Máis de 800 alumnos concorren aos premios extraordinarios de bacharelato, organizados pola Consellería de Cultura e Educación

Con estes galardóns a Xunta de Galicia busca estimular os comportamentos excepcionais das alumnas e alumnos do sistema educativo galego en aras de incrementar a excelencia académica
Mér, 26/06/2013 - 16:03
Máis de 800 alumnos concorren aos premios extraordinarios de bacharelato, organi
Máis de 800 alumnos concorren aos premios extraordinarios de bacharelato, organizados pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 800 alumnas e alumnos concorrerán mañá aos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2012-2013, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de recoñecer o esforzo e dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego.

Para iso, o departamento educativo da Xunta de Galicia premiará a quen obteñan o galardón – estudantes que  finalizaron os seus estudos de bacharelato cunha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75- cunha achega de 1000€ e coa exención durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2013-2014.

Ademais, o alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá un diploma acreditativo e a anotación da distinción no seu expediente académico. Así mesmo, o alumnado  premiado poderán concorrer aos premios nacionais. Cómpre lembrar que na última edición do ano 2012, dous alumnos premiados en Galicia acadaron o primeiro e o segundo lugar na convocatoria estatal.

Nesta edición participan un total de 803 alumnos, 353 da provincia da Coruña que proveñen de 78 centros, 100 de Lugo que proveñen de 26 centros, 68 de Ourense que proveñen de  18 centros e 282 de Pontevedra que proveñen de 64 centros.

As probas

Os aspirantes aos premios realizarán este 27 de xuño unha proba con dúas partes: a primeira, consistente na análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto en lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvolverán temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade e cursada polo alumnado.

Con estes premios extraordinarios a Consellería busca estimular os comportamentos excepcionais das alumnas e alumnos do sistema educativo galego en aras de incrementar a excelencia académica; ao tempo que se recoñece publicamente o afán de superación e a responsabilidade persoal deste alumnado.