A Consellería de Cultura e Educación presenta as liñas de actuación da área de Patrimonio para a presente lexislatura

A directora xeral do Patrimonio Cultural abordou temas como o futuro marco legal do Patrimonio de Galicia ou os plans de acción para o patrimonio material e inmaterial
Martínez Ínsua abordou os importantes avances nos traballos de delimitación dos Camiños de Santiago, e os traballos para o recoñecemento das novas rutas do Camiño de Inverno e o do Camiño Portugués pola costa
Asemade expuxo as principais liñas de traballo da Dirección Xeral para os vindeiros anos
Mar, 21/05/2013 - 20:21
 A Consellería de Cultura e Educación presenta as liñas de actuación da área de
A Consellería de Cultura e Educación presenta as liñas de actuación da área de Patrimonio para a presente lexislatura

A directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua informou hoxe en sede parlamentaria “das principais liñas de actuación que se están levando a cabo no eido patrimonial por parte do actual Goberno, así como das previsións” para a correspondente lexislatura. Vertebrou a súa comparecencia en torno ao futuro marco normativo autonómico no ámbito patrimonial, aos traballos de delimitación e recoñecemento de novas vías dos Camiños de Santiago, aos distintos plans de actuación sobre os diversos tipos de patrimonio material e inmaterial, á xestión de equipamentos culturais e á necesidade de concienciar da importancia do patrimonio desde o eido educativo.

Na súa primeira comparecencia a petición propia, a directora xeral comezou expresando a súa vontade de contribuír ao labor que se vén desenvolvendo no seo da propia comisión no eido do patrimonio cultural de Galicia e subliñou que se trata dun labor que “transcende da mera intención de protexer os bens individuais que o integran, constituíndose nunha sorte de identificación da cidadanía galega coa paisaxe histórica que nos rodea, nunha defensa dos valores arquitectónicos e artísticos cos que conta a nosa terra e nun reflexo da nosa propia identidade como pobo.”

Asemade, a directora lembrou a importancia de contar coa “implicación e colaboración das demais Administracións públicas e tamén dos propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre os bens” que integran o patrimonio cultural de Galicia, para a salvagarda do mesmo.

Unha nova norma para a salvagarda do patrimonio de nós

Ao respecto da actualización do marco normativo, Mª del Carmen Martínez Ínsua incidiu na importancia de acadar “unha nova lei que se adapte á realidade actual” e sexa harmónica tanto coas novas normativas internacionais como coas novas categorías patrimoniais e procedementos validados na práctica profesional durante as dúas últimas décadas. Trátase –dixo– de adaptar o marco normativo ás necesidades dos tempos actuais e definir unhas regras de xogo “máis transparentes, e que outorguen seguridade xurídica ao administrado.”

Da nova norma destacou tamén a importancia de acadar “a instrumentación dunha protección con criterios de certidume, que permita coñecer cales son os valores a protexer en bens concretos e determinados segundo a súa distinta natureza.” “A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está a facer un gran esforzo, desenvolvendo un importantísimo labor de planificación e execución de actuacións co único fin de acadar as máximas garantías para a súa salvagarda”, afirmou Martínez Ínsua.

Os camiños de Santiago, coñecemento para a salvagarda e posta en valor

A directora xeral destacou entre outros aspectos que o departamento de Patrimonio proponse “rematar coa delimitación do Camiño Inglés e concluír o labor de delimitación nos camiños do Norte, de Fisterra, o denominado da Prata e no Portugués” como marco para a súa protección e potenciación. Lembrou igualmente que case todo o traballo significativo neste eido se ten realizado desde 2009 “cando se acometen de xeito decidido, con todos os instrumentos administrativos en xogo e os estudios históricos existentes, as delimitacións, en menos dun bienio, de todo o camiño Francés; do camiño Norte interior (tamén coñecido como Primitivo ou de Ovedo); e a incoación de todos os camiños no termo municipal de Santiago; e do camiño Inglés no cerne do eixo de desenvolvemento viario, urbano e industrial da Galicia atlántica.”

Asemade, Ínsua afirmou que se continuarán “as investigacións e estudos oficiais históricos, documentais, xeográficos, antropolóxicos e arqueolóxicos que nos permitan verificar a consistencia, trazado e territorio asociado do denominado Camiño de Inverno e o Camiño Portugués pola costa, para incorporalos, en coherencia con aqueles, ao proceso de delimitación, promoción e ordenación correspondente.”

Unha estratexia transversal para a salvagarda desde o coñecemento

Neste momento da súa intervención, Martínez Ínsua fixo referencia aos distintos programas que se veñen desenvolvendo e entre os que destacou o Plan de catedrais, o Plan de restauración e posta en valor dos Camiños de Santiago, o Plan de posta en valor do patrimonio arqueolóxico, o Plan de conventos e mosteiros e o Plan de conservación de pinturas murais e retablos.

A directora xeral rematou a súa comparecencia referíndose a unha aposta de futuro: “o desenvolvemento de estratexias e dinámicas de ensino-aprendizaxe arredor do Patrimonio cultural”. Neste sentido referiuse á fortaleza que supón a integración do Patrimonio cultural e Educación nunha mesma consellería, que “permitirá a elaboración de iniciativas didácticas e pedagóxicas que estimulen o interese das novas xeracións por un patrimonio que por dereito lles pertence e do que son os principais depositarios.”