Xesús Vázquez Abad participa na entrega dos XXIII Premios da Irmandade do Libro que “debuxan cada ano o panorama editorial da nosa comunidade”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sinalou a importancia desta cita para “coñecermos as dinámicas que se dan no desenvolvemento do libro galego, ás fórmulas que vai creando a nosa sociedade, e para darmos a formación axeitada á infancia e á xuventude”
Para Xesús Vázquez Abad, os seis premiados “ofrecen de novo a imaxe real dunha Galicia de cultura, con innumerables traxectorias en prol do libro”
Sáb, 20/04/2013 - 20:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu no serán de hoxe á entrega dos XXII Premios da Irmandade do Libro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu no serán de hoxe á entrega dos XXII Premios da Irmandade do Libro que promove a Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e o concello monfortino. O acto celebrado na Casa da Cultura de Monforte contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. 

Nas súas verbas o conselleiro asegurou que os Premios da Irmandade do Libro “debuxan cada ano o panorama editorial da nosa comunidade”. Deste xeito resaltou a importancia de citas coma esta para “coñecermos as dinámicas que se dan no desenvolvemento do libro galego e no que atinxe ás fórmulas que vai creando a nosa sociedade”. “Para lle darmos a formación axeitada á infancia e á xuventude que se incorpora á construción desta Galicia contemporánea”, engadiu. Tocante o apoio que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realiza de cara ao traballo da Federación de Libreiros de Galicia, Xesús Vázquez destacou a “importancia do tecido libreiro para unha poboación diseminada, o valor da profesionalidade ante este público e a súa capacidade de transmitir con criterio a produción galega”.

Para Xesús Vázquez Abad, os premiados nas categorías de autor, centros de ensino, libro do ano, obras editoriais, fomento da lectura e librarías, “veñen sen dúbida a prolongar a nómina dos vinte e dous anos de vixencia dos premios, e todos eles ofrecen de novo a imaxe real dunha Galicia de cultura, con innumerables traxectorias en prol do libro, desde moi diferentes ámbitos de actuación e desde puntos de vista de riquísima diversidade”. O conselleiro transmitiu o seu “recoñecemento para os que resultaron escollidos nesta ocasión”. 

Asemade, na súa intervención o conselleiro destacou a idoneidade de escoller a Monforte de Lemos como sede da entrega dos Premios, unha vila que “conta con sona en diversos ámbitos da cultura, tanto polo seu patrimonio material como pola calidade e receptividade da súa veciñanza cara ás expresións creativas que chegan a ela”.

XXIII Premios da Irmandade do Libro

Os XXII Premios da Irmandade do Libro celebrados en Monforte de Lemos recollen a testemuña de Lalín. A comarca do Deza celebrou no ano 2012 a vixésimo primeira edición duns galardóns que recoñecen o bo labor que veñen desempeñando as persoas e colectivos da literatura galega. Os gañadores deste ano reciben un diploma acreditativo e mais cadansúa escultura de bronce, da autoría de Ismael López Fernández.

O xoves 11 de abril, produciuse a penúltima reunión do xurado para elixirse, como é tradicional, ao autor ou autora gañadora da edición dos premios do ano. Nesta edición o fallo do xurado recaeu na escritora María Xosé Queizán por unanimidade. Os motivos que se esconden detrás desta nominación enuméranse na súa longa traxectoria e no seu traballo denodado a prol do galego dende todos os xéneros. Este premio recoñece anualmente a un autor o autora que, cun título publicado no ano anterior, se distinga pola súa traxectoria en defensa do libro e da lectura, especialmente en galego.

Asemade nesta convocatoria, foron premiados outros cinco candidatos nas categorías de centros de ensino, libro do ano, obras editoriais, fomento da lectura e librarías. A librería Kómic de Santiago de Compostela foi premiada polo labor que ten realizado a favor do libro. Na categoría de centros de ensino, recoñécense as actividades relacionadas co fomento da literatura e da lectura en xeral e da galega en particular, do CEIP de Quintela, de Moaña. A noite branca,de Francisco Fernández Naval recibiu o premio ao libro do ano 2012 e as Guías da natureza, de Baía, foron seleccionadas como a obra editorial do ano 2012. Ambos os dous póla súa calidade, esforzo e interese suscitado ao longo do ano. Por último, a web ‘Galicia encantada’ foi galardoada co premio ao fomento da lectura pola súa contribución  á promoción e divulgación do libro e a lectura.

Monforte núcleo literario

A localidade monfortina tamén será este ano un dos escenarios das Feiras do Libro de Galicia, iniciativa que promove a Federación de Librarías coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. A Consellería de Cultura e Educación reforza este ano as Feiras do Libro co seu apoio a catro citas máis que en 2012, concretamente as de Monforte de Lemos, Pontevedra, Foz e Rianxo. Ademais, as feiras tamén chegarán en 2013, entre os meses de abril e de agosto, á Coruña, a Santiago de Compostela, a Vigo, a Ourense, a Viveiro, a Lugo e a Ferrol. Nesta última cidade será onde hoxe mesmo bote a andar a nova edición das Feiras do Libro de Galicia.