Galicia acolle por vez primeira o Encontro Europeo de Xogos Tradicionais co apoio de Cultura e Educación

Co nome de ‘Ludaria’, Brinquedia organiza este ano a asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, xunto cunha programación que inclúe un encontro escolar, unha xornada divulgativa, demostracións de xogos e un encontro de birlos
Na presentación oficial das iniciativas, que se realizarán en xuño, o secretario xeral de Cultura referiuse a Ludaria como “unha grande oportunidade para poñer en valor e difundir o patrimonio cultural lúdico galego”
Ven, 24/05/2013 - 14:50
 Galicia acolle por vez primeira o Encontro Europeo de Xogos Tradicionais co apo
Galicia acolle por vez primeira o Encontro Europeo de Xogos Tradicionais co apoio de Cultura e Educación

Galicia acolle este ano, por vez primeira, a asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, xunto coa programación de actividades que se desenvolven arredor dela. Ludaria. Patrimonio lúdico europeo é o nome baixo o que se presenta esta iniciativa, que se vai desenvolver en Ourense entre o 20 e o 23 de xuño co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

As actividades de Ludaria foron presentadas hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que este encontro constitúe “unha oportunidade evidente para poñer en valor o patrimonio cultural lúdico galego”, así como para darlles pulo aos xogos tradicionais, tanto desde o punto de vista lúdico, como deportivo, socioeconómico e cultural.

Co obxectivo de favorecer a organización en Galicia desta encontro europeo, a Consellería de Cultura e Educación asinou en outubro de 2012 un protocolo de colaboración con Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional, que está integrada na Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais. O presidente de Brinquedia, Alberto Casal, e Lois Pardo, presidente da comisión organizadora do encontro, explicaron o programa e os obxectivos da iniciativa, nun acto que tamén contou coa participación do alcalde de Parada de Sil, Francisco Magide; do responsable do servizo de Deportes do Campus da Universidade de Vigo, Rodrigo Alberte; e mais coa concelleira de Educación e Cultura de Ourense, Ana Garrido.

Actividades para difundir os xogos tradicionais

Ademais da propia asemblea de socios, a programación de Ludaria, que se pode consultar na páxina web www.ludaria.eu, contará con diversas iniciativas, entre as que se inclúen demostracións de xogos, o coloquio O xogo tradicional como elemento museolóxico e sustentábel, un encontro escolar galego, unha xuntanza de modalidades galegas de birlos en Parada de Sil e unha intervención festiva sobre as gaitas de palla.

A European Traditional Sports ang Games Association (Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais) está constituída por federacións, asociacións culturais ou deportivas, sociedades profesionais e institucións académicas dos distintos estados europeos cuxos propósitos se centran na xestión, promoción e posta en valor dos xogos e deportes tradicionais dos pobos de Europa.

Entre os seus fins destacan o de favorecer a creación dunha rede europea, promover a creación doutras asociacións e facilitar a organización de encontros, os traballos de investigación ou a creación de ferramentas pedagóxicas. Obxectivos que tamén asumiu Brinquedia cando, hai 7 anos­, toma contacto cos seus socios europeos e entra a formar parte da asociación. Desde entón, Brinquedia vén participando nas distintas asembleas e encontros convocados en diversos lugares do continente, participa dos acordos da asociación europea e achega distintas mostras dos xogos tradicionais galegos.