O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación proxecta a curta ‘Flores para Amalia’, gañadora de dous premios en Cans

Nani Matos dirixe esta fita, coa que obtivo os galardóns do público e do xurado dos veciños á mellor curtametraxe de ficción na décima edición do festival que se acaba de celebrar no Porriño
O director, os protagonistas e o equipo artístico e técnico asistirán á presentación que terá lugar no espazo compostelán este venres día 7 ás 21.00 horas
Mela Casal e Gonzalo Uriarte encabezan o elenco de recoñecidos intérpretes que dá vida a esta historia intimista sobre pequenos xestos cotiáns
Mér, 05/06/2013 - 13:45
O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación proxecta a curta ‘Flores pa
O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación proxecta a curta ‘Flores para Amalia’, gañadora de dous premios en Cans

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este venres 7, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela a presentación da curtametraxe Flores para Amalia, do director guardés Nani Matos. A fita, que está a iniciar o seu percorrido de proxeccións e participación en festivais, acaba de ser recoñecida cos premios do público e do xurado dos veciños á mellor curta de ficción na pasada edición do Festival de Cans.

Mela Casal e Gonzalo Uriarte protagonizan esta historia intimista sobre unha parella que pasa os últimos anos da súa vida nunha residencia para maiores, onde a longa enfermidade da muller levará o seu home a tomar unha decisión. Trátase dun traballo sobre os pequenos xestos da vida e sobre a capacidade de conmovernos co máis próximo. Como sinala o seu director, Flores para Amalia é unha desas historias cotiás que “moitas veces pasan diante de nós case sen nos decatar, quizais porque a maioría dos que as protagonizan pasan inadvertidos para unha sociedade que non se para a mirar cara a atrás”.

Entrada libre

Nani Matos contou para este traballo cun elenco de recoñecidos intérpretes da escena e do audiovisual galegos, no que xunto con Mela Casal e Gonzalo Uriarte figuran Luis Iglesia B., Susana Dans, Teté García, Avelino González, Xan Cejudo, Santi Cortegoso, Xosé M. Esperante e Machi Salgado. Parte do equipo artístico e técnico desta curtametraxe acompañará o director e os protagonistas na presentación deste venres na sede compostelá do Centro Dramático Galego (CDG), para a que a entrada é libre ata completar a capacidade.

Rodada en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra, Flores para Amalia foi estreada o pasado mes de abril no Teatro Principal da cidade do Lérez e na súa breve traxectoria foi seleccionada tamén para ser exhibida na sección oficial do Festival Primavera de Cine de Vigo.

Coñecido principalmente pola súa faceta de actor teatral e televisivo, Nani Matos regresa con este novo título á realización audiovisual, na que debutou en 2009 como guionista e director da curtametraxe Dies Dei. Con este primeiro traballo participou durante dous anos en máis de vinte festivais internacionais, percorrido durante o que obtivo media ducia de galardóns e mencións especiais.