O Consello da Xunta aproba o Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
Xov, 20/05/2010 - 15:02

O Goberno galego aprobou o Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia na reunión do Consello da Xunta celebrada hoxe.

Con este novo marco educativo, a actual Xunta de Galicia leva adiante o seu compromiso de garantir a competencia plena nas dúas linguas oficiais, a través dun equilibrio cuantitativo e cualitativo de galego e castelán en todas as etapas escolares. Ao mesmo tempo, aposta polo coñecemento progresivo de lingua(s) estranxeira(s), unha materia pendente do sistema educativo para formar o alumnado nas necesidades sociais e laborais do século XXI.

Ademais, o Decreto para o plurilingüismo favorece a participación e colaboración das familias na definición do marco lingüístico educativo e promove a lingua galega, co fin de favorecer a súa adquisición por parte de toda a comunidade educativa.

O Decreto para o plurilingüismo construíuse sobre o marco legal galego, tendo en conta a vontade dos galegos e das galegas expresada nas pasadas eleccións autonómicas, así como o resultado da consulta ás familias realizada en xuño de 2009. Ademais, o Goberno galego incorporou suxestións realizadas polas máis de trinta entidades que o Goberno galego escoitou no trámite de audiencia –entre elas o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega– e tivo en conta observacións da Mesa Sectorial de Educación e do Consello Escolar, así como o ditame recentemente realizado polo Consello Consultivo.

Froito deste esforzo por dialogar coas forzas sociais e políticas, cómpre salientar os máis de cincuenta cambios incorporados sobre o borrador inicial presentado en decembro de 2009, cos cales se garante que o novo decreto sexa un punto de encontro para a gran maioría da cidadanía galega.