída profesional de calidade”.

Así o manifestou esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra durante unha visita ao alumnado que cursa o ciclo de Ensinanzas técnicas deportivas de fútbol e balonmán, que realizan os seus estudos no Instituto IES Sánchez Cantón e nas instalacións deste centro de alto rendemento.

Precisamente o Sánchez Cantón é un dos institutos de referencia no eido deportivo coa oferta da titulación oficial de grao medio e de grao superior de Técnico Deportivo en Fútbol e Balonmán, que actualmente estudan 101 alumnos.