O conselleiro de Cultura e Educación visitou a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo no día de portas abertas co gallo da celebración do seu 125 aniversario

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o centro, no que se está a conmemorar máis dun século de historia como centro de ensino dedicado á arte

Xov, 25/04/2013 - 17:15
O conselleiro de Cultura e Educación visitou a Escola de Arte e Superior de Dese
O conselleiro de Cultura e Educación visitou a Escola de Arte e Superior de Dese

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe á Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela) no segundo día de portas abertas coas que o centro está a celebrar o seu 125 aniversario. No seu percorrido pola escola o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.

Desde onte e ao longo de toda a xornada de hoxe a Mestre Mateo ofrece visitas ao centro e actividades relacionadas coas ensinanzas que nela se imparten, tales como obradoiros de escultura dixital, de fotografía, de xoiaría ou de elaboración de bonecos con fío e arame, entre outros. Ademais a escola conmemorou os seus 125 anos cun ciclo de conferencias abertas ao público e de obradoiros para o alumnado das distintas especialidades, arredor de disciplinas como a arquitectura, a fotografía, o deseño de moda, a xoiaría e o deseño de produto.

Historia

A Mestre Mateo naceu no ano 1886 como un dos 7 centros de distrito das Escolas de Artes e Oficios de España, xunto aos de  Alcoy, Almería, Béjar, Gijón, Logroño, Villanueva i la Geltrú, con central en Madrid. No ano 1988 abriu as súas portas por primeira vez, no edificio San Clemente (actual IES Rosalía de Castro), patrocinada pola Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Deputación Provincial, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago, e con Eugenio Montero Ríos como mentor principal.

Ao longo da súa historia a escola supuxo para moitos artesáns e obreiros unha importante oportunidade de recibir unha formación xeral, sendo ademais un centro de referencia en Galicia na instrución técnica. A Escola foi, ademais, viveiro de artistas como Genaro Carrero Fernández, José Eiroa Barral, Mateo Larrauri Martínez, Maximino Magariños Rodríguez ou o fotógrafo Manuel Chicharro; e mesmo Ramón Mª del Valle Inclán e Francisco Leiro pasaron polas súas aulas.

Na actualidade o centro imparte ensinanzas de Deseño de Moda e de Produto, ciclos superiores de Escultura, Arquitectura Efémera, Fotografía e Xoiaría, así como cursos monográficos e de especialización.