A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez probas libres para a obtención do nivel C1 de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas

O prazo de matrícula para todas as probas libres de certificación de ensinanzas de idiomas abrirase este venres 26
O vindeiro curso comezarán a impartirse ensinanzas regradas do nivel C1 nas EOI galegas
Mér, 24/04/2013 - 17:56
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez probas libres para
A Consellería de Cultura e Educación convoca por primeira vez probas libres para a obtención do nivel C1 de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará este ano por primeira vez probas libres para a certificación no nivel C1 en inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas, no marco da adecuación progresiva que está a facer nestes centros á totalidade dos niveis do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (A1-C2). O prazo de matrícula para todas as probas libres de certificación de ensinanzas de idiomas que se realicen nas EOIs abrirase este venres 26, ata o 10 de maior. Os interesados deberán inscribirse nas probas a través do enderezo web desde o enderezo web https://www.informaticacentros.com/xunta.

As novas probas de nivel C administraranse nas EOI da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Deste xeito dáse resposta a unha demanda da cidadanía galega a través deste Plan de Potenciación, estratexia posta en marcha pola Consellería para facilitar que as galegas e os galegos poidan adquirir e mellorar as súas competencias en outras linguas, co fin de atopar maiores oportunidades no mundo académico e profesional.

Así mesmo, esta convocatoria permitirá que o profesorado que estea a realizar os cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) acredite nas Escolas Oficiais de Idiomas o nivel de competencia lingüística que lle permitirá impartir nunha lingua estranxeira materias, áreas ou módulos non lingüísticos nas seccións bilingües e centros plurilingües da Comunidade Autónoma de Galicia

Cursos presenciais de nivel C

Ademais da convocatoria destas probas libres, está previsto que a Consellería está a elaborar a oferta educativa das Escolas Oficiais de Idiomas para o curso 2013-2014, que xa incluirá cursos presenciais de nivel C1. Para iso reforzaranse os cadros de profesorado, o que suporá un maior numero de profesorado grazas ao aumento da oferta de cursos nas novas seccións que se abriron no presente curso escolar.

Neste sentido cómpre lembrar que no ano académico 2012/2013 2013 abríronse 7 novas seccións en As Pontes de García Rodríguez, Sarria, Burela, Celanova, Ribadavia, Ourense e Redondela, de acordo coas medidas de apoio ao plan de potenciación de linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Estas novas seccións, coas que o número de centros se ve ampliado a 11 escolas e 27 seccións cunha oferta de ata 11 linguas, permiten atender a 850 alumnas e alumnos máis que no curso anterior.

Modelo de ensinanzas único en Europa

A rede de Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia supoñen un modelo de ensino de linguas único en Europa, polo seu carácter regrado e a certificación oficial das súas ensinanzas, que responde ás novas demandas en formación lingüística das cidadás e cidadáns, especialmente en idiomas como o alemán e o chinés, que viron aumentada a súa oferta nos últimos anos. Do mesmo xeito, estes centros colaboran coa oferta de cursos de linguas destinados a profesionais de distintos sectores, tales como comercio e turismo. Ademais, ofértanse cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, así como cursos para a preparación das probas Celga, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Igualmente, as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia contan neste curso escolar cun total de 31 auxiliares de conversa en inglés, francés, alemán e chinés, co fin de facilitar a práctica da conversa oral e de achegar o alumnado á cultura dos países onde se falan as linguas estranxeiras obxecto de estudo. Debido á importancia desta figura na aprendizaxe activa de linguas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé un aumento dos auxiliares de conversa nas EEOOII ata un total de 33 no vindeiro curso.