A Consellería de Cultura e Educación participa na apertura dos XV Encontros para a Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe en Santiago este foro anual de referencia para os profesionais técnicos da dinamización lingüística en Galicia, nos que a Xunta colabora co Consello da Cultura Galega
Xov, 18/04/2013 - 11:47
O secretario xeral de Política Lingüística, na inauguración do foro
O secretario xeral de Política Lingüística, na inauguración do foro

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou esta mañá na apertura dos Encontros para a Normalización Lingüística, que este ano chegan á súa XV edición centrados na análise e no debate arredor dos 30 anos de vixencia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega na organización deste evento, que congrega anualmente en Santiago de Compostela máis dun cento de profesionais especialistas do ámbito da dinamización lingüística que desenvolven o seu traballo no ensino, nas administracións, nas institucións, etc.

No acto inaugural, o secretario xeral estivo acompañado polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; polo director do CDSG, Henrique Monteagudo; pola presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), Valentina Formoso, e mais polo presidente da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal.

Seguir avanzando na normalización da lingua

García Gómez sinalou, na súa intervención, que “ao longo destas tres décadas hai moito camiño andado no que podemos destacar fitos de especial incidencia no proceso de normalización lingüística en Galicia, como a Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, en 1988; a aprobación unánime do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en 2004; a adaptación do sistema de acreditación da lingua galega ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas, no ano 2005; ou a constitución da Rede de Dinamización Lingüística, en outubro de 2011, coa que conseguimos que, por vez primeira nestes 30 anos, desde a Administración autonómica se estean a coordinar accións conxuntas de normalización do galego en máis de 150 concellos, mancomunidades, deputacións, consorcios e outras entidades que traballan para promover socialmente o uso do idioma propio de Galicia”.

“Con todo –manifestou o secretario xeral– queda aínda moito camiño por andar na plena normalización do noso idioma, en cuxa consecución cómpre afastármonos de discursos pesimistas e debates estériles para achegarmos posturas de consenso desde as que seguir construíndo e reforzando os piares imprescindibles que nos garantan que a nosa lingua ten fortaleza abonda para continuar sendo propia, rica, moderna, útil e competitiva no contexto do século XXI”.

Tres décadas a análise e a debate

Durante dous días os XV Encontros para a Normalización Lingüística, que se desenvolverán na sede do Consello da Cultura Galega, afondarán no proceso de normalización lingüística iniciado en xuño de 1983, coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia por unanimidade do Parlamento galego.

O politólogo, consultor e investigador Xaime Subiela –recentemente galardoado co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio– foi o encargado de abrir hoxe as sesións dos XV Encontros, cunha coferencia centrada nas tres décadas da normalización en Galicia. A continuación, a mesa de traballo Lingua e sociedade en Galicia: 1983-2013 pechou a sesión da mañá, que continuou pola tarde con outra centrada nos 30 anos de política lingüística catalá e vasca.

Nesta última participaron o investigador do Institut d’Estudis Catalans –que actualmente desenvolve o seu labor no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería de Cultura e Educación– Esteve Valls e mais Patxi Baztarrika, técnico de éuscaro e actual viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, autor do coñecido ensaio Babel ou Barbarie: unha política lingüística lexítima e eficaz para a convivencia. Co debate Lingua, sociedade e política pecharase a primeira das xornadas.

Posta en común de experiencias normalizadoras

Mañá venres, abrirase a segunda xornada cun debate arredor do marco normativo do galego no ensino, que se complementará cunha mesa de experiencias na que participarán diferentes membros da comunidade educativa galega. Na última sesión, a profesora edimburguesa especialista en sociolingüística Bernardette O’Rourke pronunciará un relatorio centrado nas actitudes da mocidade cara ao galego. A continuación, María Reimóndez e Henrique Sanfiz exporán os proxectos Implicad@s no Desenvolvemento e Vitaminas para o galego, respectivamente, para analizaren as posibilidades de extrapolar as experiencias baseadas na cooperación e no traballo colaborativo ás accións propias da normalización lingüística.

Xusto Rodríguez e mais Alejandro Lamas presentarán, na derradeira mesa, a aplicación da base de datos terminolóxica en liña bUSCatermos para dispositivos móbiles, canda Queca Carballo, que dará a coñecer os avances do Viveiro de propostas normalizadoras impulsado desde a CTNL.

Colaboración estable co Consello da Cultura Galega

A Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o Consello da Cultura Galega manteñen un marco de colaboración estable en materia de promoción da lingua galega, que foi ratificado hai unhas semanas, e que lle dá continuidade anual ao apoio establecido polo Goberno galego coa institución desde o ano 2010.