A Consellería de Cultura e Educación súmase á comunidade museística mundial na celebración do Día Internacional dos Museos enchendo de actividades os seus centros dependentes

O Centro Galego de Arte Contemporáneo, o Museo das Peregrinacións, o Museo Pedagóxico de Galicia, o Museo de Belas a Artes, o Museo do Mar, o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo de Viladonga e o Museo Massó abordan nesta ocasión o tema “Museos (memoria + creatividade) = progreso social”, protagonista do DIM 2013

Un dos centros participantes na programación de conxunta de Cultura e Educación, o Museo Etnolóxico de Ribadavia vén de recibir a ‘Mención de Honor’ obtida no III Premio Iberoamericano de Educación e Museos

Mar, 14/05/2013 - 13:25
 A Consellería de Cultura e Educación súmase á comunidade museística mundial na
A Consellería de Cultura e Educación súmase á comunidade museística mundial na celebración do Día Internacional dos Museos enchendo de actividades os seus centros dependentes

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Museos 2013 (DIM 2013), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase á comunidade museística internacional impulsando unha ampla programación cultural nos seus centros dependentes. Deste xeito o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Mar de Galicia, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo do Castro de Viladonga e o Museo Massó ofrecen entre o 14 e o 18 de maio unha serie de actividades coas que celebrar o DIM 2013 e afondar no tema elixido nesta ocasión polo International Council of Museums (ICOM), “Museos (memoria + creatividade) = progreso social”. Cómpre salientar ademais que un destes museos participantes da programación conxunta de Cultura e Educación, o Etnolóxico de Ribadavia, vén de ser distinguido no ‘III Premio Iberoamericano de Educación y Museos’ coa ‘Mención de Honor’ ao Proxecto Museo Aberto. O centro ribadaviense alcanzou este galardón –xunto con outros 15 centros–, entre máis de 200 candidatos do ámbito iberoamericano.

Santiago, a oferta do CGAC, o Museo da Cidade e o MUPEGA

O CGAC inicia, co gallo da celebración do DIM, unha nova edición do ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras que arrancará o xoves 16 de maio e compartirá, ademais, co Museo do Pobo Galego o espectáculo de danza Dous espazos, tres movementos o sábado 18 de maio. Correspondencias sonoras consolídase como unha das citas máis relevantes da creación musical en Galicia e caracterízase polo diálogo entre a música e a arte do noso tempo a partires das  exposicións temporais do CGAC.

Vertixe Sonora Ensemble, formación encargada de dirixir e desenvolver o ciclo, convida a diferentes compositores a crearen doce obras novas coa única premisa de que transiten pola obra dos artistas Miguel Palma, James Welling, Ricardo Basbaum e Graham Gussim, creadores que pasarán polo CGAC ao longo deste ano.

O vindeiro xoves 16 de maio terá lugar o primeiro dos concertos baixo o título Utopía sonora, que toma como referencia as obras do artista portugués Miguel Palma. Un espectáculo con obras de Malin Bang (Suecia, 1974), Marianthi Papalexandri-Alexandri (Grecia, 1974) e Manuel Rodríguez Valenzuela (España, 1980), onde os instrumentos son manipulados e transformados acusticamente por diferentes e variados obxectos.

O sábado 18 de maio, o CGAC, o parque de Bonaval e o Museo do Pobo Galego acollerán o espectáculo Dous espazos, tres movementos da compañía trasPediante. Marta Alonso, Paulina Funes e Begoña Cuquejo son as intérpretes creadoras. O espectáculo de danza usa a poética do movemento para ensamblar elementos aparentemente dispares. A peza comeza nos exteriores de San Domingos de Bonaval, para achegarse despois ao Museo do Pobo Galego e ao CGAC. As tres artistas debuxarán un percorrido entre estes lugares a través de tres espectáculos da compañía HabelasBaleadas e Track 6. A cita será ás 12:30 h e contará coa música en directo de Ariel Ninas. Pode atoparse información adicional no web do museo http://cgac.xunta.es/noticia-detalle/91/CELEBRACIÓN-DO-DÍA-INTERNACIONAL-DOS-MUSEOS

No caso do Museo das Peregrinacións e de Santiago, con motivo da mostra ‘Les gens du chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer’, este centro ofrece diversas actividades gratuítas que buscan achegar ao público o coñecemento da historia e da cultura xitana que, tras séculos de marxinación e discriminación, mantén a súa esencia. Hoxe mesmo Sebastián Porras Soto, vicepresidente da Fundació Pere Closa, e Irene Cortiñas, mediadora intercultural da Fundación Secretariado Gitano de Lugo impartiron a charla ‘¿Quen somos os Rroma?’ Ao remate da mesma Sebastián Porras contou unha lenda tradicional acompañado por música de guitarra en directo. A actividade estivo dirixida a estudantes universitarios de Educación Social, Traballo Social, Orientadores de Educación Secundaria e público adulto en xeral.

