‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ chega a Rois, da man da Consellería de Cultura e Educación

A exposición coa que a Xunta de Galicia lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega continúa a súa itinerancia en colaboración coas entidades municipais pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

O acto de inauguración, que tivo lugar no Edificio Multiúsos, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

Mér, 24/04/2013 - 13:31
 O acto de inauguración, que tivo lugar no Edificio Multiúsos, contou coa partic
O acto de inauguración, que tivo lugar no Edificio Multiúsos, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe en Rois a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”. A exposición chega a este concello no marco da itinerancia que está a ter en localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta acción é ofrecerlle á cidadanía galega un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego e, asemade, un percorrido pola vida do autor da obra, o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Na apertura da mostra participaron o secretario xeral, Valentín García Gómez, e mais o rexedor da localidade, Ramón Tojo Lens, acompañados por Neira Vilas.

Encontro de Neira Vilas con escolares

O auditorio do Edificio Multiúsos acolleu, logo do percorrido inaugural da mostra, un coloquio do escritor con alumnado do segundo ciclo de primaria e do primeiro de secundaria da localidade, acompañados polo seu profesorado e por integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega. Nel, a rapazada tivo oportunidade de falar co autor arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman a súa ampla produción literaria, nomeadamente Memorias dun neno labrego e o coñecido Balbino. O encontro foi conducido pola técnica de normalización lingüística, Inamaculada Seage.

Xosé Neira Vilas leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para achegarlles as Memorias dun neno labrego ás nenas e aos nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, o personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao autor debuxos ou cartas inspirados na lectura das experiencias vitais do pequeno protagonista.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés). 

Dende o hoxe e ata o vindeiro 3 de maio poderase visitar en Rois, tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia, así comopolas localidades de Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei e Dodro. As vindeiras paradas serán Padrón (a partir do 6 de maio), Outes e Fisterra, todos eles concellos pertencentes á RDL da Xunta de Galicia.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Menús News node R