A Consellería de Educación simplifica o sistema de tramitación das axudas para a adquisición dos libros de texto

As familias recibirán un vale para presentar directamente nas librerías que prefiran
Lun, 31/05/2010 - 15:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitará ás familias a ‘volta ao cole’ por segundo ano consecutivo, a través da convocatoria de axudas para a compra de libros de texto e material escolar, dirixidas ao alumnado de 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria, e educación especial. Ademais, o sistema de solicitude e tramitación destas bolsas será este ano moito máis sinxelo, xa que as nais e pais recibirán un vale co que poderán adquirir os materiais nos establecementos.

Ao igual que no presente curso, a Consellería de Educación volverá axudar a que os escolares teñan libros gratis e en propiedade, a través de axudas de 180 euros para familias con ingresos de ata 5.400 euros anuais por persoa no fogar. Para as familias con ingresos entre 5.400 e 9.000 euros por persoa no fogar, a Consellería garante unha axuda de 104 euros.

No caso das familias monoparentais, haberá axudas de 180 euros para aquelas con ingresos de ata 6.000 euros anuais por persoa no fogar; e de 104 euros para as familias con ingresos entre 6.000 e 9.000 euros por persoa no figar. Ademais, a bolsa será de 250 euros para o alumnado de Educación Especial, independentemente dos ingresos familiares.

Para calcular quen ten dereito ás bolsas, agregaranse as rendas de cada un dos membros da familia que obteñan ingresos, tendo en conta o exercicio fiscal de 2008, dividindo a renda entre o número de membros computables da unidade familiar (pai, nai alumno e irmáns). A estes efectos, computarán por dous os membros da unidade familiar cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Vales de compra

As familias poderán presentar as solicitudes para optar ás axudas a partir de mañá nos centros docentes sostidos con fondos públicos nos que estean matriculados os seus fillos e fillas, presentando unha solicitude diferente por cada un dos nenos. Os centros tramitarán as solicitudes no momento da matrícula ou posteriormente. O sistema informático recuperará de forma automática os datos asociados ao NIF do solicitante, e que constan na base de datos informática da Consellería de Educación. Co fin de axilizar o proceso, e unha vez estea introducida a solicitude, este ano o sistema permite a xeración dun vale por cada alumno ou alumna beneficiario.

O centro educativo entregará os vales ás familias, que poderán con el adquirir os libros e material escolar no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento. Unha vez entregados os materiais, os establecementos presentarán as facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación en cada provincia, para que lles sexa ingresados os importes correspondentes aos vales tramitados.

O obxectivo deste sistema é que as familias non teñan que desembolsar contía algunha polo importe das axudas, facendo máis fácil ademais os pagamentos, ao se reducir considerablemente o número de transferencias bancarias que ten que facer a Consellería. Por outra banda, a xeración automática dos datos da familia polo sistema informática simplifica considerablemente o labor dos centros educativos, elemento fundamental no proceso de tramitación das bolsas.

Con estas axudas, a Consellería de Educación volve poñer de manifesto o seu firme e decidido apoio ás familias que están a pasar por maiores dificultades económicas, que poderán ter libros gratis e en propiedade. Ademais, as alumnas e alumnos poderán utilizar estes manuais como verdadeiras ferramentas de traballo e consulta coas que optimizar os seus rendementos académicos.