Os días 14, 15 e 16 ofértase no devandito Museo de Peregrinacións unha sesión literaria e espectacular, ‘Contos Rromané’, que ten como obxectivo dar a coñecer aspectos da cultura xitana e afondar no concepto de igualdade e diferenza empregando a narración e a música de guitarra flamenca en directo. Sebastián Porras Soto e Manuel Cortés Muñoz serán os condutores das sesións. Trátase dunha actividade dirixida a escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria.

Pola súa banda o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) realizará mañá unha xornada interxeracional no museo conxuntamente con AGADEA e o CEIP Igrexa-Calo, e o día 21 acollerá a presentación do libro Tastabarás do profesor ferrolán Antón Cortizas, que recolle arredor de 2.000 xogos populares. Pode consultarse máis información na propia páxina do  museo http://www.edu.xunta.gal/mupega/.

Un percorrido musical polo Museo de Belas Artes

O Museo de Belas Artes da Coruña conmemorará o Día Internacional dos Museos cun repaso pola historia das obras que conforman as súas coleccións, unha visita guiada na xornada de portas abertas que vivirá este espazo o propio día 18. As reservas poderán facerse no web do museo http://museobelasartescoruna.xunta.es.

O programa de actividades na Coruña complétase cun percorrido polo museo animado coas músicas de cada época interpretadas en vivo; e cun concerto de jazz do grupo Pérquele no salón de actos do museo.

Museo do Mar de Galicia e Centro Arqueolóxico do Areal ‘Salinae

O Museo do Mar de Galicia celebra o DIM realizando unha xornada de portas abertas, ofrecendo ademais unha serie de actividades didácticas que conxugan ocio, diversión e aprendizaxe para nenos e maiores. A actividade comezará o propio día 18 ás 10:30 h., cando un dos acuaristas do museo se mergulle para alimentar á fauna do acuario, ofrecendo logo unha breve charla didáctica e poñéndose a disposición do público participante. Ás 12:30 h. haberá un contacontos para os máis pequenos “Marcus e o misterio do mar salgado”, no que se explicará a enorme importancia deste alimento na antigüidade. A actividade continuará ás 17:00 h. con “A Conquista do Mundo Submarino”, unha proposta didáctica coa que se pretende dar a coñecer de preto os segredos e descubrimentos dos fondos mariños a través da historia do mergullo.

Finalmente, no Centro Arqueolóxico do Areal ‘Salinae’, sito na viguesa rúa de Rosalía de Castro, ofertarase tamén o día 18 a actividade didáctica, “Os sabores de Roma”, unha viaxe no tempo usando a arqueoloxía como medio para descubrir e recrear diferentes aspectos da alimentación en época romana. Todas as actividades mencionadas requiren reserva previa. O programa completo pode consultarse na Axenda do web do museo http://museodomar.xunta.es/gl

pTecnoloxías ara descubrir a arqueoloxía en Ourense

A programación especial do DIM 2013 arrinca en Ourense, cunha visita ao taller de restauración do Museo Arqueolóxico Provincial, na que os asistentes poderán asistir ao desenvolvemento dos traballos de recuperación dunha pintura sobre lenzo, presenciando tarefas como a eliminación das deformacións da tea ou o seu reforzo. Será a primeira das actividades deste museo dependente da Consellería de Cultura e Educación, que ata o vindeiro día 19 ten previstas diferentes accións para todos os públicos para conmemorar esta efeméride, desde visitas guiadas á súa sala de exposición permanente ata presentacións individuais de pezas do seu catálogo. O calendario pode consultarse no web do museo, no enderezo http://www.musarqourense.xunta.es/actividades/museos-memoriacreatividade-progreso-social/

Cómpre salientar a especial atención que o Arqueolóxico de Ourense presta ás posibilidades das novas tecnoloxías para achegarse á cidadanía. Neste sentido, o venres 18 desenvolverase unha presentación do Camafeo das Burgas utilizando o microscopio binocular e a luz de fibra óptica, grazas ao que foi posible o descubrimento de procesos de fabricación desta peza que doutro xeito sería imposible coñecer. Ademais, os asistentes a esta actividade poderán coñecer as particularidades desta peza a través dunha reconstrución virtual a través das técnicas de animación e modelado 3D, que estará así mesmo a disposición de todos os interesados nun vídeo explicativo na conta de Facebook do museo. Esta técnica de recreación será tamén a utilizada para amosar a evolución do edificio histórico do Museo na Praza Maior, mediante unha maqueta virtual e unha animación de alta definición que reflectirá o sábado 18 as reformas, ampliación e cambios ao longo da historia.

