O director xeral de Educación recorda no Parlamento que as medidas para a atención do alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade están recollidas no decreto de atención á diversidade
A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 3.200 profesionais ao coidado e atención dos estudantes con necesidades específicas de apoio educativa, sendo na actualidade a comunidade que conta con máis recursos persoais especializados para este fin
Mér, 19/06/2013 - 13:38
 O director xeral de Educación recorda no Parlamento que as medidas para a atenc
O director xeral de Educación recorda no Parlamento que as medidas para a atención do alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade están recollidas no decreto de atención á diversidade

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, recordou hoxe no Parlamento de Galicia que as necesidades do alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) están recollidas no Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Non en balde a Consellería destina este curso preto de 3.200 profesionais ao coidado e atención dos estudantes con necesidades específicas de apoio educativa, entre orientadores, especialistas en audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, coidadores e outro persoal especializado; sendo na actualidade a comunidade que conta con máis recursos persoais especializados para este fin, o que supón un investimento de preto de 94 millóns de euros. Ademais, a Consellería atende todas as solicitudes de colexios e institutos públicos para dotalos de emisoras de frecuencia, cadeiras adaptadas, equipamento informático específicos, mesas e atrís, entre outros recursos; e conta cunha liña específica de axudas para que os estudantes dos centros concertados poidan acceder tamén a este apoio.Así mesmo Galicia foi a primeira comunidade que dotou con servizo de orientación interno a todos os centros educativos.

Neste sentido o director xeral aclarou as dúbidas da oposición sobre o tratamento dos estudantes con TDAH indicando que o capítulo V do devandito decreto esta dedicado de forma íntegra ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, “alumnado entre o que se sitúa o diagnosticado con TDAH”. Así mesmo, sinalou que neste texto existen numerosas indicacións para a identificación das circunstancias de cada alumnos e para o axuste da intervención educativa. Ademais lembrou que tanto os equipos docentes como os servizos de orientación coñecen os procedementos e recursos para adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias que procedan.

A atención ao caso concreto do trastorno por déficit de atención e hiperactividade, está a ser ademais un dos puntos de interese da Consellería de Cultura e Educación na configuración da oferta de formación de profesorado. De feito, no curso actual  desenvolvéronse varias actividades formativas arredor das estratexias de intervención e de actuación nas aulas co alumnado con TDAH, e das súas características e necesidades. Por outra banda o departamento educativo da Xunta de Galicia asesora e colabora nas actividades organizadas por asociacións de familias de alumnado con TDAH.

Con todo, o director xeral comprometeuse a que a Consellería continuará a traballar para adoptar as medicadas que representen un beneficio para os estudantes e contribúan á personalización da intervención educativa e ao éxito escolar.