Encontre a súa información...

Dous grupos de 2º e 3º de ESO do CPI de Progreso de Catoira gañan a Superfinal do Rally Matemático de Toulouse (Francia)
Ven, 24/05/2013 - 14:47
Celebración do alumnado do CPI de Progreso ao recibir o premio en Toulouse

15 alumnos e alumnas de segundo e terceiro de ESO do CPI de Progreso (Catoira - Pontevedra), coordinados e acompañados polos profesores Margarita Botana Souto e José Antonio Alonso Pallas, acadaron a primeira posición das súas respectivas categorías na Superfinal do Rally Matemático sen Fronteiras, celebrado na cidade francesa de Toulouse o 17 de maio de 2013. Esta é a primeira vez que vence un equipo galego nos máis de 20 anos de vida deste concurso internacional. E ademais, dobremente.

Na categoría de 2º de ESO os alumnos e alumnas gañadores foron:

• Lucía Abalo Maneiro
• Rita Nogueira Llobato
• Gonzalo Ruibal Otero
• Iago Sobrino Martínez
• Antía Sobrino Romero
• Ana Touriño Grela
• Marta Vidal Castiñeiras
• Brayhan Stiven Vinasco Gómez

O equipo de 3º de ESO estaba composto por:

• Inés del Carmen Calo Jamardo
• Raquel Castro Rodríguez
• Francisco García Catoira
• Sara García  Figueira
• Sonia Lajos Boo
• Brais Lorenzo Loureiro
• Elena Rodríguez Fraga.

Así relatan desde o centro a súa experiencia:

Houbo unha primeira fase de centro, unha final en Santiago, e a Superfinal en Toulouse.
No noso centro, CPI Progreso de Catoira, quedaron dous grupos clasificados, que foron superando as diferentes etapas. Estamos especialmente orgullosos, xa que foi a primeira vez en 21 anos que un equipo de Galicia gaña a Superfinal, e ademais por partida dobre.
O segredo deste éxito está no traballo en equipo, e na boa compenetración entre os integrantes destes. A proba dese día constaba de tres preguntas, dispoñendo de dez minutos para resolvelas, e na última contaba a velocidade.
Foron moi ben recibidos pola organización, e celebraron un acto antes de entrar na proba, e logo á hora de dar os premios. A alegría foi inmensa cando lles deron os resultados, un pouco despois de rematar a proba.
A proba fíxose no IREM da Universidade Paul Sabatier de Toulouse, onde estaban todos os grupos dos diferentes  países: Túnez, Francia e España, que nós saibamos. Desde Francia participaban desde os diferentes distritos.
As probas íanse facendo por niveis. A nós tocounos sobre o mediodía, primeiro a terceiro, e logo a segundo.
A Toulouse marcharon o día 14 e voltaron o 18, acompañados polos profesores Margarita Botana Souto, profesora de Matemáticas, e José Antonio Alonso Pallas, nun autobús compartido cos outros centros galegos participantes. Aínda que a proba foi o día 17 de maio, así que ademais de traballar, tamén aproveitaron para coñecer a zona: Toulouse, Carcasonne ..., que ben o merecían.

Efusivos parabéns aos dous equipos e ao profesorado implicado no proxecto.