Ribadavia lembra a Rosalía

Pola súa parte, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ten preparadas para mañá e pasado actividades nas que está prevista a participación de 120 escolares de primaria procedentes de centros educativos da bisbarra do Ribeiro. Coincidindo co 150 aniversario de Cantares Gallegos, os máis novos gozarán do contacontos ‘Ola ríos, ola fontes’, unha achega á poesía de Rosalía de Castro desde un punto de vista didáctico, conxugando música, recitado e vídeo, da man de Miguel Ángel Alonso e Jesús Andrés.

Así mesmo, o centro ribadaviense fará as delicias dos cativos con ‘O galo Quirico e os seus amigos’, un espectáculo de marionetas con teatriño e música en directo baseado nun texto de Bernardino Graña sobre o conto popular do Galo Quirico.

Viladonga, arqueoloxía para todos os públicos

Este museo de referencia no eido arqueolóxico realizará o propio día 18, a partir das 18:00 h. e en colaboración coa Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, diversas actividades conmemorativas do DIM e a Noite dos Museos pensadas para todos os públicos. Na Sala de actos inaugurarase a mostra fotográfica sobre a Noite dos Museos (2005-2012) e proxectaranse diversos documentais de tema arqueolóxico. No xardín haberá unha demostración de xogos populares a cargo do Club de Bolos ‘O Cadaval’, unha actuación do grupo de música tradicional ‘Os Valuros’ e, a partir das 21:00 h., unha Conferencia-concerto sobre música galega de tradición oral a cargo de Mini e Mero. Logo, no propio castro, realizaranse actividades de recreación histórica, coa participación do público, a cargo da Caetra Lucensiume as asociacións do castra (campamento) do Arde Lucus. Para concluír a xornada ofrécese unha visita nocturna guiada ao Castro, onde finalizan todas as actividades.

Do mesmo xeito, con motivo do Día Internacional dos Museos, o Museo de Viladonga organiza unha serie de actividades para nenos de educación infantil e primaria que complementan a difusión e acción didáctica do centro. Concretamente, o mércores 15 e o xoves 16 de maio, o Mago Rafa fará un espectáculo de ilusionismo para nenos e o luns 20 e, o martes 21, Titirimaña Teatro presentará “Perico o cangrexo”. Trátase dunha adaptación do conto do mesmo título da autora Amparo Gómez Cuerpo, con guión, dirección e interpretación de Isabel Gil e Cuca Fernández. Este conto pretende ensinar aos pequenos o coidado da natureza a través dos animais mariños que viven nas pozas da praia. O material didáctico do Museo pódese descargar tamén no sitio web www.aaviladonga.es accedendo ás diferentes unidades de traballo a través dos apartados de Actividades e Acción Didáctica.

A zanfona, protagonista no Massó

O Museo Massó, dependente da Consellería, escolleu como tema central para a conmemoración do DIM 2013 unha peza singular da súa colección: a zanfona que pertenceu á familia Massó, que se exporá xunto con outros instrumentos das mesmas características e cun organistrum, cedido para a ocasión por particulares. Así mesmo, o día 18  Carlos do Viso percorrerá as salas de exposición deste centro interpretando á zanfona cantigas de cego tradicionais, mentres que o domingo 19 haberá un concerto de organistrum, a cargo de Cristóbal Pascual e Marcos Campos. O programa dedicado a este instrumento completarase os días 25 e 26 co curso ‘A zanfona e os trobadores na tradición musical galega’ –impartido por Luciano Pérez–, no que os participantes construirán cadansúa caixa de música-zanfona coa melodía dunha das cantigas a Santa María de Afonso X ‘O Sabio’.

O museo de Bueu está tamén a desenvolver obradoiros para os máis pequenos arredor de temas náuticos, que rematarán o día 18 con ‘En busca do tesouro’, onde cativos de entre 5 e 9 anos buscarán a súa recompensa sobre un mapa inspirado na primeira volta ao mundo. A inscrición pode solicitarse a través das vías indicadas no web do museo http://museomasso.blogspot.com.es/.

DIM 2013, Memoria + creatividade = progreso social

O Consello Internacional de Museos (ICOM) instituíu en 1977 o Día Internacional dos Museos para sensibilizar ao público sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. Desde entón o evento adquiriu unha gran popularidade. De feito, en 2012 alcanzouse unha participación récord, con 32.000 museos de 129 países involucrados.

O tema proposto para este ano é “Museos (memoria+creatividade) = progreso social”, pon en valor o papel que desempeñan os museos na preservación, dinamización e difusión da cultura como piar dunha sociedade avanzada. Aínda que cada un dos centros ten diferentes intereses e atrae visitantes diversos en función do contido que alberga e as actividades que ofrece, nun momento no que o mundo parece cambiar máis rápido que nunca, os museos, grandes ou pequenos, únense para traballar en torno á memoria e a creatividade e facer escoitar a súa voz.