Xesús Vázquez aposta pola colaboración de ensino, familias e sociedade a prol dunha formación integral “na que o progreso intelectual e a actitude aberta cara a inclusión van da man”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no XX aniversario do Día da ONCE en Galicia
Sáb, 25/05/2013 - 17:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, p
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, presidiu a entrega de distincións do XX aniversario do Día da Once en Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na conmemoración do XX aniversario do Día da ONCE en Galicia, un acto que se celebrou en Padrón e que contou coa presenza de máis de 400 persoas. Nel apostou pola colaboración entre todos os axentes educativos e sociais a prol “dunha formación integral, na que o progreso intelectual e unha actitude responsable, aberta e flexible cara a inclusión van da man”. Neste sentido, explicou que a educación “non é patrimonio exclusivo da escola nin da administración educativa, nin sequera da familia nin da sociedade; senón que é o resultado do esforzo conxunto e coordinado de todos eles. Aí está a clave do éxito escolar e do desenvolvemento persoal e social de cada individuo”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia amosou a súa satisfacción por que o departamento que dirixe forme parte do labor educativo desenvolvido pola Fundación ONCE, a través dos convenios de colaboración que ten subscrito coa Consellería, “grazas ao que podemos atender moito mellor ao alumnado con discapacidades visuais, así como facilitar ás persoas con cegueira a tradución dun maior número de libros e textos a braille”.

Xesús Vázquez salientou ademais o compromiso da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado, reflectida no decreto que neste momento a Consellería está a desenvolver desde o punto de vista normativo. “Unha das miñas maiores preocupacións - dixo- é a formación integral do alumnado, das súas capacidades intelectuais, sociais, emocionais e morais”, que sinalou como a ferramenta máis eficaz “para responder ás esixencias da sociedade na que van vivir e na que se van desenvolver profesionalmente”.

Recoñecemento ao esforzo

O conselleiro felicitou aos 16 traballadores e 3 afiliados da ONCE en Galicia homenaxeados hoxe no acto por rematar a súa actividade laboral e mais por teren concluído a súa carreira universitaria. “Todas e cada unha de estas persoas teñen ben merecido este recoñecemento como testemuño da súa entrega e dedicación e da nosa admiración e cariño”.

Así mesmo destacou a solidariedade do conxunto da sociedade, que fai posible os distintos programas de educación, formación, cultura ou lecer que a Fundación pon en marcha “e permiten que a discapacidade visual non sexa un sinónimo de illamento, senón que se logre a plena integración”.

Na celebración deste Día da ONCE participaron tamén a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; a directora adxunta de Servizos Sociais da ONCE, Patricia Sanz; e o delegado territorial da organización en Galicia, Manuel Martínez Pan.